Os Boston Celtics son un equipo profesional estadounidense de baloncesto con sede en Boston, Massachusetts, que xoga na División Atlántico da Conferencia Leste na National Basketball Association (NBA). Os Celtics foron fundados en 1946 e son propiedade de Boston Basketball Partners LLC. Con dezasete campionatos son o equipo da NBA con máis títulos. A época de maior dominación "celtic" na historia da competición foi de 1957 a 1969, cando conseguiron once campionatos en trece anos, oito deles de xeito consecutivo, o que aínda é a meirande racha de títulos consecutivos gañados por calquera franquía do deporte profesional norteamericano. No presente xogan os seus encontros coma local no TD Garden.
Os Celtics dominaron a liga ou desempeñaron un importante papel nos playoffs dende a década de 1950 até os anos 1980. Con todo, despois da morte da segunda elección do Draft Len Bias, en 1986 e de Reggie Lewis en 1993, o equipo caeu nun declive constante, só chegando aos playoffs en catro ocasións dende 1996 até 2007. Mais a franquía volveu recentemente ao cumio da liga, cando Kevin Garnett e Ray Allen se uniron a Paul Pierce durante o 2007, acadando de novo, o 17 de xuño de 2008, o seu décimo sétimo campionato ao derrotar a Los Angeles Lakers por 4-2 nas Finais. Catro Celtics, Bob Cousy, Bill Russell, Dave Cowens e Larry Bird gañaron o premio ao Xogador Máis Valioso da NBA, cun rexistro total de 10 premios en toda a súa historia, o máximo da NBA.
Historia 1946–1956: Construíndo unha dinastía A franquía de Boston foi fundada o 6 de xuño de 1946 por Walter A. Brown, pasando a formar parte da Basketball Association of America (BAA, do inglés: Asociación de Baloncesto de América) e da National Basketball Association (NBA) en 1949. Nestes primeiros anos, adestrados por Honey Russell e Alvin Julian, o equipo non amosa competitividade e non chega a destacar na competición. Desta época cómpre destacar que os Celtics fixeron a primeira incorporación dun xogador afroamericano, Chuck Cooper.
Na campaña inaugural de competición (1946-47), conseguiron un rexistro negativo de 22 vitorias fronte a 38 derrotas, quedando o final da tempada nos últimos postos da División Leste. Con todo, ao ano seguinte, conseguiron chegar ata os playoffs, mais sendo inmediatamente eliminados polos Chicago Stags. Na seguinte tempada, 1948-49, adestrados por Alvin Julian, volveron a non acadar postos de playoffs, o mesmo resultado que conseguirían na seguinte campaña (1949-50), xa dentro da NBA.
Con todo, a sorte dos Celtics comeza a cambiar ao chegar a 1950, ano no que chega ao club Red Auerbach, mesmo ano no que chega unha das primeiras estrelas da franquía, Bob Cousy, tras adquirir Auerbach os seus dereitos nun sorteo tralo desmantelamento do equipo dos Chicago Stags. Así, na tempada 1950-51, coas estreas de Auerbach e Cousy e a incorporación de Ed Macauley, Boston consegue o seu primeiro récord de vitorias positivo, mais caendo outra vez na primeira rolda de playoffs, esta vez fronte os New York Knicks, que logo chegarían ás Finais. En 1952 unha nova estrela chega ao equipo, Bill Sharman, mais a historia volve a repetirse, e os Celtics caen de novo fronte os Knicks. Porén, ao ano seguinte os de Boston conseguen un récord de 45 vitorias e pasan a primeira rolda de playoffs, esta vez caendo en semifinais mais outra vez fronte os de Nova York.
En 1954, con 42 vitorias, o trío Cousy-Sharman-Macauley repetiría resultados e non superaría a segunda rolda dos play-offs. A comezos da tempada 1954-55 incorporaríase Frank Ramsey, mais Boston só lograría igualar unha vez máis a súa propia marca e caer eliminado na segunda rolda. Os resultados empeoraron levemente en 1955-56, cando Boston caeu na primeira rolda. Ante as dificultades de Macauley para erixirse como un dos grandes pivotes da liga, Auerbach pensou que chegara o momento de dar un xiro importante. Así sucedeuse o traspaso máis importante da historia da NBA até ese momento, Ed Macauley e Cliff Hagan serían enviados os St. Louis Hawks a cambio dos dereitos da segunda elección no Draft, Bill Russell. Russell, viña de liderar a selección da baloncesto de Estados Unidos nos Xogos Olímpicos de Melbourne 1956. Este sería o comezo da dinastía.
1957–1969: A dinastía miniatura|esquerda|Bob Cousy (1950–1963). Na tempada 1956-57, o novato Bill Russell, xunto a Bob Cousy e Bill Sharman, e coa contribución do tamén debutante Tom Heinsohn, Boston trocaría a súa sorte e acadaría o primeiro campionato da súa historia. Nesta ocasión os de Boston venceron na final aos St. Louis Hawks, equipo que lle permitira aos Celtics adquirir a Russell, por 4 xogos a 3. Con todo a mala sorte regresou e na tempada seguinte, unha lesión de Russell impediu a Boston revalidar o título. Con todo, a partir da tempada 1958-59, o equipo abriría unha serie de nove campionatos consecutivos liderados por Russell. Nas dúas últimas tempadas da década, o peso do equipo repartíano Bill Russell, Dave Cowens, Bill Sharman, Tom Heinsohn, Frank Ramsey e un puxante Sam Jones, elixido no Draft de 1957.
Con ese cadro, os anos sesenta convertéronse nos máis brillantes da historia da franquía, pois entre 1960 e 1969, os Celtics conseguiron nove campionatos da NBA. Os campionatos dos primeiros anos estiveron caracterizados pola importancia dos mesmos xogadores que gañara os tres títulos anteriores. Así, Heinsohn, Sharman, Cousy, Ramsey e Jones completarían a Russell na carreira polo título da temporada 1960-61, ano no que ademais se incorporaría ao equipo outro dos seus futuros piares: Tom Sanders. Con todo, ao rematar ese ano, retiraríase Bill Sharman. miniatura|Bill Russell (1956–1969). En 1962, Sanders gañou peso específico en ausencia de Sharman e Boston obtivo o seu cuarto título consecutivo fronte os Lakers, ano que rematou coa elección no Draft de 1962, un mozo de Ohio chamado John Havlicek. "Hondo", como era alcumado este xogador, sería un xogador determinante nos seguintes títulos da franquía e xa no título de 1963 destacaría como un dos xogadores principais, converténdose co tempo no máximo anotador da historia da franquía, honra que aínda conserva. Porén, ao final da tempada retiraríase un dos primeiros piares dos bostonianos, Bob Cousy. Mais sen Cousy, en 1964, Havlicek e Jones converteríanse nos principais anotadores de Boston, que obtería o seu sexto título consecutivo contra San Francisco Warriors, tralo cal chegaría outra retirada, a de Frank Ramsey.
En 1965, un novo título obteríase de novo os Lakers, que nesta época converteríanse nos grandes rivais dos Celtics, formando unha das maiores rivalidades do deporte. Este novo título chegou cunha nova retirada, esta vez sería Tom Heinsohn. Mais iso non impediu revalidar de novo o título en 1966, o oitavo título consecutivo, e de novo ante os Lakers. Máis outra retirada chegou, esta vez non foi dun xogador, senón do home que construíra a dinastía, Red Auerbach. Con todo outros dous novos mozos comezaban a destacar, Larry Siegfried e Don Nelson. Con todo, a tempada 1966-67 sería a única da década na que os Celtics non conseguirían o título, caendo por 4-1 fronte os Philadelphia 76ers de Wilt Chamberlain nas Finais de Conferencia.
Dende ese mesmo ano Bill Russell combinaría funcións de xogador e adestrador. Mais coa marcha de Auerbach tamén chegou un novo reforzo, Bailey Howell, que chegara a través do traspaso de Mel Counts aos Baltimore Bullets e así, Boston volvería a conseguir o campionato en 1968 fronte a Sixers, elixindo ademais no Draft a un mozo Don Chaney, e o de 1969 fronte os Lakers de Wilt Chamberlain, Elgin Baylor e Jerry West. Trala tempada 1968-69, unha época chagaría o seu fin: Russell retiraríase coma xogador e adestrador, cargo que ocuparía desde aquel momento Heinsohn. Sen el, nin o tamén retirado Jones, Boston non chegaría nin a clasificarse para os playoffs de 1970. Ademais, Salvo por Havliceck e Nelson, os Celtics eran un equipo envellecido que debía reconstruírse. O proceso empezaría coa elección de Chaney, á que seguiría a de Jo Jo White no Draft de 1969, e completaríase na década seguinte.
1970–1978: Reconstruído a dinastía miniatura|esquerda|Don Nelson (1965−1976). Os anos 70 foron os da década post-Russell e, a pesar dalgúns malos anos, estes tiveron máis luces que sombras, pois non deixaron de significar anos de bo nivel de xogo en xeral e tamén de títulos. Se a década dos sesenta foi a de Bill Russell, a dos setenta sería, aínda que a outro nivel, a doutro pivote, Dave Cowens. Este xogador, elixido no Draft de 1970, sería o principal baluarte do equipo, aínda que non o exclusivo, nos próximos títulos que conseguirían. O outro gran piar do equipo seguiría sendo John Havlicek. Adestrados, aínda por Tom Heinsohn, a década comzou cuns Celtics en pleno proceso de reconstrución e cun fracaso no intento de chegar aos playoffs en 1971. Con todo, o quinteto de xogadores formado por Dave Cowens, John Havlicek, Jo Jo White, Don Nelson e Don Chaney iría aumentando pouco a pouco a súa capacidade, alcanzando ao ano seguinte a final de conferencia, mais caendo fronte os New York Knicks. En 1973 completaríase a reconstrución coa chegada de Paul Westphal e Paul Silas, que aínda caendo novamente ante os Knicks en sete duros partidos, acadarían o récord absoluto de vitorias en liga regular, 68.
Co equipo xa consolidado, Boston coroaríase campión no ano 1974, tras duras eliminatorias fronte os Buffalo Braves e os New York Knicks, chegarían á final fronte os Milwaukee Bucks de Oscar Robertson e do recentemente convertido ao islam Kareem Abdul-Jabbar, con John Havlicek alzándose como MVP das Finais. O ano seguinte, en 1974-75, Cowens toma o relevo de Havliceck como máximo anotador, mais a carreira cara ao título veríase interrompida polos Washington Bullets. Nese mesmo ano Westphal sería traspasado por Charlie Scott aos Phoenix Suns, mentres que Chaney incorporaríase á ABA, aínda que regresaría a Boston nun papel secundario de 1978 a 1980, rompéndose así a estrutura principal das tres últimas tempadas. Mais a decisión beneficiaría a Boston a curto prazo, xa que en 1976 se erixirían novamente campións ante os propios Suns, nunha eliminatoria na que destacaron unha vez máis Cowens e White xunto o propio Scott.
O ano 1977 marcaría o cambio de tendencia en Boston cara a negra etapa da segunda metade dos setenta. Antes de iniciarse a tempada 1976-77, Boston perdeu a Silas, nun polémico traspaso que trouxo a Boston a Curtis Rowe, retirándose ademais Don Nelson. Sen ambos xogadores, toda a responsabilidade caeu en Cowens, Havliceck, Scott e White, o que só serviu para superar a primeira rolda dos playoffs. O ano 1978 marcou o declive definitivo, os malos resultados propiciaron a destitución de Heinsohn, que foi substituído no banco polo ex xogador Tom Sanders. Ademais, Scott experimentou un declive, xogando tan só 31 partidos, así como resultado Boston nin sequera chagaría a clasificarse para os playoffs, e finalmente se non podía ser peor, John Havlicek se retiraría. O único positivo daquel ano tivo lugar o comezo e o final da tempada: a elección de Cedric Maxwell no Draft de 1977 e a dun rapaz universitario de Indiana chamado Larry Bird no do 1978, que aínda non se incorporaría á franquía.
A tempada de 1978-79 foi puramente de transición. Os playoffs escapáronse novamente e Sanders foi substituído por Cowens, quen compaxinou funcións de xogador e adestrador, até que en maio foi nomeado adestrador Bill Fitch. Porén, déronse algúns movementos maiores. Por iniciativa do propietario de Boston, Tony Brown, chegou ó equipo Bob McAdoo a cambio de Tom Barker e tres eleccións de primeira rolda do Draft cos Knicks. Así mesmo, incorporouse Nate Archibald, mentres que Jo Jo White se retiraría ao final da tempada.
1979–1992: Os anos de Larry Bird esquerda|miniatura|Larry Bird (1979–1992).