miniatura|dereita|Francis Picabia no seu estudo.

Francis-Marie Martínez de Picabia, nado en París o 22 de xaneiro de 1879 e finado na mesma cidade o 30 de novembro de 1953, foi un pintor francés. Amais de practicar a pintura e o debuxo, exerceu como escritor e poeta.

Tras comezar experimentando co impresionismo e o puntillismo, achegouse ao cubismo. Realizaba unhas composicións abstractas planas e moi coloridas e ricas en constrastes. Foi unha das primeiras figuras importantes do movemento dadaísta en Francia e nos Estados Unidos. Posteriormente asociouse, brevemente ao surrealismo para, finalmente, abandonar os círculos artísticos.

Traxectoria A súa nai, Marie Davanne, era francesa e o seu pai, hispano-cubano, traballaba de adxunto na embaixada española en Francia. Segundo algunhas fontes, o pai de Picabia tería ascendencia galega.

Estudou na Escola de Belas Artes e na Escola de Artes Decorativas de París. Alí recibiu unha forte influencia da pintura impresionista e fauvista. Destacou a súa admiración por Camille Pissarro e sobre todo por Alfred Sisley, a quen coñeceu en 1898. Entre os anos 1909 e 1911 estivo vinculado ao cubismo e foi membro do grupo de Puteaux, no que trabou grande amizade con Marcel Duchamp.

En 1913 viaxou aos EUA, onde contactou co grupo dadá norteamericano. Participou na exposición 'Armory Show e fundou xunto a Duchamp e Ray a revista predadaísta 291. Publicou o primeiro número da revista "391", como dadaísta convencido, en Barcelona en 1916, coa colaboración de Guillaume Apollinaire, Tristan Tzara, Man Ray e Jean Arp. Uniuse a Tzara e ao grupo dadá en Zürich en 1918.

Durante tempada na que viviu na Costa Azul, a súa obra estivo fortemente influída polo surrealismo, dentro do cal suliñaba a faceta humorística particularmente provocativa. De volta en París, creou, asociado con André Breton, a revista "491". Porén, en 1922 abandonou o dadaísmo, movemento do que fora un dos principais propagadores.

Desde moi cedo mostrou interese pola fotografía, na que logo se iniciou, e polo cine. En 1924 escribiu un guión delirante sobre unha partida de xadrez entre Marcel Duchamp e Man Ray para a curtametraxe Entr'acte. Estaba dirixido por René Clair para ser proxectado no entreacto do seu ballet "instantaneísta" Relâche, con coreografía de Jean Börlin e música de Erik Satie. Colaborou tamén nos Ballets suédois de Rolf de Maré, para os que realizou varios decorados.

Afeccionado á festa e aos automóbiles (tivo uns 150), chegou a arruinarse pola súa vida dispendiosa, malia a fortuna familiar que herdara. Este feito impulsouno a pintar un gran número de lenzos de pequeno tamaño e xéneros diversos, ás veces mesmo inspirados en revistas pornográficas. De modo persoal e non profesional, cultivou a poesía.

A finais de 1951, Picabia padecía unha aterosclerose paralisante que o obrigou a deixar de pintar. Finou en París o 30 de novembro de 1953.

Vida persoal En 1909 casou con Gabrièle Buffet. Tiveron dúas fillas e dous fillos: Laure Marie Catalina (1910), Pancho Gabriel François (1911), Gabrielle Cécile, Jeannine (1913) e Vincente (1919).

Características A influencia de Picabia é fundamental na introdución da vangarda artística contemporánea no continente americano, especialmente en Nova York. Picabia foi un home aberto a todas as correntes innovadoras e rexeitou ligarse a un único tipo de expresión. Pasaría por períodos ligados ao futurismo, á figuración e, desde 1945, á arte abstracta.

Obras destacadas Caoutchouc. 1909, acuarela sobre papel, 46 x 61,5 cm. Museo Nacional de Arte Moderna, París. Considerada un dos alicerces da arte abstracta. Udnie. 1913, óleo sobre lenzo, 290 x 300 cm. Museo Nacional de Art Moderna, París. Edtaonisl. 1913, óleo sobre lenzo, Art Institute, Chicago. Prostitution universelle (1916, Yale University Art Gallery, New Haven). Danse de Saint Guy (Tabac Rat) (1919, M.N.A.M, París) L'œil Cacodylate (1921, M.N.A.M, París). Chapeau de Paille? (Chapeu de palla ?) (1921, M.N.A.M, París). La femme au chien (Muller con can) (1924-26) Baigneuse (Bañista) (ca. 1925-26). Printemps (Primavera) (1938), Galerie Rose Fried USA). Flirt. Materiais diversos (chumbo, arame, palla,...) sobre lenzo, 92 x 73 cm. Vendido en poxa no 2004 por 908.238 €.

Escritos Cinquante-deux miroirs, outubro de 1917, Barcelona Poèmes et dessins de la Fille née sans mère, abril de 1918, Lausanne, Imprimeries réunies. Rééd. Allia, 1992. L'Îlot de Beau-Séjour dans le Canton de Nudité, xuño de 1918, Lausanne L'Athlète des Pompes funèbres, decembro de 1918, Bégnins Râteliers platoniques, decembro de 1918, Lausanne Poésie ron-ron, febreiro de 1919, Lausanne Pensées sans langage, abril de 1919, París Unique Eunuque febreiro de 1920, París, éditions Au Sans Pareil, coll. «Dada». Rééd. Allia, 19921992, Paris, éditions Allia, coll. « Avant Gardes » .. Jésus-Christ Rastaquouère, 1920, París, éditions Au Sans Pareil, coll. «Dada». Rééd. Allia, 19921996, Paris, Allia, coll. « Petite Collection » . Caravansérail, 1924, París, éditions Luc-Henri Mercié. Rééd. Belfond, 19751975, Paris, éditions Belfond. Choix de poèmes par Henri Parisot, 1947, París, éditions Guy Lévis Mano Lettres à Christine, 1945-1951, edición de Marc Dachy e Jean Sireuil, París, éditions Champ libre, 1988

Publicacións póstumas Écrits, edición de Olivier Revault d'Allonnes e Dominique Bouissou, París, Belfond, 1975 et 1978 Écrits critiques, edición de Carole Boulbès, prólogo de Bernard Noël, París, Mémoire du Livre, coll. «Essais», 2005 Correspondance avec Tristan Tzara et André Breton 1919-1924, edición de Henri Béhar, París, Gallimard, 2017

Notas

Categoría:Pintores de Francia Categoría:Pintores surrealistas Categoría:Dadaísmo Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1879 Categoría:Finados en 1953 Categoría:Pintores do cubismo