Manuel Quiroga Losada, nado en Pontevedra o 15 de abril de 1892 e finado na mesma cidade o 19 de abril de 1961, foi un reputado violinista, compositor e debuxante galego, posiblemente o músico galego que acadou maior renome internacional, sendo considerado un dos violinistas máis importantes do seu tempo. Foi anunciado en numerosas ocasións por parte dos críticos como "o mellor sucesor de Pablo Sarasate", e ás veces é referido como "o herdeiro espiritual de Sarasate".
Os grandes violinistas da súa época —Eugène Ysaÿe, Fritz Kreisler, George Enescu, Mischa Elman e Jascha Heifetz— así como compositores como Igor Stravinskii e Jean Sibelius, tiñan a arte de Quiroga en gran consideración. Guilhermina Suggia, a violonchelista portuguesa, describiu a súa interpretación de Il trillo del diavolo de Giuseppe Tartini como "marabillosa e impecable".
Traxectoria Primeiros anos miniatura|esquerda|Carlos, José, Manuel e seu pai José Quiroga Hermida en 1896. Manuel Quiroga naceu o 15 de abril de 1892 na rúa do Comercio, na zona vella de Pontevedra, rúa que leva o seu nome. Os seus pais eran José Quiroga Hermida, un comerciante de panos da cidade, e Pilar Losada Vázquez. Manuel foi o terceiro dos cinco que tivo o matrimonio, sendo os seus irmáns máis vellos Carlos Celso e José, e os máis novos Emilio e Pilar. miniatura|Manuel Quiroga de neno. Iniciouse no estudo do violín aos seis anos co violinista afeccionado local Juan Sagayo (outros cronistas sinalan a Antonio Medal ou a Isidoro Puga como profesores de Quiroga, mais non hai datos que o confirmen) animado polo seu pai e o seu irmán Carlos, quen comezara os seus estudos de violín e que espertou a admiración e inspiración do seu irmán máis novo. Posteriormente proseguiu os estudos cun mestre máis cualificado, Benito Medal. Quiroga realizou o seu primeiro concerto público no ano 1900, contando con tan só 8 anos de idade. Posteriormente ofreceu outros concertos, o 12 de xullo de 1903 no Café Moderno de Pontevedra, e en 1904 no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela. Ese mesmo ano recibiu unha bolsa da Deputación de Pontevedra para recibir clases no Conservatorio de Madrid con José del Hierro, un expoñente da escola violinística franco-belga que era considerado o violinista español máis destacado da época. En 1906 a familia Mugártegui de Pontevedra, que o admiraba, regaloulle un violín Amati de 1682, que sería o instrumento co que debutou no Liceo Teatro de Pontevedra e no Teatro Princesa de Madrid. Durante o seu tempo de estudo continuou a dar concertos en Madrid e en Galicia.
Foi durante os seus estudos en Madrid cando o novo violinista se iniciou na súa outra gran paixón, a pintura, como pintor afeccionado. En 1907 a revista Galicia de Madrid publicou varios debuxos e caricaturas do mozo.
Finalmente, o 14 de outubro de 1909, Manuel Quiroga finalizaba os seus estudos con José del Hierro no conservatorio madrileño e iniciou unha nova etapa de estudos, emprendendo co seu pai unha viaxe que debía ter rematado en Berlín, onde o novo Manuel Quiroga quería estudar co violinista que máis admiraba, Fritz Kreisler (quen co tempo se convertería no seu amigo). Porén non chegaría á capital alemá ao querer prepararse para entrar no Conservatorio de Música e Declamación de París, onde entraría ese mesmo ano.
París e inicios da súa carreira Con 16 anos de idade acadou o número un nas probas de acceso ó Conservatorio de París entre centos de aspirantes. No conservatorio parisiense cursou estudos avanzados con Jules Boucherit, estudando tamén durante dous anos con Édouard Nadaud, e recibindo clases de Jacques Thibaud, que daquela era un destacado solista internacional. Alí recibe a influencia dos intérpretes da escola francesa, e coñece ao romanés George Enescu, ao estadounidense de orixe austríaca Fritz Kreisler, e ao belga Eugène Ysaÿe, con quen fixo unha forte amizade. Este autor dedicou a Quiroga a súa sexta sonata para violín, xunto aos mencionados Enescu e Kreisler e a Joseph Szigeti, Jacques Thibaud e Mathieu Crickboom. Desta peza imprimíronse só dez exemplares, conservándose un deles no Museo Provincial de Pontevedra. miniatura|Manuel Quiroga en 1911.
En 1911 obtivo o primeiro premio do Conservatorio de París, sendo o segundo violinista español en logralo logo de Pablo Sarasate. No xurado estaban Gabriel Fauré e Kreisler. Isto permítelle dar os seus primeiros concertos por Francia e España. O 26 de agosto dese ano triunfa no Teatro Principal de Pontevedra, sendo levado a ombreiros desde alí ata a súa casa.
Na capital francesa gozou da compañía dos seus amigos íntimos Juan Ruiz Casaux e a pianista francesa Marta Leman (o seu nome francés era Marthe Lémann), unha rapaza de familia acomodada que o axudou economicamente, o introduciu na elite do mundo social parisiense, e que se convertería máis tarde na súa muller. No ambiente musical e artístico do París da época coñeceu e fixo amizade con personalidades como Manuel de Falla, Joaquín Turina, Pau Casals, Joaquín Nin, Alfred Cortot, Paul Paray ou Darius Milhaud.
Dous anos despois da súa chegada a París, en 1911, e con tan só 19 anos, presentouse e gañou o primeiro premio do Conservatorio de París competindo con outros 43 aspirantes, converténdose no máis novo en conseguilo ante un xurado presidido por Gabriel Fauré e no que se encontraban personalidades como Lucien Capet, Martin Pierre Marsick, Jules Boucherit, Jacques Thibaud, Hayet, Geloso, e o seu admirado Fritz Kreisler. Toda a prensa francesa fíxose eco do logro de Quiroga con titulares como "Sarasate non morreu, pois ten un continuador en Quiroga" (Le Monde Musical), ademais o compositor Alfred Bruneau escribiu en Le Matin:
Posteriormente gañou outros importantes premios, como o Sarasate, o Jules Garcin ou o Monnot.
miniatura|300px|Centos de persoas esperando a chegada de Quiroga á estación de Pontevedra.
Quiroga recibiu o maior premio do conservatorio parisiense o 13 de xullo de 1911, e oito días despois, o 21 de xullo, chegaba triunfal á súa cidade natal nun tren procedente de Donostia (cóntase que en cada estación pola que pasaba o tren do violinista galego unha multitude de xente o aclamaba). A cidade natal de Quiroga o recibiu coas rúas engalanadas, pasarrúas da banda de música, e coas autoridades agardando por el na estación xunto cunha multitude que agardaba na praza da estación para ver chegar ao novo violinista, que foi recibido con todos os honores e levado a ombreiros dende a estación ata a súa casa, onde dirixiu unhas verbas de agradecemento dende o balcón. Para celebrar o éxito, o 26 de agosto ofreceu un concerto no Teatro Principal acompañado ao piano de Enrique Granados.
A partir dese momento comeza a carreira concertística de Manuel Quiroga, a prensa fala sen descanso del e os teatros quedaban sempre pequenos, colgando o cartel de "non hai localidades" sempre que o violinista pontevedrés tocaba. As xiras e os concertos consolidárono como músico e virtuoso. En 1912 realizou unha xira polo Estado español coa orquestra do Conservatorio de París, dá recitais cos pianistas José Cubiles (que estrearía Noches en los jardines de España de Falla en 1916) e José Iturbi, así como co violonchelista Juan Casaux. En abril dese mesmo ano, o selo Gramophone gravou os seus primeiros discos. Estableceuse en París, asociándose alí con músicos como Paul Paray, Manuel Infante, Joaquín Nin e Ricardo Viñes, así como con Casals, Falla, Turina e Milhaud entre outros. En 1913 asinou o seu primeiro contrato de cinco anos co axente Jos J. Schürmann, que tamén era o representante de Jan Kubelík, Ignacy Jan Paderewski e Isadora Duncan entre outros artistas, e pouco despois inicia a súa primeira xira europea acompañado por José Iturbi.
No inicio da primeira guerra mundial, Quiroga encontrábase dando concertos en Austria con José Iturbi cando foi acusado de espionaxe e detido durante un breve período, ata que a mediación do rei español Afonso XIII asegurou a súa liberación. Logo do incidente regresou a Francia, porén a guerra levou á cancelación da súa xira europea, mais abriu a porta a novos horizontes nos Estados Unidos, que aínda era neutral, país que percorreu dende Nova York a San Francisco. Foi entón cando Schürmann cedeu os seus dereitos de contrato con Manuel Quiroga á Schuwer & Company de Nova York durante tres anos, o que obrigaba a Quiroga a permanecer cinco meses cada tempada e ofrecer catro concertos semanais. O 3 de outubro chegou a Nova York. Realizou catro xiras de moito éxito polos Estados Unidos e o Canadá durante os anos que durou a guerra, comezando en 1914, de novo xunto con Cubiles e Casaux, e tamén acompañado da pianista francesa Marta Leman. O seu debut americano foi ante unha audiencia de 5.000 persoas no New York Hippodrome, sobre este concerto o violinista pontevedrés lembraba:
Outros grandes violinistas como Mischa Elman, Efrem Zimbalist e Albert Spalding asistiron aos seus concertos. Percorre Cuba, Canadá, os Estados Unidos e Iberoamérica acompañado da pianista francesa Marta Leman. Amais, deu concertos xunto ao pianista e director de orquestra José Cubiles, o violonchelista Casaux e o pianista José Iturbi, co que coincidira en París. miniatura|esquerda|Quiroga en Washington en 1915. O 21 de xullo de 1915 casou con Marta Leman, unha pianista xudía As xuderías galegas Revista das Letras, O Correo Galego, AELG. francesa á que coñecera en París e que gañara o mesmo premio ca el na categoría de piano. En 1916, ao rematar os seus contratos, regresa a Pontevedra, onde pasará unha pequena tempada ata que ao ano seguinte volve a París coa súa muller, instalándose na capital francesa. En 1918-19 realizou unha gran xira por España e Portugal,. frecuentemente con José Iturbi como compañeiro. En Galicia foi aclamado como o artista galego máis notable do momento, e foi mesmo ás veces como un símbolo do movemento nacionalista galego. En 1917 rexeitou unha quinta xira planeada por América logo de que o seu amigo Enrique Granados afogara na canle da Mancha o 29 de marzo de 1916 cando regresaba de Nova York, vítima do ataque con torpedo dun submarino alemán.
Éxito internacional miniatura|200px|Eugène Ysaÿe dedicou a súa sexta sonata para violín a Quiroga. En 1924 fai unha xira por España co pianista arxentino Juan José Castro.
Os anos transcorridos entre as dúas guerras mundiais foi o punto culminante da carreira de Quiroga. Despois da guerra, volveu a España e recibiu unha grande acollida do público no Palau de la Música Catalana de Barcelona. Especialmente exitosos foron os seus concertos en Galicia onde tocou na Coruña, Ourense, Santiago de Compostela e a súa Pontevedra natal, sendo loado como o artista galego máis notable polas sociedades filharmónicas e organizacións como a Asociación de la Prensa de La Coruña.
O seu debut británico tivo lugar en 1919, onde tocou en moitos auditorios importantes como o Wigmore Hall de Londres (14 de abril de 1920). Seguíronlle moitos concertos por toda Europa: Portugal, Francia, Alemaña, Austria, Suíza e Bélxica (onde participa en diversos concertos xunto con Ysaÿe). O 15 de maio de 1920 estreou na Salle Gaveau a Les Promis, unha obra que Marcel Samuel-Rousseau lle dedicara. Foi frecuentemente acompañado por pianistas como Iturbi, Paul Paray (Quiroga estreou a Sonata para violín e piano de Paray acompañado polo propio compositor en 1922) e Juan José Castro. A súa muller Marta Leman (Madame Quiroga) foi tamén frecuentemente a súa acompañante. A súa primeira composición publicada apareceu en 1921, cando a editorial J. Hamelle publicou transcricións súas de pezas de Mendelssohn e Scarlatti.
En 1923 Eugène Ysaÿe dedicoulle a derradeira das súas Seis Sonatas para violín só. Ysaye sinalou:
Porén, Quiroga nunca a tocou en público.