Timothy William Burton,Museum of Modern Art (MoMA) web appearance for a 2009 exhibition on Tim Burton's art work. nado en Burbank (California) o 25 de agosto de 1958, é un director e produtor de cinema, guionista e artista estadounidense. É coñecido polos seus filmes de fantasía gótica e de terror, como Beetlejuice (1988), Edward Scissorhands (1990), The Nightmare Before Christmas (1993), Ed Wood (1994), Sleepy Hollow (1999), A noiva cadáver (2005), Sweeney Todd, o barbeiro diabólico de Fleet Street (2007) e Frankenweenie (2012), mais Burton tamén dirixiu filmes de superheroes como Batman (1989) e Batman volve (1992), o filme de ciencia ficción Planet of the Apes (2001), o drama Big Fish (2003), o musical Charlie e a fábrica de chocolate (2005), e os filmes de fantasía Alice in Wonderland (2010) e Miss Peregrine's Home for Peculiar Children (2016).
Burton traballou de forma habitual co actor Johnny Depp e co compositor Danny Elfman, quen compuxo a banda sonora de tódolos seus filmes agás tres. Helena Bonham Carter, exparella de Burton, tamén apareceu en moitos dos seus filmes. Burton escribiu e ilustrou o libro de poesía The Melancholy Death of Oyster Boy & Other Stories, publicado en 1997 pola editorial británica Faber and Faber, e un recompilatorio de debuxos, bosquexos e outras pezas artísticas en The Art of Tim Burton, lanzado no ano 2009. Entre os seus premios e recoñecementos salientan dous nomeamentos ós Premios Óscar e tres ós premios BAFTA, e ter gañado un Premio Emmy e un Globo de Ouro.
Traxectoria Primeiros anos Burton naceu en 1958, en Burbank, California, sendo o fillo de Jean Burton (nada como Erickson) (1933–2002), propietaria dunha tenda de agasallos de temática de gatos, e William "Bill" Burton (1930–2000), un ex xogador de béisbol de ligas menores que traballaba para o Departamento de Recreación e Parques de Burbank. Sendo preadolescente, Burton fixo curtametraxes no patio traseiro en Evergreen Street usando técnicas de animación en stop motion ou gravando en película de 8 mm sen son (un dos seus últimos traballos xuvenís é The Island of Doctor Agor, que fixo cando tiña 13 anos). Burton asistiu á Escola Elemental Providencia en Burbank, e despois ó Instituto de Burbank, mais non foi particularmente un bo estudante. Foi membro do equipo de wáter-polo no instituto. Burton era unha persoa introspectiva e desfrutaba pintando, debuxando e vendo filmes. O seu traballo futuro estaría fortemente influenciado polas obras dos seus heroes da infancia como Dr. Seuss e Roald Dahl.Alison McMahan (2005). "The Films of Tim Burton: Animating Live Action in Contemporary Hollywood". p.27. Continuum International Publishing Group, 2005 Logo de graduarse do instituto, Burton asistiu ó Instituto Californiano de Artes en Valencia, Santa Clarita, para estudar animación de personaxes. Como estudante en CalArts, Burton fixo as curtametraxes Stalk of the Celery Monster e King and Octopus.
Década de 1980 Stalk of the Celery Monster atraeu a atención da división de animación de Walt Disney Productions, que lle ofreceu a Burton unhas prácticas de aprendizaxe como animador no estudio. Alí traballou como animador, artista de storyboard, deseñador gráfico, director de arte e artista conceptual para filmes como The Fox and the Hound (1981), Tron (1982) e The Black Cauldron (1985). A súa arte conceptual nunca chegou a reflectirse nos filmes rematados.
Durante a súa época en Disney, en 1982 Burton fixo a súa primeira curtametraxe, Vincent, unha animación en stop motion de seis minutos que está baseada nun poema escrito por Burton sobre un neno que fantasía con ser o seu ídolo Vincent Price, con Price narrando a historia. O filme foi producido por Rick Heinrichs, con quen Burton fixera amizade traballando no departamento de arte conceptual de Disney. O filme presentouse no Festival Internacional de Cinema de Chicago e estreouse nos cinemas dos Ánxeles durante dúas semanas xunto co drama adolescente Tex. Despois disto, Burton comezou a súa primeira produción de acción en vivo, Hansel and Gretel, unha adaptación de temática xaponesa do conto popular dos irmáns Grimm para Disney Channel, a cal remata cunha loita de kung fu entre Hansel e Gretel e a bruxa. O filme emitiuse unha única vez en 1983 durante Halloween, e debido a que é extremadamente difícil atopar referencias de imaxes, existían rumores de que o proxecto xamais se realizou. A curtametraxe fíxose finalmente pública en 2009 no Museo de Arte Moderna de Nova York, e de novo en 2011 como parte dunha exhibición de Tim Burton en LACMA. Foi amosada de novo no Museo de Arte de Seúl en 2012.
A súa segunda curtametraxe de acción en vivo foi Frankenweenie, estreada en 1984. Está protagonizada por Barret Oliver, Daniel Stern e Shelley Duvall. Filmado en branco e negro e inspirado en Frankenstein de James Whale, Frankenweenie conta a historia dun neno que reanima ó seu can Sparky, que fora atropelado por un automóbil. Despois de que Frankenweenie fose completada, Disney despediu a Burton, baixo o pretexto de gastar os recursos da compañía nun filme que é escuro e terrorífico de máis para que o visen os nenos.
O actor Paul Reubens viuFrankenweenie e escolleu a Burton para dirixir a versión cinematográfica do seu popular personaxe Pee-wee Herman, afirmando no comentario de son do lanzamento en DVD de 2000 de "Pee-wee's Big Adventure" que tan axiña como comezou a curta, convenceuse do estilo de Burton. Pee-wee Herman gañou moita popularidade debido á obra de The Groundlings e the Roxy que máis tarde se convertería nun especial de HBO. O filme, Pee-wee's Big Adventure, foi realizado cun orzamento de 8 millóns de dólares e recadou máis de 40 millóns en América do Norte. Burton, un fanático do grupo musical ecléctico Oingo Boingo, pediulle ó guitarrista e vocalista Danny Elfman que compuxese a música para a película. Dende entón, Elfman creou a música de tódolos filmes de Burton agás Ed Wood, Sweeney Todd, o barbeiro diabólico de Fleet Street e Miss Peregrine's Home for Peculiar Children.
Despois de dirixir episodios para as revitalizadas series de televisión Alfred Hitchcock Presents e Faerie Tale Theatre de Shelley Duval, Burton dirixiu o seu seguinte gran proxecto. Beetlejuice (1988) é unha comedia supernatural acerca dunha parella nova forzada a soportar coa vida despois da morte, así como cunha familia de iuppies pretensiosos que invadiron a súa atesourada casa en Nova Inglaterra. Protagonizada por Alec Baldwin e Geena Davis, e con Michael Keaton como a famosa e repulsiva pantasma Beetlejuice, a película gañou cerca de 80 millóns de dólares, cun orzamento relativamente baixo. O filme tamén gañou o Oscar á mellor maquillaxe.
A habilidade de Burton para producir éxitos con baixos presupostos impresionou ós executivos, e recibiu a súa primeira película de gran presuposto, Batman, en 1989. A realización da mega-produción, ambientada en Londres, estivo chea de problemas. Burton repetidamente discutiu cos produtores da película, Jon Peters e Peter Guber, pero a desfeita máis notoria involucrou ó elenco. Burton quería incluír a Michael Keaton polo seu papel anterior como Beetlejuice, malia o físico de Keaton, a súa inexperiencia con películas de acción, e a súa reputación como actor cómico. Aínda que Burton finalmente logrou o seu propósito, o furor sobre o elenco provocou gran animosidade entre os fanáticos, mesmo provocando o descenso do valor comercial das accións de Warner Brothers. Burton considerara ridículo elixir a alguén musculoso como Batman, insistindo en que o Xusticeiro Alado debería ser un home ordinario (aínda que incriblemente rico) vestido nun elaborado disfrace de morcego para asustar ós criminais. Burton escolleu a Jack Nicholson como O Joker (Tim Curry era a segunda opción) nun movemento que axudou a calmar os temores dos fans, así como para atraer audiencias maduras non tan interesadas nas películas de superheroes. Ó estrearse a película en xuño de 1989, foi apoiada pola campaña de mercadotecnia e mercancía máis grande da historia do cine ata ese momento, converténdose no éxito de portelo máis grande da historia, recadando máis de 250 millóns de dólares nos Estados Unidos e 400 a nivel mundial. A película resultou ser unha grande influencia para futuras películas de superheroes, que tomaron parte do brillo e do heroísmo americano de Superman para personaxes máis estraños e con máis profundidade emocional. O estilo gótico estilizado de Gotham City terminou sendo adoptado para a imaxe da cidade nas tiras cómicas.
Década de 1990 En 1990 Burton co-escribiu (con Caroline Thompson) e dirixiu Edward Scissorhands, volvendo a traballar con Winona Ryder, despois de coincidiren en Beetlejuice. Johnny Depp, un ídolo da adolescencia a finais dos anos oitenta polo seu traballo na serie de televisión 21 Jump Street, foi elixido para o papel de Edward, a creación dun inventor excéntrico e anticuado interpretado por Vincent Price, na que sería a súa última aparición na pantalla antes de morrer. Edward parecía humano, pero debido á repentina morte do seu creador, quedou con tesoiras no canto de mans. Situada nos suburbios (a película filmouse en Florida), a película é considerada a autobiografía de Burton en canto á súa infancia nos suburbios de Burbank. Price algunha vez dixo que "Tim é Edward". Johnny Depp escribiu un comentario similar no prólogo do libro de Mark Salisbury, Burton on Burton, referíndose ó seu primeiro encontro con Burton para o filme. Edward é considerada como a mellor película de Burton por fanáticos e críticos.
Esta película presenta unha estética moi característica de Tim Burton: composicións visuais levadas ó límite, tanto nos cadros como nas cores, os deseños dos lugares, os personaxes e os obxectos. A película representa a súa clara visión do romanticismo máis inocente: o dun mozo que non coñece o amor, e é tal o sentimento exercido que resulta emotivo e entrañable.
Malia que Warner Brothers rexeitara facer a máis persoal Scissorhands aínda despois do éxito de Batman, Burton finalmente accedeu a dirixir a secuela coa condición de ter control creativo total (de aí a escuridade que a caracteriza). O resultado foi Batman volve que tiña a Michael Keaton regresando como o Cabaleiro da Noite, e un novo conxunto de viláns: Danny DeVito (como O Pingüón), Michelle Pfeiffer (como Catwoman), e Christopher Walken. Máis escura e persoal que a súa predecesora, houbo queixas de que a película era moi forte para a infancia. As audiencias estaban máis incómodas coa sexualidade explícita, personificada polo suxestivo e fetichista estilo do disfrace de Catwoman. Un crítico mencionou, "demasiados viláns arruinaron a Batman", facendo énfase na decisión de Burton de enfocar a historia máis nos malos que en Batman (aínda que isto tamén pasara no filme anterior). A película tamén polarizou ós fanáticos, algúns encantados coa escuridade e rareza, mentres que outros dicían que non era fiel ós elementos básicos da fonte. A pesar dalgunhas destas controversias, Tim Burton fíxolle moitos cambios ó Pingüín; o mesmo elemento aplicaríase á tira cómica e á televisión. Converteu ó home ordinario nun fenómeno da natureza que parecía un pingüín con mans como aletas. Ademais, o alongado nariz do Pingüín foi cambiado por Burton para parecer un pico. Batman volve recadou 160 millóns de dólares que, malia ser un éxito, foi moito menos do que se esperaba.