Patricio Valentín Sisto Delgado Luaces, nado en Mondoñedo o 6 de agosto de 1850 e finado na Habana o 25 de abril de 1900Lembranza de "Xan de Masma", foi un militante carlista e escritor galego, autor dunha das escasas novelas das letras galegas escritas no século XIX: A besta!, que presentou baixo o pseudónimo de Xan de Masma.

Traxectoria miniatura|300px|esquerda|A partida mindoniense de David Cornejo.: "Carlistas prisioneros por la Guardia Civil…" Almanaque gallego para: Año 1925. Escasos son os datos vitais sobre Delgado Luaces. Durante moito tempo coñeceuse a existencia da súa novela publicada con pseudónimo, citada xa na obra de Uxío Carré Aldao en 1911, e aínda que este alude a que coñece o nome do autor, prefire gardar o seu anonimato. Sería Xesús Alonso Montero quen dese as primeiras noticias certas sobre o autor nun artigo do ano 1970, desvelando o seu nome: Patricio Valentín Sisto Delgado Luaces, que fora bautizado na cidade de Mondoñedo o 6 de agosto de 1850, que fora capitán nunha partida tradicionalista que actuou durante a terceira Guerra Carlista nas terras mindonienses, por cuxa causa ingresaría como cativo no castelo de Santo Antón da cidade da Coruña (consonte datos posteriores sufriría cadea entre 1875 e 1885); entéiranos, por último, de que colaboraba na revista cubana Follas Novas e de que faleceu na Habana, posibelmente en marzo de 1900, segundo se deduce dunha necrolóxica inserida en El Eco de Galicia, de 30 de marzo de 1900. miniatura|esquerda|Castelo de Santo Antón. Da lectura da propia novela, infírese que o autor estudou no seminario conciliar da súa cidade natal; que coñecía a fondo o ambiente e as persoas de Mondoñedo e a súa comarca; que participou nas loitas políticas do último terzo do XIX (non só presenta a loita na comarca mindoniense, senón que demostra ter participado no propio País Vasco e Navarra); e que foi enviado a Cuba a loitar no exército español fronte os independentistas.

A novela Foi publicada a xeito de folletín na citada revista Follas Novas, por entregas desde o 29 de xaneiro de 1899 e até finais de decembro de 1900. Trátase dunha obra moi extensa: 390 páxinas en folletín (unhas 260 na edición de 1993), que conforman a máis ampla das novelas galegas do XIX, e unha das máis extensas de toda a literatura galega

A obra está relatada por un narrador omnisciente, que mostra a visión dos feitos a maneira dunhas memorias, aínda que ese narrador transluce ao propio autor, este na escrita práctica ocúltase. O argumento contrapón as loitas políticas do derradeiro terzo do século XIX entre contendentes que reduce a liberais e tradicionalistas. Dado que o autor comunga co ideario carlista, presenta os liberais como amorais en todos os sentidos (desde manipuladores das eleccións a malversadores, pasando por irrelixiosos, se non ateos), concentrando o símbolo totalizador deles na figura dun cacique ("a besta"), sátiro insaciábel, que se aproveita da súa posición social e económica. Por contra a sociedade mindoniense, especialmente o estrato rural, é mostrada como claramente idílica e virtuosa, e ben simbolizada pola figura de Pepiña, obxecto dos desexos da "besta". Esta tranquila sociedade só pode ser conducida á modernidade polo tradicionalismo, respectuoso cos principios morais fundamentados na guía eclesiástica. Tales valores condénsase na figura de Pedro.

Estilisticamente ten sido cualificada de novela sociopolítica dado o carácter dos feitos xerais narrados. A Carré, porén, impresionoulle máis o asunto traslucido polo título: o abuso sexual dun cacique, de modo que non dubidou en cualificar a novela de naturalista (o propio autor aludía a La bête humaine de Émile Zola), o que só en parte aceptou Ricardo Carballo Calero, que preferiu encadrala na sátira social. miniatura|215px|Patricio Delgado. Xan de Masma.

A linguaxe da novela Delgado Luaces posuía un rico vocabulario e unha variada fraseoloxía, procedentes dun galego sen dúbida bebido no mundo rural mindoniense. Con todo mostra coñecer a literatura que entón se facía, da que incorpora solucións que son alleas ao galego da súa zona. Porén a súa gramática transloce con frecuencia o amoldamento a estruturas do castelán, o que non debe por outra banda estrañar, dado que a súa educación letrada regular por forza fora nese idioma, e, sen dúbida, cando escribe, en Cuba, está inserido nun medio que non favorece a escrita doada e espontánea no que temos que supor o seu idioma materno.

A difusión da novela Ao ser publicada en folletín, en 187 números, e non ser publicada en volume, o espallamento da obra foi por forza restrinxido e, en principio só ao alcance dos lectores de "Follas Novas". Todo isto aclara o escaso coñecemento da mesma no mundo galego, a pesar de ser citada por Carré en 1911. Sen dúbida, Carballo Calero leu a novela ou ben conseguiu de alguén unha ampla información sobre a mesma por outra persoa. O caso foi que para o lector corrente toda a información sobre a mesma foi indirecta durante bastantes décadas.

Só en 1993, Modesto Hermida e Carme Hermida puideron publicala na editorial Galaxia, cunha introdución literaria xeral (mais que non fornecía maiores datos sobre a vida do autor) e un comentario lingüístico. Porén a edición non é aínda completa, como confesa Modesto Hermida. Os editores bateron con tres tomos encadernados, mais, a pesar dos seus esforzos, non lograron localizar un hipotético IV tomo que contería a parte final, da que Carballo Calero tivo noticia ou viu directamente. A edición actual de "A besta!" é, por desgraza, incompleta.

Edicións A Besta!: novela de costumes gallegas. A Habana. Rev. Follas Novas. 1899 - 1900. ¡A besta!. Prólogo de Modesto Hermida e comentario lingüístico de Carme Hermida. Vigo. Ed. Galaxia. 1993 - ISBN 84-7154-857-7

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

. Datos prá biografía de Xan de Masma, primeiro novelista social en galego, Faro de Vigo, 12/4/1970, incluído logo en Língua, literatura e sociedade en Galicia. Akal. 1977. ISBN 84-7339-273-6.

(2016). Hijos del Trueno: La Tercera Guerra Carlista en Galicia y el Norte de Portugal. Schedas. e . Noticia sobre ¡A Besta ! e Comentario lingüístico, respectivamente, no prólogo a súa edición da novela en 1993. (1995). A lingua galega en Cuba. p. 65. Consello da Cultura Galega.

Outros artigos Literatura galega do período intersecular Ligazóns externas

Danny M. Barreto. "‘Sen pátrea nin lareira’: los espacios nacionales y domésticos en la novela transatlántica ¡A Besta! de Xan de Masma" .

Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia coa obra no dominio público Categoría:Nados en Mondoñedo Categoría:Nados en 1850 Categoría:Finados en 1900 Categoría:Carlistas de Galicia