Unha propiedade emerxente fai referencia a aquela propiedade ou proceso dun sistema non reducible a unha propiedade ou proceso das partes constituíntes de tal sistema.
O concepto de propiedade emerxente ou emerxencia aplica ao proceso de formación de modelos complexos a partir de regras simples. Este pode ser un proceso dinámico no tempo, como a evolución do cerebro humano a través de millares de xeracións sucesivas; ou tamén relacionado coa escala, como as interaccións entre un conxunto de neuronas producindo un cerebro humano capaz de pensar (sen que unha neurona individual teña consciencia propia). Para que unha propiedade se nomee emerxente nun sistema, debe xeralmente ser inesperada e imprevisíbel en función da descrición dos elementos constituíntes de tal sistema, nos que xeralmente tal propiedade non existe ou existen só algúns trazos no nivel máis baixo.
O concepto de emerxencia relaciónase estreitamente cos conceptos de autoorganización e superveniencia e defínese en oposición aos conceptos de reducionismo e dualismo. A mente, por exemplo, é considerada por moitos como un fenómeno emerxente xa que xorde da interacción distribuída entre diversos procesos neuronais (incluíndo tamén algúns corporais e da contorna) sen que poida reducirse a ningún dos compoñentes que participan no proceso (ningunha das neuronas por separado é consciente). O concepto de emerxencia é moi discutido na ciencia e na filosofía debido á súa importancia como base das ciencias e as posibilidades de redución entre as mesmas. O concepto de emerxencia adquiriu renovada forza a raíz do auxe das ciencias da complexidade e xoga un papel fundamental na filosofía da mente e a filosofía da bioloxía.
miniatura|dereita|200px|"Catedral" producida por unha colonia de térmites. Pode a "catedral" ser reducida á suma das achegas individuais dos térmites? Pode predicirse a súa forma a partir das propiedades da conduta dos térmites?
Introdución histórica miniatura|250px|John Stuart Mill (1806-1873) desenvolveu a idea das leis heteropáticas que non cumpren o principio de composición de causas xerando así novas propiedades non reducibles aos seus compoñentes. Un alumno de Mill acuñou por primeira vez o termo emerxencia para se referir aos efectos das leis heteropáticas.
Aínda que o emerxentismo como postura filosófica presenta innumerables antecedentes históricos, non foi ata fins do s. XIX e comezos do s. XX cando o concepto de emerxencia se desenvolveu explicitamente como tal, dando lugar a un prolongado e sofisticado debate filosófico. A orixe deste debate debémoslla á polémica entre os vitalistas e os mecanicistas (Emmeche, Koppe e Stjernfelt, 1997) na definición e caracterización dos fenómenos vivos (no contexto do desenvolvemento das ciencias químicas e a mecánica clásica). Os emerxentistas opóñense tanto aos vitalistas como aos mecanicistas: fronte ao vitalismo, negan a existencia de substancias, forzas ou entidades de carácter sobrenatural como o élan vital; fronte ao mecanicismo, oponse á redución das propiedades dos organismos a simples procesos químicos e mecánicos. "O todo", argumentan, "é máis que a suma das partes".
John Stuart Mill: a distinción entre leis homopáticas e heteropáticas
Stuart Mill, na súa obra A system of Logic (1843), estableceu a distinción entre leis homopáticas e heteropáticas. As leis homopáticas seguen o principio de Composición de Causas que dita que o efecto conxunto de varias causas é igual á suma dos seus efectos por separado. Este principio cúmprese na mecánica clásica, por exemplo, no efecto conxunto de diversas forzas actuando sobre o mesmo corpo. Con todo, non todas as leis naturais seguen este principio. O exemplo paradigmático ao que alude Mill é o das reaccións químicas. En química as propiedades do composto resultante non poden formularse como a suma das propiedades dos compostos reactivos (a auga ten propiedades que non poden reducirse á suma das propiedades do osíxeno e o hidróxeno). Polo tanto, algunhas leis científicas non cumpren o principio da Composición de Causas. A este tipo de leis Mill chamoulles leis heteropáticas. Sería un alumno seu, George Henry Lewis, quen, por primeira vez, acuñaría o termo emerxente para referirse, precisamente, aos efectos heteropáticos. A distinción entre propiedades últimas e propiedades derivadas (de grande importancia no debate posterior sobre a emerxencia) tamén lla debemos a Mill. As propiedades últimas son características das substancias elementais e non se poden derivar doutras, mentres que as propiedades derivadas poden, como o seu nome indica, derívanse das primeiras.
O emerxentismo británico
En 1920 xorde a corrente dos emerxentistas británicos, que sentan as bases do debate moderno (McLaughlin, 1992). Entre eles destacan Samuel Alexander (Space, Estafe and Deity, 1922), C. Lloyd Morgan (Emergent Evolution, 1923) e Charlie D. Broad (The Mind and its Place in Nature, 1925). Nesta última obra, Broad expón o problema da redución, non só dalgunhas propiedades especialmente controvertidas (como a vida ou a mente), senón das propias disciplinas científicas entre si. O concepto de emerxencia enmárcase no debate sobre a posibilidade da redución da psicoloxía á bioloxía, da bioloxía á química, e desta, finalmente, á ciencia máis fundamental, a física. Broad defende que só hai dúas opcións coherentes para o científico: o mecanicismo ou o emerxentismo. Para Broad, o mecanicismo concibe só un tipo de materia (ou elemento constitutivo da realidade) e unha soa lei de composición de relación entre estes compoñentes e as súas agregacións de niveis superiores. Isto permite unha redución progresiva dunhas ciencias a outras. Para o mecanicismo, xa que logo, todas as ciencias son estudos de casos particulares da física, ciencia última e universal cuxas leis definen a unidade ontolóxica de toda realidade. O emerxentista, en cambio, aínda que coincide na existencia dunha última e única substancia física, considera que esta materia organízase en niveis caracterizados por propiedades específicas non reducibles aos niveis inferiores. Máis concretamente, para Broad, unha propiedade dunha estrutura E é emerxente sempre que non poida ser deducida do coñecemento máis completo posible das propiedades dos seus compostos tomados illadamente ou integrados noutros sistemas diferentes a E:
Esta definición marcará o debate posterior sobre a emerxencia e a noción de lei emerxente: "De acordo con Broad, a lei que conecta a propiedade emerxente dunha estrutura coas propiedades dos compoñentes desa estrutura, é unha lei única, última e irreducible" Eronen, 2004: 16.
A caída do emerxentismo nos anos 30 e o seu rexurdimento miniatura|350px| Evolución do patrón dun autómata celular xerado mediante a "regra 30", de Stephen Wolfram. Nos anos 90 do pasado século, moitos investigadores nas ciencias da complexidade ofreceron as súas propias definicións formais de emerxencia e complexidade traballando con autómatas celulares Baas, 1994; Crutchfield, 1997 creando un renovado interese sobre o concepto.
A pesar do auxe dos emerxentistas británicos durante os anos 20, o concepto foi perdendo forza na década dos 30 debido, segundo McLaughlin (1992), ao desenvolvemento da mecánica cuántica (que permitía explicar as reaccións químicas en termos subatómicos) e, posteriormente, da bioloxía molecular (que prometía dar conta dos fenómenos vivos en termos dos seus compoñentes moleculares). Outro factor determinante para a caída do emerxentismo, segundo Kim (1999), é a influencia do positivismo lóxico na filosofía e na psicoloxía. O marcado carácter reducionista e anti-metafísico desta escola filosófica procuraba eliminar toda referencia a conceptos metafísicos. Un exemplo palpable é o do reducionismo condutista que evita facer alusión a termos mentalistas que non sexan directamente definibles en termos condutuais. Con todo, durante os anos 70 e 80, o emerxentismo volveu renacer da man de posturas máis sofisticadas filosoficamente en relación ao problema mente-corpo e a fundamentación da psicoloxía (en concreto o funcionalismo) que desbancaron ao fisicalismo reducionista que defendían algúns positivistas lóxicos. Tamén o auxe das ciencias da complexidade (vida artificial, bioloxía de sistemas, teoría do caos etc.) e as simulacións por computador de propiedades sistémicas deron lugar a un novo interese polo termo.
Características do emerxentismo miniatura|250px|O emerxentismo oponse ao reducionismo, no que a súa versión mecanicista defende que a organización biolóxica é esencialmente de carácter mecánico e cualitativamente simular aos autómatas e mecanismos construídos polo ser humano.
O concepto de emerxencia pode implicar aspectos tan variados como a natureza cuántica dos procesos físicos, a capacidade de xerar modelos simulados por computador, a relación entre a perspectiva fenomenolóxica (subxectiva) e fenoménica (obxectiva) da realidade ou propiedades matemáticas como o caos. Ademais, o concepto é aplicado a ámbitos do coñecemento tan diferentes como a psicoloxía ou a termodinámica. A diversidade de teorías da emerxencia e as súas aplicacións é, xa que logo, enorme e difícil de sintetizar. Podemos, con todo, profundar no concepto de emerxencia salientando certas características comúns ás diversas posturas emerxentistas e distinguindo diversos tipos de emerxencia.
Naturalismo anti-reducionista Unha característica común a todas as posturas emerxentistas é unha combinación de naturalismo e anti-reducionismo: de acordo co naturalismo, non existen substancias sobrenaturais ou especiais que non poidan ser explicadas cientificamente; de acordo co antireducionismo, existen propiedades de nivel superior que non poden reducirse ás do nivel inferior. Compaxinar ambas as posturas é unha das maiores dificultades do emerxentismo. Dependendo do concepto de redución e de substancia ou compoñente natural, definiranse unhas ou outras formas de emerxentismo. Por exemplo, o filósofo e científico Mario Bunge (1977), considérase a si mesmo emerxentista en oposición á redución por separación de compoñentes (ao modo dun enxeñeiro mecánico) e define como emerxente toda propiedade sistémica de carácter holista. Con todo, segundo algunhas concepcións do reducionismo, como a de Nagel (1960), Bunge non sería un emerxentista senón un reducionista xa que, a pesar de invocar a natureza holista dalgunhas propiedades, estas serían, en última instancia, redefinibles en termos dunha teoría máis xeral (p.e. a física).
Autoorganización e emerxencia: niveis micro e macro
miniatura|250px|Algúns autores consideran que os sistemas autoorganizados (como un tornado) son exemplos paradigmáticos de fenómenos emerxentes. Distínguese entre o nivel micro (composto no caso do tornado polas moléculas de aire) e o nivel macro (constituído pola espiral que forma o tornado).
O emerxentismo diferenza entre os niveis micro e macro nun proceso autoorganizado. Considérase que das interaccións locais entre os compoñentes dunha rede (nivel micro) emerxe unha estrutura ou patrón global (nivel macro). Por exemplo un furacán pode considerarse un proceso emerxente (o nivel micro está constituído polas moléculas de aire en movemento e o nivel macro polo patrón en espiral que observamos).