A Mansión Seré, tamén chamada Quinta de Seré ou Atila foi un centro clandestino de detención (CCD), durante a última ditadura Arxentina (1976-1983).
Historia Era unha casa antiga situada na Rúa Blas Parera no límite entre as localidades de Castelar e Ituzaingó, Partido de Morón, Provincia de Buenos Aires.
En 1868, o inmigrante vasco francés Jean Seré adquiriu 56 hectáreas nos arredores de Morón. Alí construíu a Quinta Seré, onde se dedicou á cría de cabalos de polo e actividades de gandería. Ao morrer Jean, en 1893, os campos foron divididos entre tres dos seus fillos. En 1900, a súa filla Leocadia, herdeira da parcela lindante co partido de Ituzaingó, e o seu marido Santiago Capdepont encargaron ao arquitecto Juan Bernardo Seré, irmán de Leocadia, a construción da Mansión, un palacete de estilo francés de dúas plantas con materiais importados de Europa. A beleza do edificio víase favorecida pola paisaxe rural que a rodeaba.
En 1928, Leocadia adquiriu terreos lindantes alcanzando as 11 hectáreas. Por eses anos fixéronse os primeiros loteos, dando orixe ao Barrio Seré.
Por razóns non establecidas, a Mansión foi vendida ao Municipio da Cidade de Buenos Aires en 1949, por unha suma próxima aos tres millóns de pesos (chamados "pesos moeda nacional"). Logo da caída de Perón, a propiedade foi virtualmente abandonada ata 1966.
Durante a presidencia de facto de Juan Carlos Onganía en 1966, o lugar foi habilitado como Casino de Oficiais da VII Brigada Aérea de Morón, iniciándose así, a presenza militar na zona. Tras o golpe de 1976, entre 1977 e 1978, o lugar funcionou como centro clandestino de detención baixo a xurisdición da Forza Aérea con asistencia da Policía Bonaerense de Castelar. Na xerga dos represores era coñecido como "Atila" ou "La Mansión".
A pesar dos estritos controis e vixilancia a que estaban sometidos os prisioneiros aloxados no casarón, unha fuga foi posible e con iso o principio do fin para este Centro Clandestino de Detención. O 24 de marzo de 1978, en coincidencia co segundo aniversario do golpe militar, Claudio Tamburrini, Daniel Rusomano, Guillermo Fernández e Carlos García lograron evadirse descolgándose espidos e esposados desde unha fiestra do primeiro piso. Estes feitos son recreados na película Crónica de una fuga, do director de cine Adrián Caetano do ano 2006 .
En 1985, xa en democracia, durante a xestión de goberno do Intendente de Morón Néstor García Silva, a Municipalidade de Buenos Aires, cedeu o predio mediante comodato por dez anos á Municipalidade de Morón, para que fose destinado a levantar un centro deportivo e recreativo. Segundo os impulsores do proxecto buscábase con isto "crear vida donde existió muerte".
Actualmente estanse realizando traballos de escavación.
O lugar na actualidade A partir do ano 2000, funciona a Casa de la Memoria y la Vida y la Dirección de Derechos Humanos. É o primeiro e único caso en Latinoamérica de recuperación para a memoria histórica dun espazo destas características. O primeiro centro clandestino de detención e torturas que se converte nun lugar de rescate da memoria, de acción para modificar o presente e de proxección para construír un futuro distinto.
Véxase tamén Outros artigos Proceso de Reorganización Nacional Centros clandestinos de detención Desaparecidos pola ditadura arxentina Guerra sucia na Arxentina Lista de centros clandestinos de detención (Arxentina) Barrio Seré
Categoría:Desaparición forzada de persoas Categoría:Tortura Categoría:Historia da Arxentina