A deontoloxía profesional xornalística é un conxunto de códigos éticosNiceto Blázquez "El desafío ético de la información", páxina 17 aprobados por medios, sindicatos e asociacións de xornalistas que inciden na actividade xornalística para se autorregularen. Está formada por un conxunto de principios éticos e boas prácticas que, en determinadas circunstancias, se senten como obrigatorias. Tamén desenvolven esta función reguladora entre outros, o dereito e a moral. Concretamente, podería dicirse que é o conxunto de normas específicas da profesión que regulan a conciencia profesional dun informador. Están baseadas en dous principios básicos: a responsabilidade social e a veracidade informadora. Ademais, esixen do profesional unha continua reciclaxe e autoperfeccionamento profesional, sen esquecer que debe aspirar sempre na función informadora ao desexábel como mellor.
Outra definición ofrécea José María Desantes Guanter, quen escribe no seu libro, “El autocontrol de la información”, que deontoloxía
Características Existen polémicas e controversias en torno á idea de se o xornalismo é ou non unha profesión. Hai quen sostén que se trata dun oficio. Esta discusión estivo sempre presente e na actualidade, coa intrusión de moitas persoas alleas ao xornalismo e sen unha titulación propia, avivouse. Pero, a efectos teóricos esta discusión é irrelevante.
Cesar Coca, Doutor en xornalismo pola universidade do País Vasco e licenciado en Ciencias da Información e en Ciencias políticas e Socioloxía, asume que a implantación de códigos éticos nos medios de comunicación españois é un fenómeno recente e aínda non son moitos os que os teñen. Nos seus aspectos básicos, gardan un notábel parecido con outros en vigor en todo Occidente, ao regular todo o relativo á intimidade, á honra, ás relacións coas fontes e á incompatibilidade dalgunhas actividades coa función informativa. Non obstante, quedan notábeis lagoas en canto a quen está encargado de facer cumprir eses códigos así como a sanción para quen os vulnere. Tamén hai sensíbeis diferenzas nalgúns aspectos concretos se se comparan os relativos aos medios escritos cos dos medios audiovisuais.
Orixe e evolución histórica
Jeremy Bentham foi o primeiro que enunciou o termo deontoloxía na súa obra, publicada trala súa morte, Deontoloxía ou ciencia da Moral. Nunha orixe, a deontoloxía era unha teoría ética con gran peso utilitarista, na que se tentaba racionalizar un código moral, recollendo unha explicación práctica como orientación. Emmanuel Derieux adaptou o concepto de deontoloxía ao ámbito profesional. Afirmou que grazas a ela, a ética profesional adquire un recoñecemento público. Así, pouco a pouco a deontoloxía pasou ao ámbito profesional, ata que M. Simon en 1845 publicou Ciencia dos deberes profesionais do médico. No ámbito xornalístico a deontoloxía profesional cobrará forza a principios do século XX, e estabelecerase definitivamente trala segunda guerra mundial. Ao longo deste século experimentouse unha proliferación dos códigos deontolóxicos. Isto débese a diversos motivos, como a crecente especialización laboral, produto da progresiva integración dos mercados e, talvez máis relevante, ao avance das tecnoloxías.
A regulación da actividade xornalística desde o punto de vista deontolóxico aumentou a súa importancia a raíz da instauración das democracias liberais: O chamado cuarto poder enténdese como un instrumento de control sobre os abusos de poder, de forma que a cidadanía, obteña información imparcial a través dos medios. Os medios de comunicación eran pois, imprescindíbeis para poder garantir a liberdade e o control nestas democracias.
Historicamente, o papel desenvolvido pola prensa a partir do século XIX era máis que manifesto. Este foi o detonante para que algúns autores, sobre todo nos Estados Unidos, empezasen a observar o papel que a prensa tivera ao longo dos séculos XIX e XX, e máis concretamente, durante as dúas guerras mundiais. Os diversos estudos demostraron que a prensa se desviara notabelmente da súa función primordial: informar. Isto fixo que se preguntase cara a onde se desviara a calidade da información desde o XIX en adiante. O dereito a recibir información e a facilitar información é un dereito incluído na Declaración de Dereitos Humanos asinada na Independencia de América, a revolución Francesa e as revolucións burguesas de 1848.
O código deontolóxico aplicado ao ámbito da comunicación é, entón, un fenómeno da Modernidade. Nestes inicios, estes xa coñecían uns principios básicos de veracidade e exactitude que implicaban certo compromiso profesional coa actividade. O xurdimento do concepto de código deontolóxico xornalístico como tal radicou nun período no que a inexistencia dunha identidade profesional que estabelecese unhas normas do xogo e a ausencia duns valores comúns, eran os trazos máis característicos. Desta maneira, tómase conciencia da relevancia do papel desempeñado polos medios e da súa capacidade de influencia no desenvolvemento dos acontecementos, así como da necesidade de regulamentar as súas competencias co fin de obrigar os profesionais a asumiren a súa responsabilidade. A isto contribúen acontecementos como o proceso descolonizador ou a guerra fría, nos que os códigos comezan a ser usados a favor das potencias. Prodúcese un uso político dos códigos que desembocará na perda de significado destes e a súa conseguinte revisión e substitución. Esta etapa supón, ademais, unha ameaza para a liberdade de expresión.
O Informe Hutchins
No ano 1942, o responsábel da revista Time, Henry Luce, consciente da desviación que sufrira o xornalismo, reflexiona sobre a realización dun estudo e un informe centrado na situación dos medios de comunicación nese momento. Para a elaboración deste traballo pediu a colaboración do reitor da Universidade de Chicago, Robert Hutchins, quen, rodeado de expertos en Ciencias Sociais, plasmou as súas conclusións n'Unha prensa libre e responsábel (1947). Neste traballo expón a situación da prensa nos EEUU e propón solucións para aqueles puntos criticábeis. Un dos puntos máis destacados centrábase na necesaria intervención gobernamental para solucionar os problemas que se enumeraban no traballo. A prensa rexeitou o informe e foi este punto o que maior rexeitamento suscitou na prensa norteamericana.
No ano 1902 Pullitzer, consciente dos malos rumbos que estaba seguindo o xornalismo, creou a Escola de Xornalismo da Universidade de Columbia en Nova York. O obxectivo desta escola era o seguinte:
Elevar a calidade xornalística. Estabelecer parámetros de comportamento. Dignificar a profesión. Mellorar as relacións coa sociedade.
En certo modo era elevar a profesión xornalística ao rango universitario e lograr así un enfoque máis profesional. O informe Hutchins deu lugar a unha teoría, a unha doutrina: teoría da responsabilidade Social da Prensa. Configuración teórica dunha primeira doutrina onde se reflicte a enorme influencia da prensa para dirixir a opinión pública a favor dos dirixentes do medio.
O Informe McBride
A revolta do informe Hutchins prolongouse moitísimo tempo. Aínda así, en 1979, a UNESCO, consciente desta situación desigual na que a información estaba controlada polas grandes empresas de comunicación, na que sempre se falaba dos mesmos asuntos e dos mesmos países, encarga outro informe: un só mundo, voces múltiples, coñecido habitualmente como Informe McBride. O devandito informe foi realizado en 1980 polo irlandés Sena Mcbride quen, ao igual que Hutchins, se rodeou dunha serie de expertos no mundo da comunicación para elaborar un traballo titulado Un só mundo, voces múltiples, onde se recollen todos os delitos de poder que atentan contra o xornalismo e inclúen un aspecto novo: os dereitos e deberes do xornalista. Distintos países participaron na elaboración deste informe que supuxo unha radiografía da comunicación mundial nos anos 70.
Entre os deberes, hai 3 puntos que coinciden nos dous informes (Hutchins-McBride):
a) Responsabilidade social dos profesionais que implica unha serie de obrigas cara a opinión pública. Xa o informe Hutchins estabelecía que cumpría diferenciar o que é información do que é opinión; é aquí onde se instaura esa responsabilidade social. b) O xornalismo ha de respectar as leis para non vulnerar os dereitos dos cidadáns. c) Necesidade de asumir a responsabilidade contractual coa nosa empresa.
Ambos os informes marcan así un antes e un despois no labor xornalístico desde o punto de vista deontolóxico, e tratábase de impor unha nova orde no mundo da comunicación internacional.
Desde a perspectiva do Informe MacBride, a liberdade de expresión carente de responsabilidade é un paso á distorsión da realidade, pero é tamén inconcibíbel un xornalismo ausente de liberdade. Para o Informe:
Nos últimos anos As consecuencias do informe MacBride afectaron a todos os países. Esas consecuencias observáronse na reflexión que se fixo no ámbito europeo onde se vinculou a praxe profesional ao servizo público. Tanto as empresas xornalísticas privadas como públicas comezaron a asumir a responsabilidade como profesionais da comunicación que deben funcionar coma un servizo público.
Nos anos 80 alcánzase un período de relativa estabilidade nas relacións internacionais favorábel á consagración de novos valores que motivaron unha revisión dos códigos existentes. Durante a década dos 90 xorde unha preocupación en torno aos problemas sociais e polas novas ameazas para a democracia como corrupción, racismo, terrorismo etc. Isto motivou unha renovación dos códigos que segue aberta debido aos problemas vixentes que suscitan a excesiva concentración de medios nas corporacións internacionais, a competencia agresiva etc.
Dado o auxe de Internet nos últimos anos cabe esperar a aparición de novos códigos que regulen este ámbito: relacións, maneira de proceder etc.
Unha forma de regular a profesión Aqueles que desempeñan a función xornalística están suxeitos a responderen ante a sociedade con elevados niveis de competencia técnica, que os leven a poñer todo o seu saber e dilixencia nas súas accións. Para isto, o xornalista ten que asentar previamente as bases da súa profesión, esixindo medios e condicións laborais que lle permitan desenvolverse cara ao xornalismo de maneira libre e responsábel.
A ética xornalística proporciona unha axuda mediante a cal os erros e excesos individuais se corrixan sen pór en perigo o obxectivo final dos medios de comunicación libres: prover ao público coñecemento e comprensión. Os xornalistas, polo tanto, deben guiar o seu labor profesional por unhas normas sistemáticas, dado que soamente dese modo, servirán á sociedade dunha maneira eticamente responsábel e construtiva.
Porén, o exercicio profesional do xornalismo supón, en ocasións, un campo de problemas e de dilemas éticos. Son frecuentes as situacións nas que entran en colisión as crenzas e valores persoais, é dicir o código moral individual, cos requirimentos doutras ordes normativas que regulamentan, asemade, esas mesmas situacións. Para xerarquizar a escala de prioridades, na elección sempre han de primar os criterios morais propios e persoais. Aquí, entran en xogo os valores individuais, xa que o profesional, ademais de xornalista, é persoa.
Co tempo foise abrindo paso no ámbito profesional, en xeral, e no xornalístico, en particular, a idea de que xunto ás normas xurídicas e as morais era conveniente o desenvolvemento dunha certa operativa de autocontrol por parte dos propios profesionais, unha deontoloxía profesional. Esta é unha das claves que explica a existencia de códigos deontolóxicos no mundo profesional. Aínda que os devanditos códigos e patróns de conduta profesional tampouco resolven, na práctica, todas as posíbeis situacións problemáticas desde un punto de vista ético.