Cola, un xénero de plantas fanerógamas con 163 especies, pertencente á subfamilia Sterculioideae dentro da familia Malvaceae. Comprende máis de 100 especies arbóreas nativas de África. O froito, coñecido coma noz de cola é empregado coma aromatizante e medicinal. Moitas veces as propias árbores coñécense co nome de noz de cola.

Descrición Son árbores monoicas ou dioicas de follas simples, palmatilobadas ou dixitadas, con pecíolos a miúdo provistos dun pulvínulo. Flores en acios ou panículas axilares sobre a madeira vella. Teñen o cáliz con 4-5(-7) lóbulos e carecen de pétalos. As flores masculinas con 5-12 estames dispostos en dous aneis sobre unha coroa. O froito, coñecido coma noz de cola aparece en folículo de 3-4 carpelos leñosos con dehiscencia lonxitudinal.

Usos Empréganse as sementes (noces) da árbore da cola (Cola nitida (Vent.) Schott et Endl. ou da Cola acuminata (Beauv.) Schott et Endl.), desecadas e desprovistas dos tegumentos. Da noz de cola producíase noutrora un extracto para refrescos polo seu alto contido de cafeína (até o 5 %).

En África empréganse aínda as sementes de maneira tradicional.

Principios activos Bases xánticas: cafeína (1-2,5%), vestixios de teobromina e teofilina. Taninos (5-10%): catecol, epicatecol; flobafenos, sales potásicas.

Acción farmacolóxica Estimulante do sistema nervioso central (comparábel ao café ou té), defatigante, cardiotónico, dixestivo, lipolítico, diurético.

Efectos secundarios Excitación, insomnio, taquicardia. Pode provocar sobreexcitación seguida de depresión. A noz de cola libera amodo a cafeína, polo que presenta un efecto estimulante máis suave que o café e alonga o tempo de eliminación da cafeína, o que potencia o efecto excitante das bebidas refrescantes nas que van asociados a outras drogas con bases xánticas: evitar as asociacións con café, té, mate ou guaraná.

Taxonomía Foi descrito por Schott & Endl. e publicado en Meletemata Botanica 33, no ano 1832. A especie tipo é Cola acuminata (P.Beauv.) Schott & Endl.

Especies seleccionadas Cola acuminata Schott & Endl. Cola afzelii Mast. Cola alba A.Chev. Cola altissima Engl. Cola angustifolia K.Schum. Cola arcuata Baker f. Cola astrophora Warb. Cola attiensis Aubrév. & Pellegr. Cola mossambicensis Cola nitida Cola octoloboides Cola pachycarpa Cola philipi-jonesii Cola porphyrantha Cola praeacuta Cola reticulata Cola scheffleri Cola semecarpophylla Cola suboppositifolia Cola umbratilis Cola usambarensis Cola vera Cola verticillata

Notas

Véxase tamén Outros artigos Noz de cola Árbore da cola Características das malváceas

Ligazóns externas

Cola en DiversityOFLife.org