Gustave Aimard, pseudónimo de Olivier Gloux nado en París o 13 de setembro de 1818 e finado o 20 de xuño de 1883, foi un novelista francés.
Traxectoria Abandonado ao nacer polos seus pais, de espírito rebelde non acepta á parella que o adopta e aos nove anos escapa da casa e marcha a América do Sur. En 1835 enrólase na mariña real, deserta en 1839 durante unha estadía en Chile, participa nas loitas contra o ditador arxentino Rosas, trasládase posteriormente a Estados Unidos, onde convive cos cheyenes.
De volta a Europa en 1847 viaxa por España, Turquía e o Cáucaso. Despois da Revolución de 1848 a súa deserción da Mariña Real quédalle perdoada e pode regresar a Francia. En 1852 volve a América, pero en 1854 regresa definitivamente a Francia e comeza a escribir a partir de 1856. As súas experiencias servíronlle para escribir numerosas novelas de oeste que se fixeron moi populares en Francia e os Estados Unidos, aínda que tamén é autor de novelas marítimas e patrióticas.
En 1879, apareceu asinado por Gustave Aimard e Jules Berlioz d’Auriac, Jim l’Indien, seguida de once novelas máis, estas novelas xa apareceran antes co nome só de Jules Berlioz d’Auriac, Aimard limítase a asinar as obras sen participar na súa creación. A situación complícase ao se descubrir que as obras de Jules Berlioz d’Auriac son plaxios de obras de escritores norteamericanos poucos coñecidos, en concreto Jim l’Indien é unha tradución da obra de Edward Stewart Ellis, Indian Jim. A Tale of the Minnesota Massacre.
As súas obras están cheas de repeticións, con diálogos pouco elaborados e temáticas e personaxes repetitivas, malia iso foron un paso importante no desenvolvemento da novela de aventuras en Europa.
Obras Les Trappeurs de l'Arkansas, 1858 Le chercheur de pistes, 1858 La fièvre de l'or, 1860 Le Guaranis, 1864 La guerre sainte en Alsace, 1871 Par mer et par terre, 1879 Les bandits de l'Arizona, 1882
Categoría:Escritores en lingua francesa Categoría:Escritores de Francia Categoría:Nados en París Categoría:Nados en 1818 Categoría:Finados en 1883 Categoría:Novelistas de Francia