Mario Antonio Conde Conde, nado en Tui o 14 de setembro de 1948, é un financeiro e avogado galego. Tivo unha gran relevancia social en España nos anos 1980 e 1990 por ser presidente de Banesto aos 39 anos.

Traxectoria Auxe económico Fillo dun inspector de alfándegas, aos oito anos marchou de Galicia e instalouse en Alacant, pero sempre mantivo vínculos familiares con Galicia. Cursou dereito, con matrículas de honra, na Universidade de Deusto na que se licenciou en 1971. Preparou oposicións para Avogado do Estado e con 24 anos conseguiu ser o primeiro da súa promoción nas oposicións de 1973 e obter ademais a mellor nota da historia deste corpo.

En 1977 incorporouse ao grupo farmacéutico Abelló, que formaba parte da empresa Antibióticos S.A. Vendeu o laboratorio Abelló á multinacional Merck Sharp and Dohma por 2.700 millóns de pesetas. A comisión recibida por esta venda permitiulle comprar o 23 por cento do capital social de Antibióticos S.A. en 1984, coincidindo coa saída dos irmáns Fernández López da mesma. En 1985, xunto co seu socio Juan Abelló, que posuía algo menos do 50% da empresa, e con Jaime e Emilio Botín, que asinaron a compra doutro 23 por cento, fíxose co control de Antibióticos S.A. En 1987 foi o protagonista da operación económica máis importante realizada en España ata o momento, ao vender canda o financeiro Juan Abelló a empresa Antibióticos S.A. á multinacional italiana Montedison por 58.000 millóns de pesetas.

Co beneficio ambos tomaron unha importante parte do capital do banco Banesto, onde foron nomeados vicepresidentes da entidade. Nese momento o Banco de Bilbao, dirixido por José Ángel Sánchez Asiaín e Emilio Ybarra realiza a primeira OPA da historia de España sobre Banesto, pero Conde convence o consello de administración de non acceder á operación. Noméano presidente da entidade en 1987 para substituír a Pablo Garnica cando tiña tan só 39 anos. Ao asumir o cargo, o banco tiña unha débeda de case 100.000 millóns de pesetas, e en 1989 os preto de 300.000 accionistas de Banesto obtiveron dividendos. Posteriormente, Conde tentou unha fusión co Banco Central, daquela presidido por Alfonso Escámez, que non prosperou.

O proceso Banesto Nesta época, a súa popularidade social foi grande e converteuse nun símbolo de éxito. Pero o 28 de decembro de 1993, o Banco de España, gobernado por Luis Ángel Rojo, interveu Banesto por unha débeda patrimonial de aproximadamente 605.000 millóns de pesetas, e Conde foi destituído como presidente.

A partir de 1994, Mario Conde tivo que facer fronte a varios procesos. En decembro, foi condenado por apropiación indebida de 7.000 millóns de pesetas e, despois de pasar 34 días no cárcere, saíu tras depositar 2.000 millóns de pesetas de fianza. En 1996, foi condenado, de novo, polo caso Argentia-Trust, unha empresa domiciliada en Suíza, a seis anos de prisión por apropiación indebida de 600 millóns de pesetas e por falsidade en documento mercantil e pasou 17 meses no cárcere de Alcalá-Meco; mais en 1998 o Supremo ratificou a condena por apropiación e retiroulle a falsidade. O 31 de marzo de 2001 a Audiencia Nacional condénao a 14 anos por estafa e apropiación indebida e obrígao a devolver 7.200 millóns de pesetas a Banesto.

Antes de ingresar en prisión, Conde participou na política. En 2000 foi elixido candidato de UC-CDS ás eleccións lexislativas co apoio do 81% dos compromisarios asistentes á Asemblea Nacional -58 votos a favor, 12 en contra e un en branco. A súa formación conseguiu 23.576 votos en toda España, e quedou lonxe de obter ningún deputadoBase de datos de resultados electorais Ministerio do Interior.

Vida posterior Fundou a revista MC, de economía e estilo, que tivo un ano de existencia. En setembro de 2009 comezou a participar no faladoiro político do programa de televisión "El gato al agua", da cadea Intereconomía TV.

Volveu ser detido en marzo de 2016 por repatriar dende Suíza preto de dez millóns procedentes do roubo de cartos a Banesto.Detienen a Mario Conde por repatriar diez millones de euros desde Suiza, nova en El Diario o 11 de marzo de 2016.

Obra Ten escrito libros de ensaio e vivencias: El sistema. Derecho penitenciario vivido.

Galardóns Cabaleiro da Orde da VieiraMario Conde ingresa en la Orde da Vieira , El Correo Gallego, 12 de agosto de 2010. Doutor honoris causa pola Universidade Complutense de Madrid (recibiuno o 9 de xuño de 1993; foille retirado o 26 de abril de 2016 en aplicación do artigo 30.4 do Regulamento de Cerimonias e Honores no que se indica como causa para retiralo "haber realizado actos u otras omisiones que le hagan desmerecedor de la distinción otorgada").

Vida persoal Os seus avós paternos eran de Allariz e de Valladolid, e os maternos, así como a súa nai, de Covelo (Viana do Bolo). El considérase ourensánMario Conde: Un país no se puede permitir que empresas viables caigan porque les cortocircuitan el crédito , La Región consultado o 20 de setembro de 2009. Tamén ten unha extensa propiedade nos montes de Toledo que lle mercou a Marcial Lalanda.

Casado con Lourdes Arroyo (falecida aos 52 anos, o 13 de outubro de 2007), tivo dous fillos: Mario e Alejandra, e dous netos.Lourdes Arroyo, la discreción frente a la adversidad, El Mundo, 14 de outubro de 2007 consultado o 20 de setembro de 2009. Casou en segundas nupcias en 2010 con María Pérez-Ugena Corominas da que se divorciou en 2016.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Blog de Mario Conde

Categoría:Banqueiros de Galicia Categoría:Escritores de Galicia Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Nados en Tui Categoría:Nados en 1948 Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Doutores honoris causa pola Universidade Complutense de Madrid