O clítoris é a parte eréctil do aparato sexual feminino, situado na parte superior dos labios menores da vulva. A súa función nos seres humanos é producir pracer sexual e orgasmos.

Terminoloxía Sobre o termo usado en galego clítoris hai varias teorías que o fan proceder do grego, ben de kleitys (outeiro ou aba), de kleitos (eminente, espléndido ou excelente) ou incluso de kleiein (pechar) ou de kleis (chave). Tamén se relacionou coa palabra danesa keest (núcleo, centro). Apareceu como termo anatómico no século I EC nos escritos de Rufo de Éfeso.

Tanto en Oriente como en Occidente noméase con termos que o relacionan co pracer sexual e o erotismo.

Orixe e estrutura

Desde unha visión androcéntrica dos xenitais, o clítoris feminino é interpretado desde o século XVII como o equivalente ao pene masculino ao ser ambos os órganos eréctiles e unha vez que a equivalencia nas mulleres do pene deixou de considerarse a vaxina. Embrioloxicamente proveñen tanto o clítoris como o pene do mesmo tecido fino.

O órgano fórmase fóra do corpo cavernoso, é un tecido capilar formado por máis de 8.000 terminacións nerviosas, que serven para a estimulación sexual da muller.

O tamaño medio do clítoris vai de 8 a 10 centímetros de longo e de 3 a 6 centímetros de largo. A parte exterior do clítoris, a glande clitoridiana, está parcial ou totalmente cuberta polo prepucio, e varía grandemente dende aqueles moi reducidos (que non sobresaen do prepucio) a outros moi saíntes, pero a maior parte do clítoris está oculto. A estimulación externa de todo o clítoris pode dar lugar a unha resposta sexual máis intensa. Unha explicación do orgasmo vaxinal é que resulta da estimulación do interior do clítoris durante a penetración sexual, e o pracer ligado ao sexo é un mecanismo evolutivo que favorece a reprodución.

Recoñecemento da súa existencia miniatura|Creada por Helen O'Connell usando IRM, a primeira imaxe 3D dun clítoris en estado erecto cos órganos adxacentes do útero e a vexiga. 1 Glande do clítoris; 2 Piar ou corpo do clítoris; 3 Crus; 4 Corpos cavernosos vestibulares (bulbos); 5 Uretra; 6 Orificio vaxinal; 7 Vaxina; 8 Útero; 9 Vexiga urinaria. A literatura médica recoñeceu a existencia do clítoris no século XVI. No ano 1559 Realdo Colombo publicou De re anatomica, no que describía o asento de pracer da muller. Gabriele Falloppio reclamou ser tamén o descubridor do clítoris.

Con todo, o médico grego Galeno en De Usu Partium xa o describía. Galeno consideraba que era de utilidade para incitar ao coito, aínda que cría que a súa función era protexer a vaxina comparándoo coa protección que a úvula dá á gorxa. O seu coñecemento non se restrinxía a Occidente, Avicena tamén fixo referencia a el. Por outra banda, no século I o fisiólogo grego Rufo descríbeo con detalle e tamén o fai Sorano de Éfeso no século II.

Modificación do clítoris

A mutilación xenital feminina, ou ablación, consiste na extirpación total ou parcial da parte exterior do clítoris. Esta práctica é rexeitada en nome dos dereitos humanos e da protección do menor en case tódolos países, aínda que a práctica está viva en moitas sociedades tradicionais da África subsahariana e Asia.

Notas

Véxase tamén Ligazóns Chíos de Iria Veiga.

Categoría:Anatomía rexional Categoría:Aparato reprodutor feminino Categoría:Sexualidade humana Categoría:Órganos sexuais