miniatura|Alegoría da economía, esculpida por José Alcoverro. A economía (do grego οίκος [oikos], 'casa', e νομος [nomos], 'regra', polo tanto "dirección dunha casa") é unha ciencia social que estuda a produción, distribución, comercio e consumo de bens e servizos.

Esta céntrase no comportamento e as interaccións dos axentes económicos e en cales son os mecanismos da actividade económica. A microeconomía trata dos axentes individuais, como fogares e empresas, e os mercados. A macroeconomía considera a economía na súa totalidade (isto é, a produción, oferta e demanda agregadas de diñeiro, capital e mercancías; o aforro e o investimento) e factores que lle afectan, incluíndo o emprego de recursos (traballo, capital e terra), a inflación, o crecemento económico, e as políticas públicas que dirixen estes factores (políticas monetaria, fiscal e outras).

A economía dise normativa cando recomenda unha opción sobre outra, ou cando fai un xuízo subxectivo de valor. Pola contra, a economía dise positiva cando intenta predicir e explicar obxectivamente as consecuencias de eleccións, dadas unha serie de premisas e/ou un conxunto de observacións. A elección de que premisas facer na construción dun modelo así como que observacións destacar son, non obstante, normativas. Os aspectos que reciben a particular atención en economía son: asignación de recursos, produción, distribución, comercio, e competencia. A lóxica económica aplícase cada vez máis a calquera problema que implique a elección en situación de escaseza ou determinar un valor económico.

Outras divisións da economía son: economía teórica e economía aplicada; racional e comportamental; e ortodoxa e heterodoxa. O paradigma económico preponderante é unha combinación da economía neoclásica e da macroeconomía chamada a síntese neoclásica. Varias escolas de economía heterodoxa intentan explicar os fenómenos económicos utilizando premisas, formalismos ou paradigmas diferentes.

A análise económica aplícase amplamente na sociedade, no mercado inmobiliario, na empresa, nas finanzas, no coidado da saúde, e no goberno. Tamén se usa en campos tan diversos como o crime, a educación, a familia, o dereito, a política, a relixión, as institucións sociais, a guerra, a ciencia, e o medio ambiente. No cambio ao século XXI, a presenza crecente da economía nas ciencias sociais describiuse como o imperialismo da economía.

A persoa que traballa nun dos moitos campos da economía ou que ten un grao académico nesta materia é un economista.

Definicións da economía Hai un fato de definicións, pasadas e presentes, que se aplicaron primeiro ó termo economía política e logo o termo actual de economía. John Maynard Keynes comentou unha vez que a "economía é a ciencia do pensamento." Podemos dicir que o obxecto de estudo da economía mudou desde o estudo da "riqueza" ao "benestar" e ao estudo das compensacións (trade-offs).

Definición baseada na riqueza As definicións máis temperáns da economía política eran declaracións simples, elegantes que a definían como o estudo da riqueza. Adam Smith, considerado xeralmente como o pai da economía, autor de Unha investigación sobre a natureza e as causas da riqueza das nacións (coñecida xeralmente como A riqueza das nacións) define a economía simplemente como "a ciencia da riqueza." Smith ofreceu outra definición, "a ciencia referente aos leis da produción, distribución e intercambio." A riqueza definiuse coma a especialización do traballo que permitía que unha nación producise máis coa súa oferta de traballo e de recursos. Esta definición afastou a Smith e a Hume das definicións anteriores que definiron a riqueza como ouro. Hume argüíu que o ouro sen incremento da actividade simplemente aumentaba os prezos.

Definición baseada no benestar John Stuart Mill definiu a economía como "a ciencia práctica da produción e distribución da riqueza"; esta definición foi adoptada polo Dicionario sucinto de Oxford. Para Mill, a riqueza defínese como o stock de cousas útiles.

As definicións en termos da riqueza acentúan a produción e o consumo, e non se ocupan das actividades económicas non perceptiblemente implicadas nestes dous procesos (por exemplo, xubilados, esmoleiros). Para os economistas deste período, a actividade non produtiva é un custo para a sociedade. Esta interpretación deu a economía unhas miras estreitas que foi rexeitado por moitos por colocar á riqueza en primeiro plano e ao home en segundo lugar.

Definición baseada na escaseza Unha definición que capta boa parte da teoría económica é a de Lionel Robbins nun ensaio de 1932: "a ciencia que estuda a conduta humana como a relación entre fins e medios escasos que teñen usos alternativos". Escaseza significa que os recursos dispoñíbeis son insuficientes para satisfacer todos os desexos e necesidades. A ausencia de escaseza e os usos alternativos dos recursos dispoñíbeis non é un problema económico. Deste xeito a economía atinxe o estudo da elección ou escolla, influída por incentivos e recursos.

Campos de estudo na economía O campo de estudo da economía pode ser dividido de varios xeitos, os máis comúns son a microeconomía e a macroeconomía. A economía pode dividirse tamén en positiva ("o que é") e normativa ("o que debería ser"), e por subcampos. Os seus métodos teñen acrecentado a súa aplicación a outros espazos de estudo que engloban ás persoas encarando situacións electivas, incluíndo a educación, a economía familiar, a política, a saúde e a lei.

Microeconomía e macroeconomía A economía divídese polo normal en dúas ramas bastante amplas: Microeconomía, que estuda o comportamento económico de actores individuais como empresas, familias, e individuos, co obxectivo de entender o proceso de toma de decisións ante unha escaseza e as consecuencias da asignación destas decisións. Macroeconomía, que estuda unha economía como un conxunto ou un agregado de individuos coa intención entender a interacción entre agregados económicos, como agora o ingreso nacional, a ocupación e a inflación. A teoría do equilibrio xeral combina conceptos desde un punto de vista macroeconómico, pero cunha construción microeconómica.

Algúns economistas tentarán unir estas dúas ramas ou rexeitarán as súas diferenzas, especialmente durante os anos setenta e oitenta do século XX. Na actualidade, o consenso é que a macroeconomía teña un fundamento microeconómico sólido, é dicir, as premisas macroeconómicas deben ter unha base na microeconomía.

A economía tamén se pode dividir en numerosas subdisciplinas que non por forza pertencen exclusivamente a unha das dúas grandes ramas citadas. Algunhas destas subdisciplinas son: a economía internacional, a economía laboral, a economía do benestar, a neuroeconomía, a economía da información, a economía dos recursos, a economía medio ambiental, a economía administrativa, a economía financeira, a economía do desenvolvemento e a xeografía económica.

Os economistas utilizan métodos matemáticos avanzados na investigación, que desenvolve unha especialidade como a econometría, ou uso de técnicas estatísticas aplicadas ao estudo dos datos económicos.

Economía positiva e economía normativa A economía é positiva cando tenta explicar as consecuencias das diferentes eleccións ante un conxunto de suposicións ou de observacións dadas; é normativa cando prescribe unha certa acción que ten de realizarse. A esencia da economía é o estudo dos incentivos e das eleccións baixo un conxunto de restricións. A aplicación da economía é moi ampla: os economistas teñen estudado temas relacionados coas institucións políticas, a pena de morte, a educación etc.

Premisas económicas Oferta e demanda miniatura|dereita|240px|A oferta e a demanda: o modelo describe como os prezos varían consonte o resultado dun balance entre a dispoñibilidade do produto e a demanda. Na teoría microeconómica a oferta e a demanda tenta describir, explicar e predicir o prezo e a cantidade de bens que se venden nos mercados competitivos. É un dos modelos máis básicos utilizados na construción de modelos e teorías máis detalladas.

En termos xerais, esta teoría afirma que se a demanda dos consumidores é superior á cantidade de bens producidos, o prezo incrementase. Co mesmo razoamento, o exceso de oferta causa un decrecemento no prezo dos produtos. Este proceso continúa ata chegar a un punto equilibrio no cal no ha ningún motivo para cambiar nin o prezo nin a cantidade producida. Este punto denominase equilibrio do mercado.

Prezo Para medir o fluxo da oferta e a demanda, é necesario un valor mensurábel cuantitativo. O valor máis antigo e máis utilizado é o prezo, ou taxa de cambio entre compradores e vendedores nun mercado. A teoría do prezo, polo tanto, analiza o movemento das cantidades mensurábeis no tempo, e a relación entre o prezo e outras variábeis censurábeis. Unha gran parte da teoría económica está baseada no prezo e na teoría da oferta e a demanda; o prezo é o medio máis eficiente para comunicar os cambio da economía.

Nalgúns modelos económicos prácticos, porén, hai unha "fricción económica", é dicir, unha restrición no movemento dos prezos que impide que o mercado chegue ao equilibrio. Por outra banda, hai controversia sobre a utilización do prezo como variábel económica, xa que existen elementos importantes da economía que non están relacionados co prezo.

Escaseza A escaseza é un punto central da teoría económica. A análise económica estuda a maximización dalgunha cousa (tempo de lecer, riqueza, sanidade, felicidade; todos reducidos ao concepto de utilidade) suxeita a restricións. Estas restricións, como agora a escaseza, estabelecen un sacrificio ou intercambio. Por exemplo, un pode recibir máis diñeiro traballando máis, pero con menos tempo libre (o tempo é escaso). Pódense comer máis espárragos, sacrificando, por exemplo, patacas (a terra fértil é escasa, e o orzamento persoal tamén).Este concepto está ligado co concepto de custo de oportunidade.

Marxinalismo Na teoría económica marxinalista, creada pola Escola austríaca a fins do século XIX, o nivel dos prezos está determinado polo custo marxinal e pola utilidade marxinal. O prezo de todos os bens será o custo de fabricar o último que a xente poderá adquirir, e o prezo de todos os empregados dunha empresa será o custo de contratar o último que o negocio necesita. O marxinalismo investiga as decisións baseadas nas marxes, que é o custo de producir a seguinte unidade, fronte a canto se espere recobrar en rendemento. Cando o retorno marxinal dunha acción atinxe cero, esa acción cesa. A utilidade marxinal é a cantidade de satisfacción ou uso que recibe unha persoa dunha adquisición en contraste cun gasto menor. Os beneficios marxinais están a miúdo suxeitos a rendementos decrecentes: obtense un menor beneficio dunha maior produción ou consumo.

Un antigo exemplo pode ilustrar esta teoría: o paradoxo da auga e do diamante. A auga ten un valor menor do que o diamante, por ser este último máis escaso e máis custoso de obter. Porén, como o ilustrara Condillac (Le Commerce et le Gouvernement considérés l'un relativement à l'autre: O Comercio e o Gobernos considerados reciprocamente), un home sedento pagará unha cantidade moi importante por un vaso de auga. O valor resulta así da dispoñibilidade dun ben nun lugar dado. Porén, unha vez consumido o primeiro vaso de auga, e logo un segundo e un terceiro, a utilidade marxinal, moi importante no primeiro vaso, decrece nitidamente tanto que o último vaso (antes do estado de "saciedade", na que o consumo xa non entraña satisfacción suplementaria) non ten case valor. De xeito inverso, o diamante posúe unha utilidade marxinal final moito máis importante e o seu prezo mantense.

Valor O concepto de valor é medular en economía. Unha medida observábel do mesmo é o prezo de mercado.