Copa Xunta de Galicia é o nome de dúas competicións futbolísticas que se disputaron en Galicia. A segunda delas, xogada en 2006 foi a precursora da Copa Galiza que se disputou os anos 2008 e 2009. Todas estas competicións teñen en común que contaron co apoio institucional da Xunta de Galicia.

Historia Copa Xunta de Galicia 1989 En 1989 disputouse a primeira Copa Xunta de Galicia, subvencionada pola Consellaría de Cultura e Deporte e coa participación dos equipos da Terceira División. Este torneo levouse a cabo en paralelo á Copa Galicia que aquela tempada xogaban os equipos de Preferente. O campión foi o Centro de Deportes Barco, que se impuxo na final fronte á SD Juvenil de Ponteareas por 2–0 en Santa Isabel.

Copa Xunta de Galicia 2006

En 2006, a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia decidiu crea-la Copa Xunta de Galicia. O torneo foi anunciado como “a primera edición” do mesmo,​ sen reparar no torneo disputado en 1989.

A Copa foi presentada no mes de abril de 2006 por Santi Domínguez, Director Xeral para o Deporte, Ánxela Bugallo, Conselleira de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia, e mais por Julio Meana, presidente da Federación Galega de Fútbol. A organización correu a cargo da Fundación Deporte Galego, a Dirección Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Fútbol.

Contou coa participación dos clubs galegos que na temporada 2005/06 de fútbol estaban nas categorías de Primeira División, Segunda División ou Segunda División B. Ademais, a Xunta convidou discrecionalmente o CD Lugo para completa-lo número de oito equipos e facer dous grupos, norte e sur. Os partidos disputáronse en agosto. A competición non tivo carácter oficial por non ser aprobada pola Asemblea da Federación Galega de Fútbol.

Copa Galiza

A Copa Xunta de Galicia foi substituída en 2008 pola Copa Galiza, inicialmente tamén referida como Copa Galicia ata a confirmación do seu nome oficial. A Federación Galega de Fútbol recibiu o encargo de organizar a competición por parte da Xunta de Galicia para que principiase nos primeiros meses de 2008. A fórmula empregada para definir a natureza da competición nas bases da mesma foi «patrocinada pola Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e organizada pola Federación Galega de Fútbol». A prensa tense referido ao torneo como unha competición de carácter amigable, mentres que a Asociación de Clubs Galegos de Fútbol solicitou que o torneo fose regulamentado oficialmente.

Na primeira edición, seguiuse o mesmo esquema de seleccionar tódolos clubs de Primeira, Segunda e Segunda B, deixando fóra os equipos filiais e convidando os dous mellores conxuntos da Terceira División. Ademais, moveuse o calendario da competición á primavera do ano seguinte, co que oficialmente non se disputou edición en 2007. Tamén se substituíu a fase de grupos por un sistema de eliminatorias directas entre os oito equipos participantes.

Na segunda e derradeira edición, en 2009, e trala renuncia dos equipos da Primeira e Segunda, a Copa Galiza xogárona unicamente os equipos da Segunda B e Terceira, agrupados en dous distintos grupos: a maior parte dos de Terceira xogaron unha rolda previa, e os da Segunda B e os tres exentos da Terceira uníronse nas eliminatorias de oitavos de final.

Historial Primeira etapa Ano Campión Subcampión Resultado Incidencias Notas 1989 Barco SD Juvenil 2–0 I Copa Xunta de Galicia

Segunda etapa Ano Campión Subcampión Resultado Incidencias Notas 2006 Celta de Vigo CD Lugo 3–2 I Copa Xunta de Galicia de Clubs de Fútbol 2008 Celta de Vigo Deportivo da Coruña 0–0 Penaltis 6–5 I Copa Galiza 2009 Cerceda Santa Comba 3–0 II Copa Galiza

Notas

Categoría:Competicións de fútbol desaparecidas en Galicia