Os chipewyan, chippewyan ou dënesųłı̨ne son un pobo na-dené, do grupo atapascano, tamén chamados chpewya. Este nome provén do cree Chepau-wayanuk ("peles afiadas"), mais eles chamábanse a si mesmos Saw-cssaw-dineh, homes do levante. Dividíanse en numerosas tribos, como os thilanottine, os ethelnedi, os athabasca e os desdekenade.
Vivían entre as Montañas Rochosas e a Baía de Hudson, canda as marxes do Gran Lago do Escravo, o lago Athabasca e o río Churchill, no delta do río Mackenzie. Actualmente ocupan cinco reservas en Alberta, seis en Saskatchewan, dúas en Manitoba e dúas nos Territorios do Noroeste, todo iso no Canadá.
Demografía No 1900 eran probablemente uns dous mil quiñentos, segundo a Enciclopedia Británica eran 4.400 en 1980, xuntos cos slave e os yellowknife. Mais segundo o censo canadense do 2000 eran 13.056 persoas así repartidas: En Alberta, 2.016 individuos nas reservas Fort Chippewyan (779 habitantes), Fort McKay (592 habitantes), Janvier (645 habitantes) e outros cos cree nas de Fort McMurray (590 habitantes) e Cold Lake (2.180 habitantes). En Manitoba, 2.463 persoas nas reservas de Barren Lands (895 habitantes), Churchill ou Sayisi (672 habitantes) e Northlands (896 habitantes). En Saskatchewan, 7.508 individuos nas de Buffalo River (1.088 habitantes), English River (1.269 habitantes), Font du Lac (1.574 habitantes), Lac la Hache (1.310 habitantes), Stoney Rapids (1.678 habitantes), Turnor Lake (589 habitantes). Nos Territorios do Noroeste, 1.069 habitantes nas de Deninu K'ue First Nation (774 habitantes) e Smiths Landing (295 habitantes).
Costumes Eran veciños dos sarsi e dos cree, e eran os intermediarios comerciais entre os cree e os inuit. Adicábanse á caza e á pesca, aínda que eran tamén belicosos. Valoraban ás mulleres como forza de traballo, e vivían en wigwams de pel de caribú ou ante, cortiza e arbustos. Eran bastante organizados con respecto á caza, vixiando as mandas de caribús dende moitas partes.
Aproveitaban todo do caribú, curtían a pel, curaban a afumaban a carne, e con coas peles facían vestidos.
Historia No 1717, os ingleses xa construíron o posto comercial de Fort Churchill na baía de Hudson. En 1760-1776 foron visitados por Samuel Hearne, de Fort Churchill, e o seu caudillo, Makonabee, axudoulles a explorar os ríos Coppermine e Slave. En 1789-1793, tamén serviron como guías a Alexander Mackenzie, da Compañía do Noroeste. E no 1788 construíron no seu territorio Fort Chippewyan. Dende 1781 empezaron a chegar ao territorio franceses, que lles vendían armas aos cree. Isto, e a varíola, fixo reducila prosperidade dos chipewyan. No 1858, o relixioso católico de Fort Resolution, Henry Faraud, traduceu o Novo Testamento á súa lingua. Asinaron co Canadá diversos tratados en 1876, 1877, 1899 e 1906. Xunto cos dogrib, os cree e os saulteaux (chippewa) forman a Confederación de Primeiras Nacións dos Tratado Seis, pois firmaron en 1871-1877 o sexto tratado coa Colonia do Canadá, segundo o cal se instalaban reservas de 1,5 km2 por familia de cinco membros, tiñan dereitos de caza e pesca, e garantíaselles atencións médicas e pensións. A Constitución de 1982 obviou o tratado cos indios, o que provocou numerosas protestas. Tamén existe un alto índice de desemprego. O personaxe chippewyan máis destacado foi Alex Simeon Janvier.
Notas
Véxase tamén Bibliografía Cook, Eung-Do. (2004). A grammar of Dëne Sųłiné (Chipewyan). Algonquian and Iroquoian Linguistics - Special Athabaskan Number, Memoir 17. Winnipeg: Algonquian and Iroquoian Linguistics. ISBN 0-9210-6417-9. Li, Fang-Kuei. (1946). Chipewyan. In C. Osgood & H. Hoijer (Eds.), Linguistic structures of native America (pp. 398–423). Nova York: The Viking Fund. Osgood, Cornelius; & Hoijer, Harry (Eds.). (1946). Linguistic structures of native America. Viking fund publications in anthropology (No. 6). Nova York: The Viking Fund. (Reprinted 1963, 1965, 1967, & 1971, Nova York: Johnson Reprint Corp.).
Ligazóns externas Páxina Oficial Artigo en Allrefer.com
Categoría:Pobos indíxenas do Canadá