Mónaco (en francés: Monaco, en monegasco: Múnegu, en italiano: Monaco, en occitano: Mónegue), oficialmente Principado de Mónaco (en francés: Principauté de Monaco, en monegasco: Principatu de Múnegu, en italiano: Principato di Monaco, en occitano: Principat de Mónegue) é unha cidade-estado situada ao sur de Francia na costa mediterránea, en Europa. Cunha superficie de 1,9 km² é o segundo país máis pequeno do mundo, despois da Cidade do Vaticano. Debido a ese pequeno tamaño posúe soamente pouco máis de catro quilómetros de fronteira, todos con Francia, aínda que se atopa bastante preto de Italia a 11 km. Cos seus máis de 30.000 cidadáns é o estado soberano con maior densidade de poboación do mundo, chegando practicamente aos 17.000 habitantes por km².

Mónaco é unha monarquía constitucional e un Principado gobernado pola Casa de Grimaldi dende o ano 1297, sendo hoxe o Xefe de Estado o Príncipe Alberte II. Con todo, a pesar de ser un estado independente, a defensa do Principado é responsabilidade do Estado francés. Mónaco é o nome do país, así como o nome da súa única cidade e capital. A miúdo é considerado como un paraíso fiscal, sendo a maioría dos seus habitantes xente rica de países estranxeiros, os cales supoñen en torno ao 84% da poboación.

Etimoloxía A orixe do nome de Mónaco non está clara habendo diferentes teorías. Unha delas di que o nome quere dicir "só por se mesmo", debido unha a un suposto antigo templo que estaría na zona chamado "Herakles Monoikos" (do grego antigo: Heracles só), en referencia ao heroe grego Heracles (coñecido na mitoloxía romana como Hércules), ao que se lle rendía culto en dito santuario. Debido a esta última teoría o principal porto monegasco chámase hoxe en día "Porto de Hércules". Outra teoría di que o nome procede dunha antiga tribo ligur que habitou a zona no século VI a.C. chamada "Monoikos".

Historia Prehistoria O territorio actual de Mónaco serviu de abrigo aos primeiros habitantes da rexión a partir de finais do Paleolítico inferior, aproximadamente fai 300.000 anos, sendo nunha caverna do Xardín exótico de Mónaco restos óseos de animais, o cales serviron de alimento a estes homes prehistóricos. A presenza humana esta tamén testemuñada no Paleolítico medio e no superior. A partir do ano 1500 a.C. comezan a acharse dentro das covas trazos de obras de arte (gravados e esculturas), volvéndose cada vez máis numerosas as sepulturas funerarias, individuais ou colectivas, entre as que destaca a sepultura do home chamado "de Grimaldi" (non confundir coa familia real), que contén a unha muller e a un adolescente.

Antigüidade Dominada por diversos pobos da antigüidade, foi colonia dos fenicios, dos cales posuía o templo do deus Melkart. Con todo, segundo Diodoro Sículo e o xeógrafo Estrabón, os primeiros habitantes sedentarios da zona foron os lígures, que emigraron dende a cidade de Xénova en Italia. Con todo, cómpre sinalar a antiga lingua lígur, sen conexión coas linguas indoeuropeas, non ten que ver coa lingua lígur falada hoxe en día no Principado, tamén coñecida como monegasco. Segundo parece a colonia de Mónaco debeuse quizais á apertura cara ao mar dun pobo lígur situado no interior.

Logo, no século VI a.C., os gregos de Marsella (entón Massalia), fundarían a colonia de Monoikos (probable asimilación do fenicio "Melkart") no estreito onde actualmente se atopa Mónaco. Monoikos estaba asociada a Heracles (heroe coñecido polos romanos como Hércules), adorado baixo o nome de Herakles Monoikos. Segundo os propios Diodoro Sículo e Estrabón, os gregos e os lígures crían por igual que Hércules pasara pola rexión. Despois da Guerra das Galias, Xulio César instalouse nesta terra, xa abandonada polos gregos, o que significou o paso deste territorio ao control da República Romana como parte da provincia romana da Gallia Narbonensis co nome de Portus Herculis Monæci. Na Eneida é mencionada polo poeta Virxilio.

Idade Media

Mónaco permaneceu baixo dominio romano até a caída do Imperio Romano de Occidente o 4 de setembro de 476. O estreito foi eventualmente ocupado por sarracenos e diversas tribos xermánicas. Os sarracenos foron expulsados en 975 e no século XI o estreito foi novamente poboado polos lígures, os cales levaron a Mónaco a lingua lígur actual, da que é un dialecto o monegasco actual. En 1191, o emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, Henrique VI, concedeu a soberanía sobre Mónaco á cidade de Xénova, de onde eran orixinarios os lígures. O 10 de xuño de 1215, unha comitiva de Xibelinos (os Hohenstaufen, facción que apoiaba ao Sacro Imperio), comandados por Fulco del Cassello, comezou a construción dunha fortaleza sobre Mónaco, que constituía un punto estratéxico para controlar a rexión fronte os seus adversarios, os Güelfos (inimigos do Xibelinos, da casa de Welf), os cales tamén estabeleceron os seus cuarteis a fin de apoiar ás guarnicións.

O 8 de xaneiro de 1297, o Güelfo Francisco Grimaldi, descendente de Otto Canella, cónsul de Xénova en 1133, tomou a fortaleza pola forza. Grimaldi, que non posuía máis que un pequeno exército, disfrazouse de monxe franciscano para penetrar na fortaleza e, unha vez dentro, abriulles aos seus soldados. Con todo, os Güelfos foron finalmente derrotados e Francisco desterrado en 1301. Así, a familia Grimaldi apoiouse entón no Rei de Francia. O curmán de Francisco, Rainiero de Grimaldi, ao servizo de Filipe de Castela, comandou unha frota de galeras vencendo aos neerlandeses na Batalla de Zieriksee en 1304. Foi nomeado entón almirante de Francia e, pai de Carlos de Grimaldi, fundou a dinastía que leva o seu nome, que serviría fielmente á monarquía francesa durante os séculos vindeiros.

Retomando a loita contra Xénova, Carlos de Grimaldi ocupou a cidade o 12 de setembro de 1331, é autoproclamouse Señor de Mónaco en 1342. Mentres que adquiría o señorío de Menton en 1346, Carlos seguía a servir á Coroa Francesa, comandando unha compañía de alabardeiros na batalla de Crécy, en tanto que socorría por mar ao campamento francés tralo sitio de Calais. Logo, en 1355, obtivo o señorío de Roquebrune-Cap-Martin. Con todo, en 1357, faleceu durante o sitio comandando polo xenovés Simone Boccanegra. A totalidade do principado foi entón asimilado por Xénova, fóra de Mentón, defendido por Rainiero II, fillo de Carlos, que rapidamente reconquistou Roquebrune.

Os fillos de Rainiero II, Ambrosio, Antón e Xoán retomaron Le Rocher e convertéronse todos en co-señores (institución pouco frecuente na Idade Media). Xoán conservou pola súa banda só Mónaco e a Condamina, permanecendo en loita continúa contra os xenoveses. O seu fillo, Catalán, só o sucedeu por tres anos, e a súa neta Claudina Grimaldi foi desposada en 1465 por un Grimaldi d'Antibes, Lambert Grimaldi d'Antibes, o cal obtivo en 1489 o recoñecemento da súa independencia polo Rei de Francia e o duque de Savoia. Xénova tentou un último sitio en 1509 sen éxito, renunciando definitivamente a Mónaco .

Idade Moderna miniatura|Montecarlo en 1889. O 11 de outubro de 1505, antes do último intento de invasión xenovesa, accedeu ao trono Luciano I de Grimaldi, que morrería asasinado en 1523 polo seu curmán Bartolomeu Doria. Luciano non deixou máis que un fillo de pouca idade, Honorato, cuxa tutela foille confiada ao seu tío Agustiño, bispo de Grasse, que foi recoñecido señor. Agustiño non obtivo de parte de Francisco I de Francia o apoio que posuían os Grimaldi, e colocou a Mónaco baixo protectorado castelán en 1524 durante máis dun século. O neto de Honorato, Honorato II, posto baixo a tutela do príncipe de Valdetare, tomou o título de Príncipe en 1602, título que non foi recoñecido até 1633 por Filipe IV. Ademais retornou á alianza con Francia e expulsou manui militari á gornición castelá, obtendo o ducado de Valentinois. Lois I de Mónaco comandou o seu rexemento de cabalaría e obtivo unha embaixada por parte do Vaticano en 1701.

Coa Revolución francesa, trala noite do 4 de agosto de 1789, cando se aboliron os privilexios feudais pola Asemblea Nacional Constituínte, os príncipes de Mónaco perderon tódalas súas posesións francesas e os ingresos derivados delas. De 1793 a 1814 Mónaco estivo integrado en Francia baixo o nome de Fort d'Hercule, formando parte da rexión dos Alpes Marítimos e asociado a San Remo. O tratado de París de 30 de maio de 1814 volveu colocar ao Principado na órbita anterior a 1789, mais cando Honorato IV arribou a Mónaco en marzo de 1815 para tomar posesión dela, foi detido por Pierre Cambronne. Era o comezo dos Cen Días.

Mónaco colocouse entón baixou protectorado do Reino de Sardeña no segundo tratado de París, asinado o 20 de novembro de 1815 e confirmado polo tratado de Sutpinigi en 1817. Até 1847, o principado de Mónaco ocupaba unha superficie total de 24 km² (dez veces máis co actual Principado) e comprendía tres comunas: Mónaco (1.250 habitantes), Roquebrune (hoxe Roquebrune-Cap-Marin) (850 habitantes) e Menton (4.900 habitantes). A parte máis vasta e rica do principado era a chaira mentonesa, cos seus cultivos de cítricos e oliveiras. Con todo, durante o movemento revolucionario de 1848, Menton e Roquebrune proclamaron a súa revogación da familia Grimaldi e proclamáronse "cidades ceibes" baixo a protección do Reino de Sardeña. En 1869, o Piemonte cedeu Niza a Francia logo do apoio de Napoleón III ao comezo da unificación italiana. Niza, Menton e Roquebrune votaron entón a súa anexión a Francia, que foi ratificada polo tratado franco-monegasco de 1861. Así Mónaco abandonou finalmente o protectorado que tivo dende 1815 e a súa independencia foi formalmente recoñecida, separándose de toda protección de Francia ou Italia.

Idade Contemporánea miniatura|Casino de Montecarlo. Este último tratado prevía a axuda de Francia dun paso do ferrocarril francés sobre o territorio monegasco (con dúas estacións). Foi entón que o príncipe Carlos III tivo a idea de crear os xogos do Casino de Montecarlo (o xogo de azar era ilegal nos países veciños), o que permitiu ao principado enriquecerse e desenvolverse rapidamente. En 1863 acordou o privilexio de explotar o casino, os hoteis e o teatro a François Blanc, fundador da Sociedade de Baños e Mar do Círculo de Estranxeiros a fin de achegar ingresos á Corte. En 1866, Carlos III, quen impulsara estes traballos, trocou o nome do barrio dos Spélugues, pasando a ser Montecarlo na súa propia honra. Finalmente, a inauguración do ferrocarril Niza-Vincitimille en 1868 afianzou a prosperidade. Tamén se fundou unha Oficina de Correos, que comezou a editar os seus propios selos postais en 1865 e se obtivo da Santa Sé a creación dun bispado. Ademais o propio Carlos III, en 1869, eliminou os impostos de bens persoais e mobiliarios, feito que conduciu a unha intensa actividade de construción. Construíronse durante esta época unha ópera, numerosos museos e a Fundación do Instituto Oceanográfico.

Mónaco até esa época era unha monarquía absoluta, e príncipe de Mónaco dispoñía de plenos poderes, mais coa reforma da Constitución en 1911, o país pasou a ser unha monarquía constitucional. En xullo de 1918, foi asinado un acordo de protección limitada do Principado por Francia. O tratado formou parte do Tratado de Versalles e estableceu que a política de Mónaco non podería oporse aos intereses políticos, militares nin económicos de Francia. En 1922, o principado perdeu tamén o seu monopolio dos xogos da Costa Azul.

En xuño de 1940, durante a segunda guerra mundial, prodúcese a chegada das tropas italianas, o que inquietou ao Príncipe Lois II, que cría que se produciría unha anexión e a súa posterior destitución, polo que se achegou ao Goberno de Vichy do Mariscal Pétain, ao que pediu, con éxito, axuda. Máis tarde, en setembro de 1943, Hitler ordenou a invasión de Mónaco polo exército alemán, que non opuxo moita resistencia, con todo Mónaco foi finalmente liberado por tropas de Estados Unidos ao final da guerra.