San Xoán de Louredo é unha parroquia do concello de Cortegada, situada na provincia de Ourense, na comarca do Ribeiro, a 345 metros sobor o nivel do mar. En 2011 tiña 121 habitantes, dous menos ca en 2007 (60 homes e 63 mulleres neste ano).

Toponimia

O topónimo Louredo (do latín , de co sufixo abundancial -) é un fitotopónimo que sinala un lugar onde hai loureiro.

Xeoloxía Nesta parte do concello estableceuse un límite que introduce granito calcoalcalino cambiotita, de gran groso ou medio e sobre o que se forman tors ou bólas, algunhas dela partidas e outras con gnammas (monte da Chairalonga, Menora e Castro). Trátase dun relevo moi degradado con vertentes abruptas e moi erosionadas que caen cara aos ríos Miño e Arnoia respectivamente, en ambas as saídas fórmanse corgas de caudal relativo conforme á época do ano, que caen cara aos ríos Miño e Arnoia respectivamente.

Pola parte sur hai terras arxilosas e ningún penedo, sendo percorrido todo por un cordal desde o alto da Sardiñeira ata o cruzamento da Buratiña. Estes altos baixan coas súas saias ata terras de transición entre o Cadaval, Chan da Pereira e soben cara a Zaparín.

Historia Prehistoria Consérvanse preto dos lindes cos montes comunais de Meréns e Rabiño no Coto do Corvo, sobre o vello camiño Rabiño-Louredo, unha rocha con petróglifos en forma de ferraduras e mais outra rocha preto da aldea(no lugar do Campo) con petróglifos en forma de cazoletas sobre o camiño as ardades.

Historia

Suponse que o lugar foi habitado na alta idade Media por colonos do mosteiro de Celanova. Logo o lugar sería subforado á liñaxe dos Puga, xunto con Meréns e Poulo, aínda que se apunta a que un dos membros desa familia aristocrática repañou con eses territorios aló polo século XV e logo ficaría para sempre en mans deles ata ben entrado o século XX.

O pazo de Louredo, pertencente ós Puga é do século XVI, e pertenceu ós Puga como casa de Meréns-Louredo (non confundir coa casa da Torre de Louredo, que é en Toén) que logo os labregos iríanlle mercando (do cal se conserva o topónimo Tabolado, = dividir en pequenas partes) no nordeste da aldea. Consérvase un cruceiro do XVIII no lugar da Torre, outro de mellor factura artesanal no lugar do Pireiro e un peto de ánimas en Louredo, cerca de onde se atopan os restos da escola Pía doada por un indiano a finais do XIX.

No lugar de Refoxón (foxo=buraco ou fochanca) pasa o camiño vello que unía a aldea co lugar de Remuíño (A Arnoia), por onde pasou frei Martín Sarmiento"Fr. Martín Sarmiento "viaje a Galicia" no século XVIII na súa viaxe ó priorado de Refoxos. Este camiño foi sempre usado polos labregos para levar o centeo e millo a moer nos muíños do Inquiau (concello da Arnoia), ata que na década de 1970 un veciño instalou un muíño eléctrico e lles aforrou a viaxe. Ese camiño seguía cara á Buratiña onde se cruzaba co camiño proveniente de Seixomil e Saa, tras da montaña do Coto da Forca.

Durante a guerra de Independencia (1808-1814) o seu límite co río Arnoia na corga dos Confurcos formou parte da zona por onde pasou o xeneral Loison tentando varrer a oposición dos guerrilleiros no seu camiño cara a Allariz, así como lugar de paso de varias partidas carlistas a finais do século XIX, como a de Mateo Guillade (morto en Escudeiros, Ramirás).

No ano 1893 Louredo segregouse da parroquia de Rabiño e constituíuse como parroquia independente.

Na década de 1990 comunicouse Louredo coa estrada (tramo da Tella e Cadaval), mentres a xente abandona as actividades agropecuarias pouco a pouco.

Patrimonio Pazo de Louredo: Construción civil nobiliaria dun só andel de planta escadrada, cun patio pechado por unha porta principal de arco de medio punto, no cal as xambas exteriores están enfeitadas con cadanseu escudo da familia dos Puga e unha cruz patada sobre peaña sobre o lintel decorado este cunha moldura. Igrexa parroquial: de 1906 construída por Daniel Vázquez Gulías. No seu interior atópase unha talla de Xesuscristo con brazos móbiles e unha talla románica da Virxe en pedra. Cruceiro do Pireiro: Cruceiro de pedra con escena da crucifixión, coa figura da Virxe e san Xoán a seus pés, moi deteriorado e solto en partes no muro dunha viña, anteriormente atopábase no cruzamento da Alfarrapa coa Telleirta (Soutelo) ata que foi destruído parcialmente nun encontrón cuns bois dun carro, as pezas permaneceron caídas no chan varios anos ata que o dono da viña do Pireiro as rescatou a colocou na súa situación actual. Peto de ánimas: Altar de camiño, hoxe no lugar de Louredo (anteriormente na praza do Cazapedo xunto a un cruceiro do XVIII, contén un relevo en pedra dos condenados nas chamas e sobre eles a Virxe un anxo e un frade franciscano. Anteriormente tiña dous pináculos barrocos na parte superior. Capela de Louredo: Capela de arredores do s. XVI-XVIII, de planta rectangular cunha soa nave e tellado a dúas augas, na fachada topábase un minicampanario (hoxe apartado na parte de atrás da capela), ten unha soa porta con dúas fiestras a ambos os lados e unha moldura que percorre os flancos, dentro no altar hai un oco en forma de medio arco iluminado por dúas fiestras abucinadas a ambos os lados, no chan aínda se atopan as lousas antigas de sepultura cos buratos no medio.

Lugares e parroquias Lugares de Louredo

Parroquias de Cortegada

Notas

Véxase tamén Bibliografía Fr. Martín Sarmiento "Viaje a Galicia" Outros artigos Lugares de Cortegada

Categoría:Parroquias de Cortegada Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Xoán Categoría:Topónimos galegos con etimoloxía