As guerras napoleónicas foron unha serie de conflitos militares que tiveron lugar durante o tempo no que Napoleón Bonaparte gobernou en Francia. Foron en parte unha extensión dos conflitos que estalaron debido á Revolución Francesa, e continuaron durante todo o Primeiro Imperio Francés. Non existe consenso sobre o intre exacto no que comezaron estas guerras. Hai quen considera que comezaron cando Napoleón chegou ao poder en Francia, en novembro de 1799. Outras versións sitúan o período bélico entre 1799 e 1802 no contexto das guerras revolucionarias francesas, e consideran a declaración de guerra entre o Reino Unido e Francia en 1803, que seguiu ao curto período de paz do Tratado de Amiens en 1802 como o punto inicial das guerras napoleónicas. As guerras napoleónicas remataron o 20 de novembro de 1815, trala derrota final de Napoleón na batalla de Waterloo e o Segundo Tratado de París de 1815. En conxunto, o case continuado período de guerras comprendido entre o 20 de abril de 1792 e ata o 20 de novembro de 1815 é chamado frecuentemente A Gran Guerra Francesa (anterior á primeira guerra mundial, chamada simplemente A Gran Guerra).

Primeira e Segunda Coalición

A Primeira Coalición (1792-1797) de Austria, Prusia, o Reino Unido, España e o Piemonte (Italia) contra Francia foi o primeiro intento para derrotar o republicanismo. A coalición foi derrotada polos franceses debido a unha mobilización xeral, levas en masa, reformas no exército e unha guerra absoluta. En 1795, Francia anexionouse os Países Baixos austríacos e a Renania. Segue a conquista das Provincias Unidas (ás que declarara a guerra en 1793) e a súa transformación na República Bátava (Tratado da Haia, 19 de xaneiro de 1795). Prusia asinou a Paz de Basilea e deixou a coalición. España, tras unhas vitorias iniciais na invasión do Rosellón en 1793 (guerra do Rosellón), viu como as tropas francesas invadían Cataluña, País Vasco e Navarra. Ante esta ameaza, tamén asinou separadamente en 1795 a Paz de Basilea. As campañas italianas de Napoleón en 1796 e 1797, tamén fixeron abandonar o Piemonte a Coalición. Piemonte foi un dos membros orixinais da Coalición e significara un perigo persistente para Francia na fronte italiana durante catro anos na época na que Napoleón asumiu o mando do exército francés en Italia. A Bonaparte levoulle un mes vencer a Piemonte e facer retroceder os seus aliados austríacos. As forzas dos Estados Papais rendéronse aos franceses en Forte Urbano, forzando o Papa Pío VI a asinar un tratado de paz provisional, e as sucesivas contraofensivas austríacas en Italia foron infrutuosas, e conduciron á entrada de Bonaparte no Friúl. A guerra rematou ao forzar Bonaparte aos austríacos a aceptar as súas propias condicións no Tratado de Campo Formio. O Reino Unido quedou entón como a única potencia aínda en guerra con Francia.

A Segunda Coalición (1798-1801) de Rusia, o Reino Unido, Austria, o Imperio Otomán, Portugal, Nápoles e os Estados Papais contra Francia foi ao principio máis efectiva cá primeira. O goberno corrupto e dividido de Francia, baixo o Directorio Executivo, atopábase en plena axitación, e a República estaba en bancarrota (certamente, cando en 1799 Bonaparte tomou o poder, atopou só 60.000 francos no Tesouro Nacional). A participación rusa supuxo un cambio decisivo sobre a guerra da Primeira Coalición. As forzas rusas en Italia estaban mandadas polo notoriamente desapiadado e nunca derrotado Aleksandr Suvórov. A República Francesa non dispuña de líderes como Lazare Carnot, o ministro de guerra que levara a Francia ás sucesivas vitorias que seguiron ás masivas reformas da primeira guerra. Ademais, Napoleón Bonaparte estaba ocupado nunha campaña no Exipto, co obxectivo de ameazar a India Británica. Sen dous dos seus máis importantes comandantes do conflito anterior, a República sufriu sucesivas derrotas contra uns inimigos revitalizados, financiados pola coroa británica.

esquerda|miniatura|200px|O xeneral Kléber miniatura|Napoleón Emperador, obra de Ingres Napoleón Bonaparte volveu en 1799, deixando a campaña no Exipto a cargo do seu segundo ao mando, o xeneral Kléber, quen foi posteriormente asasinado. Tomou o control do goberno francés en 1799, derrubando o Directorio coa axuda do ideólogo Emmanuel Joseph Sieyès. A ofensiva das forzas austríacas no Rin e en Italia, converteuse nunha ameaza perentoria para Francia, pero todas as tropas rusas foran retiradas da fronte trala morte da tsarina Catarina II de Rusia. Napoleón reorganizou a milicia francesa e creou un exército de reservistas para apoiar tanto os esforzos no Rin coma en Italia. En todas as frontes, os avances franceses atoparon os austríacos coa garda baixa. Nese momento, o exército francés contaba só con 300.000 soldados loitando contra as forzas da Coalición. En Italia, a situación era con todo máis delicada pola presión de Austria, e Napoleón viuse forzado a mobilizar o exército de reservistas. Chocou cos austríacos na batalla de Marengo o 14 de xuño de 1800, e podería perder a batalla de non ser pola decisiva intervención do xeneral Desaix de Veygoux, que atacou a retagarda austríaca e venceuna. Desaix morreu na batalla, e Napoleón conmemorou posteriormente a súa bravura construíndolle monumentos e tallando o seu nome no Arco do Triunfo. No Rin, por outro lado, a decisiva batalla chegou cando un exército francés de 180.000 homes enfrontouse a 120.000 soldados austríacos na batalla de Hohenlinden o 3 de decembro. Austria foi definitivamente vencida e abandonou o conflito tralo Tratado de Lunéville, en febreiro de 1801.

O maior problema pendente de Napoleón era agora o Reino Unido, que permanecía como unha influencia desestabilizadora nas potencias continentais. O Reino Unido propiciara a Segunda Coalición a través do seu financiamento. Napoleón estaba convencido de que, sen unha derrota británica ou un tratado co Reino Unido, non podería conseguir unha verdadeira paz. O exército británico era unha ameaza relativamente pequena para Francia, pero a Armada Real Inglesa era unha continua ameaza para a frota francesa e para as colonias no Caribe. Ademais, os fondos económicos do Reino Unido eran suficientes para unir as grandes potencias do continente contra Francia e, malia as numerosas derrotas, o exército austríaco aínda era un perigo potencial para a Francia napoleónica. En calquera caso, Napoleón non foi capaz de invadir Gran Bretaña dunha forma directa. Nas famosas palabras do almirante John Jervis, primeiro Conde de San Vicente (en honra á histórica vitoria naval da batalla do cabo de San Vicente contra a escuadra franco-española): Eu non digo, señores, que os franceses non vaian vir; só digo que non virán por mar (palabras evidentemente irónicas tratándose Gran Bretaña dunha illa), expresábase a situación tralas derrotas da frota francesa na batalla do Nilo (Aboukir, 1 de agosto de 1798) e a posterior derrota da frota combinada franco-española na batalla de Trafalgar (21 de outubro de 1805), ambas co almirante Horatio Nelson ao mando da frota británica. Para rematar, foi doadamente contida unha expedición francesa a Irlanda.

miniatura|dereita|300px|A batalla de Copenhague (2 de abril de 1801)

Guerra das Canoneiras Dinamarca e Noruega, que orixinalmente se declararan neutrais nas guerras napoleónicas, sacaron proveito da guerra a través do comercio e estableceron unha armada. Tras unha mostra de intimidación na primeira batalla de Copenhague (1801), os ingleses prenderon grandes números de naves da frota dinamarquesa, na segunda batalla de Copenhague (1807). Isto rematou coa neutralidade dinamarquesa, encerellándose os dinamarqueses nunha guerra naval de guerrillas, onde con pequenos barcos canoneiros pretendían atacar os barcos ingleses -moito maiores- que estivesen en augas dinamarquesas e norueguesas. A guerra das Canoneiras rematou cando a frota inglesa obtivo a vitoria na batalla de Lyngør en 1812, na cal foi destruído o derradeiro dos buques de guerra dinamarqueses, unha fragata.

Paz de Amiens O Tratado de Amiens (1802) deu como resultado a paz entre o Reino Unido e Francia, e significou o colapso final da Segunda Coalición. Con todo, nunca se considerou un tratado duradeiro: ningunha das partes estaba satisfeita e ambas incumpriron partes do mesmo. As hostilidades recomezaron o 18 de maio de 1803. O obxecto do conflito cambiou desde o desexo de restaurar a monarquía francesa á loita para acabar con Napoleón Bonaparte.

Bonaparte declarou o Imperio o 28 de maio de 1804, e foi coroado emperador na catedral de Notre-Dáme de París o 2 de decembro.

Terceira Coalición

Napoleón planeou a invasión das Illas Británicas, e reuniu 180.000 soldados en Boulogne. Con todo, cumpría conseguir antes a superioridade naval para levala a cabo, ou polo menos, afastar á frota británica da canle da Mancha. Elaborouse un complexo plan para distraer os británicos, ameazando as súas posesións nas Indias Occidentais, pero este plan fallou cando a frota franco-española ao mando do almirante Villeneuve retirouse tras unha acción pouco decidida deste na terceira batalla do cabo Fisterra (1805). Villeneuve viuse bloqueado en Cádiz ata que a frota combinada saíu de novo o 19 de outubro con destino a Nápoles. Esta frota foi prendida e vencida na batalla de Trafalgar o 21 de outubro pola armada inglesa ao mando de Horatio Nelson. Napoleón enviara nove plans diferentes a Villeneuve, pero este vacilou constantemente, provocando este desastroso resultado.

Tras este contratempo, Napoleón abandonou (aínda que non esqueceu) os seus plans para invadir as Illas Británicas, e volveu a súa atención aos seus inimigos no Continente. O exército francés deixou Boulogne e trasladouse a Austria.

A serie de conflitos navais e coloniais, incluíndo a chamada Acción de 1805, onde tres barcos franceses atacaron un navío de liña e un cargueiro inglés, foron a tónica deses meses, e levaron a Napoleón á súa decisión de abortar os seus plans de invadir Inglaterra. Isto era tamén un claro sinal da nova natureza da guerra. Os conflitos no Caribe podían ter un efecto inmediato e directo sobre o conflito europeo, e batallas dadas a miles de quilómetros influían o resultado das outras. Isto era talvez sinal de que as guerras napoleónicas chegaran a un punto no que se converteron nunha guerra mundial. O único precedente dun conflito tan amplo e a tal escala foi a guerra dos Sete Anos.

En abril de 1805, o Reino Unido e Rusia asinaron un tratado para expulsar os franceses de Holanda e Suíza. Austria uniuse á alianza trala anexión de Xénova e a proclamación de Napoleón como Rei de Italia. Os austríacos comezaron a guerra invadindo Baviera cun exército duns 70.000 homes baixo o mando de Karl Mack von Lieberich, e o exército francés saíu de Boulogne a fins de xullo de 1805 para enfrontarse a eles. Na batalla de Ulm (25 de setembro ao 20 de outubro), Napoleón tratou de vencer o exército de Mack cunha brillante manobra envolvente, forzando a súa rendición sen substanciais perdas. Co exército principal de Austria ao norte dos Alpes vencido (outro exército baixo o mando do Arquiduque Carlos de Austria acosara o exército de André Masséna en Italia con resultados pouco concluíntes), Napoleón ocupou Viena. Lonxe das súas liñas de subministración, enfrontouse cun exército austro-ruso superior ao seu e baixo o mando de Mikhail Kutúzov, cos emperadores Francisco II, Sacro Emperador Romano e Alexandre I de Rusia presentes. No que é usualmente considerado a súa maior vitoria, o 2 de decembro Napoleón esnaquizou o exército combinado austro-ruso na batalla de Austerlitz, en Moravia. Infrinxiu un total de 25.000 baixas a un exército numericamente superior mentres tivo menos de 7.000 nas súas propias filas. Tras Austerlitz, Austria asinou o Tratado de Pressburg, deixando a coalición. Isto custoulle a Austria ceder Venecia ao Reino de Italia (Napoleónico) e o Tirol a Baviera.