Adolf Hitler (), nado en Braunau am Inn (Austria) o 20 de abril de 1889 e finado en Berlín o 30 de abril de 1945, foi o líder do Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (en alemán Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, NSDAP), tamén coñecido por Nazi, unha abreviatura do nome en alemán (Nationalsozialistische), sendo aínda oposición aos socialdemócratas, os Sozi. Hitler converteuse en chanceler e, posteriormente, ditador alemán. Era fillo dun funcionario de alfándega dunha vila fronteiriza de Austria con Alemaña. Foi o xefe do goberno de Alemaña dende xaneiro de 1933 e xefe do goberno e de Estado (Reichsführer) dende agosto de 1934 até a súa morte. Desenvolveu unha política baseada na necesidade de expansión territorial para obter o chamado "espazo vital" (Lebensraum), o anticomunismo e o antisemitismo, que tería a súa maior expresión no Holocausto.
Traxectoria Primeiros anos Adolf Hitler naceu no serán do 20 de abril de 1889 na vila de Braunau am Inn, a 55 km de Linz, próxima á fronteira alemá. Era o cuarto fillo dos seis que tiveron Alois Hitler, un oficial de alfándegas, e Klara Pölzl. Adolf foi o primeiro fillo que sobreviviu á infancia; do resto dos fillos só Paula sobreviviu. En 1892 a familia trasladouse a Passau, Baviera ao ascender seu pai. Xa xubilado o pai, en 1895 a familia trasladouse a Fischlham, unha pequena comunidade rural a 45 km de Linz, e alí Hitler comezou os seus estudos na escola local con boas notas. En 1896, cando Alois, un fillo que o pai de Adolf tivera doutro matrimonio, marchou da casa, a irritabilidade do pai aumentou. En 1897 a familia moveuse a Lambach e Adolf asistiu a clases de canto no seu mosteiro. En 1898 a familia asentouse definitivamente en Leonding, unha aldea nas proximidades de Linz. Nesa época afeccionouse ás novelas de Karl May e seguiu obtendo boas notas no colexio.
En 1900 comezou en Linz as clases no Realschule, instituto de secundaria que daba preferencia ás materias técnicas e científicas. Alí sentiuse atraído polo nacionalismo panxermanista de Georg Ritter von Schönerer, pero escolarmente o ano foi un fracaso e tivo que repetir curso. En 1903 morreu seu pai. No curso 1904 por causa das súas malas notas tivo que proseguir o instituto en Steyr e en 1905 deixou os estudos e durante dous anos dedicouse a unha vida despreocupada na compaña da súa familia, asistindo a representacións de teatro ou ópera. Nesa época adquire a súa paixón por Richard Wagner.
Anos en Viena e Múnic miniatura|200px|dereita|Adolf Hitler (dereita) xunto a Benito Mussolini En 1907 tentou ingresar na Academia de Belas Artes de Viena, onde, debido a súa inclinación cara ó debuxo arquitectónico non foi aceptado. O 21 de decembro morría a súa nai dun cáncer de peito. Hitler falará dos anos que pasou en Viena entre 1908 e 1913 como a época máis dura da súa vida. Neses anos comeza a súa teima contra dos xudeus. O diñeiro íaselle esgotando, pero negábase a ingresar no funcionariado ou aceptar un traballo en Leonding. En outubro de 1908 suspendeu por segunda vez o exame de ingreso na Academia de Viena. Dende setembro de 1909 viuse obrigado a vivir na rúa ou en cuartos baratos e en decembro de 1909 buscou refuxio no Asyl für Obdachlose, un albergue nocturno para pobres. En febreiro de 1910 trasladouse a outro albergue con mellores condicións e comezou a pintar cadros que o seu socio, xudeu, vendía nos bares, facendo algún diñeiro.
En maio de 1913, logo de cumprir os 24 anos, recibiu a parte da herdanza do seu pai que lle correspondía e marchou a Múnic, quizais para eludir o servizo militar. Alí segue vendendo as súas pinturas nos bares e cafés. O 18 de xaneiro de 1914 a policía de Múnic detívoo a petición das autoridades austríacas por non se rexistrar para o servizo militar pero, considerado inútil para o servizo, regresou a Múnic.
Primeira guerra mundial Cando estoupou a primeira guerra mundial, Hitler presentouse voluntario no exército bávaro, dándoselle destino no 16º Rexemento de Infantaría da Reserva. Tras un período de adestramento en Múnic, o 29 de outubro o rexemento chegou a Lille e ao pouco entrou en combate en Bélxica. Hitler ascendeu a cabo o 3 de novembro e o 9 de novembro quedou asignado como ordenanza ao estado maior do rexemento coa misión de servir de correo, recibiu a Cruz de Ferro de segunda clase en decembro de 1915 por salvar a vida do seu comandante. En outubro de 1916 resultou ferido nunha perna e estivo hospitalizado dous meses preto de Berlín. O 4 de agosto de 1918 recibiu a Cruz de Ferro de primeira clase. O 14 de outubro a consecuencia dun ataque de gas mostaza quedou cego temporalmente e recibiu a nova da derrota alemá nun hospital militar.
Entrada en política
Despois da guerra, Hitler mantívose no exército ata o 31 de marzo de 1920. Nunha época de revolucións en toda Alemaña, a Hitler deixoulle unha fonda impresión negativa a Revolución de Baviera, e o feito de que parte dos seus dirixentes foran xudeus afondou o seu antisemitismo, pero o certo é que Hitler foi elixido en representación do seu batallón nas eleccións que o goberno da República Soviética de Baviera organizou nos cuarteis.
Logo da desaparición da RSB, entre maio e xullo de 1919 foi recrutado polo servizo de intelixencia do exército como V-Mann (informador) e en xuño asistiu a un curso de adoutrinamento político que daba na Universidade de Múnic Karl Mayr, este elixiu a Hitler como un dos instrutores destinados a adoutrinar politicamente os soldados destinados en Lechfeld.
O 12 de setembro de 1919 asistiu como informador a unha xuntanza do Partido dos Traballadores Alemáns (DAP), un pequeno partido que contaba con 50 militantes, pero diante a intervención dun separatista bávaro, Hitler tomou a palabra e o xefe do partido, Antón Drexler invitouno a afiliarse, cousa que fixo aos poucos días, aínda que é posible que tivese ordes de infiltrarse no DAP. En pouco tempo converteuse no principal orador do partido, que actuaba principalmente nas cervexarías. O 24 de febreiro de 1920 o DAP, baixo o impulso de Hitler, realizou o primeiro grande acto de masas, ao que asistiron 2000 persoas e no que se repartiu o programa do partido (feito por Drexler e Hitler), dividido en 25 puntos, e dende marzo o DAP utiliza o nome de Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (NSDAP), o 1 de agosto de 1921 o NSDAP adoptou o principio de xefatura como base organizativa e Hitler como o seu líder, a militancia chega a 3.200 fronte a só 190 a comezos de 1920. Ernst Röhm converteuse no contacto de Hitler co exército e as asociacións patrióticas, substituíndo a Meyr, e converténdose no organizador do que a partir de outubro de 1921 adoptaría o nome de SA (Seccións de Asalto). Tamén foi fundamental á hora de buscar financiamento para o partido, ao que tamén contribuíu Dietrich Eckart, o que resultou decisivo para mercar o xornal Völkischer Beobachter e convertelo no órgano do partido en decembro de 1921. En setembro de 1921 dirixiu persoalmente o ataque contra un mitin organizado pola Bayernbund, a organización independentista dos monárquicos bávaros. Otto Ballerstedt o seu líder acudiu aos tribunais e Hitler ingresou en prisión durante un mes, entre o 24 de xuño e o 27 de xullo de 1922. A organización de Hitler por esa época seguía sendo basicamente local, pero o 20 de outubro de 1922 incorporóuselle a sección de Nuremberg do Deutsche Werkgemeinschaft, o que supuxo a incorporación de 14.000 militantes a un partido que contaba con só 6.000.
Führer A partir da toma do poder en Italia por Benito Mussolini, o 28 de outubro de 1922, foise desenvolvendo dentro do NSDAP o culto ao Führer, que Hitler fomentaba. A ocupación francesa do Rühr o 11 de xaneiro de 1923 supuxo un aumento do ambiente nacionalista en Alemaña e aumentou a afiliación ao NSDAP, que en novembro chegaba aos 55.000 membros. No I congreso do partido, que se celebrou o 27 de xaneiro, Hitler saudou pola primeira vez co brazo en alto a semellanza dos fascistas italianos. Por esa época estableceuse a colaboración co xeneral Erich Ludendorff, personaxe clave da dereita nacional, que Hitler tentou utilizar no seu proveito no intento de golpe de estado do 8 de novembro de 1923, que en principio contaba co apoio de Gustav von Kahr, o home forte de Baviera, pero a última hora retiroulle o apoio. Hitler e 600 membros da SA ocuparon o local no que estaba falando Kahr diante 3000 persoas e detivérono cos outros dous membros do triunvirato que gobernaba Baviera. Ernst Röhm co resto dos membros das SA tiñan ordes de ocupar os cuarteis de Múnic. Kahr aparentemente aceptou apoiar o golpe. Cando Hitler marchou para apoiar a ocupación do cuartel de enxeñeiros Ludendorff puxo aos membros do triunvirato en liberdade e estes aproveitaron para organizaren a resistencia e garantir a lealdade da policía e o exército ás autoridades legais.
Tras o fracaso do golpe, a policía detivo a Hitler o 11 de novembro e acusouno de alta traizón. Hitler converteu o seu xuízo, que se celebrou en marzo de 1924, nun escenario propagandístico. O 1 de abril o tribunal condenou a Hitler a cinco anos de cárcere, que debía cumprir na prisión de Landsberg, onde recibiu un trato de favor. Durante a súa estadía no cárcere dedicouse a ler (Nietzsche, Chamberlain, Karl Marx, Otto von Bismarck...), escribir cartas e ditar o texto da primeira parte de Mein Kampf (A miña loita) a Emil Maurice e Rudolf Hess. A primeira parte do libro apareceu en xullo de 1925 e a segunda parte, escrita xa cando Hitler estaba en liberdade, apareceu en decembro de 1926. Os textos antes de se publicaren sufriron múltiples correccións por, entre outros, Stolzing-Cerny e Bernard Stempfle. Mentres estivo no cárcere dirixiu o NSDAP, oficialmente ilegalizado, Alfred Rosenberg. Durante a súa estadía na prisión Hitler comezou a adquirir a noción de ser o home predestinado a salvar Alemaña. O 20 de decembro de 1924 Hitler foi amnistiado e comezou a reconstruír o partido, que se resentira da perda do liderado de Hitler, dividíndose en múltiples faccións rivais. O 30 de abril de 1925 renunciou á nacionalidade austríaca, para evitar unha posible deportación. Durante sete anos permanecerá como apátrida.
Os anos posteriores á saída da cadea de Hitler foron anos de recuperación económica, do Tratado de Locarno, do plan Dawes e do ingreso de Alemaña na Liga de Nacións. A república de Weimar vivía o seu mellor momento, e aínda que o 27 de febreiro de 1925 o NSDAP volveu ser legal, Hitler tivo prohibido falar en público en boa parte de Alemaña ata 1927 e nesa época a súa influencia na sociedade alemá era escasa, aínda que o número de militantes aumentou ata chegar aos 100.000 en 1929.
Refundación do Partido Nazi Logo de saír da cadea, Hitler distanciouse de Ludendorff, en parte polo seu anticlericalismo, e prometeu ás autoridades bávaras actuar dentro da legalidade. A resposta das autoridades foi permitir a volta á legalidade do NSDAP. Pero desta volta o refundado Partido Nazi non ía quedar restrinxido a Baviera, Hitler rompeu co resto dos partidos völkisch (nacionalistas de dereitas) e estendeu o partido polo centro e norte de Alemaña, traballo que encargou a Gregor Strasser, aínda que mantivo Múnic como a sede central.
Hitler propuxo a Ludendorff como candidato á presidencia do Reich polo NSDAP, pero o resto do movemento völkish apoiou a Karl Jarres, o candidato conservador. Nas eleccións o xeneral só obtivo o 1,1% dos votos, o que supuxo a súa desaparición da vida pública, que era o que pretendía Hitler.