A arandeira ou herba dos arandosEntrada nº 51. (Vaccinium myrtillus) é un arbusto da familia das ericáceas de froito comestíbel, o arando ou uva do monte.

Características De pequeno tamaño, entre 15 e 35 cm, medra en bosques, páramos e en zonas de montaña. As pólas, verdes, son triangulares e as súas flores, pequenas e verdosas, teñen os pétalos xunguidos formando un globo. As follas son ovais, dentadas e agudas. Raramente cultivadas, o seu froito, o arando, recóllese das plantas bravas, sobre todo en Escandinavia e Polonia.

O froito, chamado arando, é unha baga de cor morada ou negroide, ten taninos, ácido cítrico, ácido málico e, o que é infrecuente, ácido benzoico. Os arandos son comestíbeis, teñen un sabor agridoce e son consumidos en Europa dende a antigüidade especialmente no norte.

Hábitat e distribución Vaccinium myrtillus é nativa de Europa, norte de Asia, Groenlandia, o oeste do Canadá, e mais do oeste dos Estado Unidos. Aparece en uceiras (terreos poboados de uces) e solos acedos.

En Galicia medra por riba dos 700 m especialmente nas provincias de Lugo e Ourense coma mato das fraga, carballeiras, bidueirais ou faiais, nos matos das beiras dos ríos das zonas montañosas e nos das abas das serras orientais. Aparece sempre sobre solos derivados de rochas acedas (silíceas), profundos, frescos e ricos en materia orgánica, nos ambientes húmidos e hiperhúmidos.

Existe en Galicia outra especie de arandeira, a Vaccinium uliginosum subsp microphyllum, difícil de diferenciar destoutra, especialmente nas montañas.

A arandeira na cultura popular galega As arandeiras abundan nas provincias de Lugo e Ourense. Os primeiros dicionarios etnográficos de galegos falan delas, e do costume dos aldeáns de comer as bagas. Martín Sarmiento escribía: É unha planta fortiña que medra un pé e ten as follas recortadas e da figura da folla do buxo. No remate bota uns baguiños negros que comen os rapaces pastores ,etc. Na mariña non hai esa planta. A uva de oso ("gayuba"-"Arctostaphylos uva-ursi"); ou vén ser unha planta rastreira, como especie de arando, mais que ten os bagos encarnados e as follas máis grandes e semellantes ás do érbedo. É evidente que no Seixo hai arandos e para min é certo que onde hai arandos hai uvas de oso, polo común.Tradución do texto do castelán ao galego, de Martín Sarmiento (1732-1770): Epistolario do P. Sarmiento, ed. de Xosé Filgueira Valverde e María Xesús Fortes Alén, Consello da Cultura Galega, Santiago,1995.

Ditos Non vale un arando, din por Vilalba e Mondoñedo cando algo ten pouco valor.Eugenio Reguera y Pardiñas (1840-1858): Traducción de algunas voces, frases y locuciones gallegas, especialmente de agricultura, al castellano, ed. de J. L. Pensado (Cadernos de Lingua, RAG, 1995) Si, ho, vouche dar arandos da Serra Seca!, din na Gudiña, cando un neno colle unha perrencha por algo imposíbel.Eligio Rivas Quintas (2001): Frampas, contribución al diccionario gallego a través de Dicionario de Dicionarios da Universidade de Santiago de Compostela

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Arandeira americana

Categoría:Arbustos Categoría:Vaccinium Categoría:Arbustos de Galicia Categoría:Flora de Europa Categoría:Flora de América do Norte Categoría:Taxons descritos por Linné