Manuel Irujo Ollo ou Manuel de Irujo, nado en Lizarra (Navarra) o 25 de setembro de 1891 e finado en Pamplona o 1 de xaneiro de 1981, foi un político e avogado navarro, dirixente do Partido Nacionalista Vasco, deputado e ministro da Segunda República.

Traxectoria Fillo do avogado Daniel Irujo y Urra, un pioneiro do nacionalismo vasco en Navarra e defensor de Sabino Arana, e irmán de Andrés de Irujo e Pello Irujo. Estudou no Colexio do Xesuítas de Orduña, onde rematou no 1907 o bacharelato. No 1910 licenciouse na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Deusto e no 1912, en Dereito.

En 1916 casou con Aurelia Pozueta Aristizabal, con quen tería unha filla, Miren. Enviúva en 1918. Foi deputado pola Deputación Foral de Navarra en 1921 e 1930. Deputado a Cortes por Guipúscoa nas eleccións de 1931, 1933 e 1936. No 1936 defendía a postura do seu partido a prol da Segunda República e en contra da sublevación militar.

Entre setembro de 1936 e maio de 1937, foi ministro sen carteira no Goberno de Largo Caballero coa función de intentar restablecer o funcionamento dunha xustiza elemental na zona republicana. Dita función continuouna como Ministro de Xustiza no goberno de Negrín até decembro de 1937. Abandonou o cargo, entre outras razóns, pola represión que o goberno levou a cabo contra o Partido Obrero de Unificación Marxista (POUM), pero ficou como ministro sen carteira até agosto de 1938. Trala guerra civil exiliouse no Reino Unido. Alí foi ministro do goberno republicano no exilio e presidente do Consello Nacional Vasco.

Polo seu labor na construción europea en 1972 foi nomeado presidente de honra do Consello Federal Peninsular do Movemento Europeo. Regresou a España en 1977, ano no que foi elixido senador por Navarra nas listas da Fronte Autonómica. No 1979 foi elixido membro do Parlamento Foral de Navarra como cabeza de lista da coalición Nacionalistas Vascos, sendo o seu primeiro presidente. Autor, entre outras obras, de Inglaterra y los vascos e Instituciones políticas vascas (1945).

Ideoloxía Irujo escribiu o seguinte decálogo que resume a súa ideoloxía:

Véxase tamén Ligazóns externas Biografía de Manuel de Irujo no número 11 de Eurobask, revista do Consello Vasco do Movemento Europeo, páx. 34. (en español) Ficha no Senado

Categoría:Deputados nas Cortes da II República Categoría:Exiliados do franquismo Categoría:Escritores en lingua castelá Categoría:Escritores en lingua éuscara Categoría:Políticos do País Vasco Categoría:Senadores de España Categoría:Nados en Lizarra Categoría:Alumnos da Universidade de Deusto Categoría:Políticos do PNV