Os Estados Pontificios ou Estados da Igrexa estiveron formados por un conglomerado de territorios basicamente centroitalianos que se mantiveron como un estado independente entre os anos 752 e 1870 baixo a directa autoridade civil dos papas, e cuxa capital foi Roma.

Orixe Desde que se instituíu a sé episcopal de Roma, os fieis, e en maior medida os emperadores cristiáns, foron doando á Igrexa romana cuantiosos bens territoriais, algúns deles constitutivos de importantes extensións de terreo. Estas posesións, máis outras de carácter inmóbel, viñeron a integrar o que se coñeceu como Patrimonio de San Pedro, e estiveron diseminadas por toda Italia e incluso fóra dela. A súa administración, aínda que non converteu inicialmente aos papas en xefes de Estado, conferiulles non obstante auténticas prerrogativas civís e políticas recoñecidas pola Pragmática Sanción de 554 promulgada polo emperador Xustiniano I (unha vez que, trala conquista de Belisario, Roma volvía a estar baixo a soberanía dos emperadores, tras o interregno hérulo e ostrogodo), entre outras a de posuír unha forza militar que chegou a constituír un respectábel exército posto en acción en múltiples ocasións, en non poucas baixo o mando do propio pontífice-caudillo. Doutra banda, moitos dos papas procedían das clases dominantes romanas e exerceron simultaneamente o cargo episcopal e o de gobernante civil da Cidade Eterna. Tal foi o caso de Gregorio I Magno (590 – 604), home afeito no desempeño de funcións políticas pois ostentara anteriormente o cargo de prefecto da propia cidade (prefectus Urbis) e pertencía a unha familia de patricios romanos.

Creación dos Estados Pontificios miniatura|esquerda|A formación dos Estados Pontificios. miniatura|esquerda|300px|A doazón de Pipino o Breve polo Tratado de Quierzy, ao Papa Estevo II, no ano 756.

Carlos Martel, no 741, dividiu o territorio franco en dúas partes, unha para Carlomán e outra para Pipino (os seus dous fillos).

Carlomán abdicou no 747 para converterse en monxe. Catro anos despois, Pipino (coñecido como o Breve pola súa curta estatura), confinou nun mosteiro ao último descendente de Clodoveo, o mozo Khilderico III; e foi proclamado pola nobreza rei dos francos, e converteuse no fundador da dinastía Carolinxia.

Pipino non só foi rei por elección, senón que ademais recibiu a bendición da Igrexa. Obtivo do papa Zacarías un mandato, segundo o cal, quen detentaba o poder, podía asumir o título de rei pola graza de Deus, unxido como David no Antigo Testamento.

A partir de aí producíronse novas conexións entre o Papado e a monarquía carolinxia.

A primeira foi:Roma viuse ameazada polos longobardos, cuxo exército cercou a cidade mentres o papa Estevo IIIA numeración deste papa é controvertida: hai quen defende que houbo un papa Estevo II distinto deste e que, polo tanto, este sería Estevo III (criterio que se seguiu na Galipedia), outros defenden que ese papa non debe contar, co que este sería Estevo II, ver o artigo Estevo II, papa. solicitaba inutilmente axuda ao emperador de Bizancio. Denegado o auxilio bizantino, o papa pediu a Pipino unha intervención urxente. O rei franco realizou dúas incursións en Italia, forzou aos longobardos a abandonaren o asedio de Roma e obrigounos a devolver as súas conquistas. Finalizado o conflito, os territorios situados na Romaña e As Marcas non foron restituídos ao control de Bizancio, senón que foron conferidos ao papa —doazón de Pipino, no ano 756—, como lexítimo representante do poder imperial. Este tratado destrúe aos longobardos, e pola súa vez permitiu a constitución do Estado Pontificio independente de todo poder temporal e base do futuro poder da Igrexa.

Pero os Estados da Igrexa non se orixinan ata o pontificado de Estevo III, contra 752. A titoría do imperio Bizantino sobre Roma e a súa sede pontificia estaba declinando desde principios do século VIII.

O distanciamento respecto ao imperio de Oriente fíxose cada vez máis patente e profundo con visos de auténtica ruptura, como cando o papa Constantino, enfrontándose ao emperador Filípico Bardanes, ao que acusou de herexe, chegou a dirixir as súas armas contra o exarca bizantino. Naquel clima de tensión, sendo de temer a ofensiva do longobardo Aistolfo contra Roma tras terse apoderado este de Rávena, o papa Estevo acode, en demanda de socorro, aos francos. O seu rei, Pipino o Breve, préstallo mediante o Tratado de Quierzy. A intervención dos francos calmou a Astolfo, quen aceptou traspasar Rávena á República Romana. Pero retirados aqueles, o rei longobardo incumpriu o seu compromiso e, por riba, puxo sitio a Roma. Nova chamada do papa ao recente protector franco e nova acción deste no seu auxilio. Sometidos, por fin, os longobardos coa intervención de Pipino, este fixo entrega ao papa do antigo exarcado de Rávena (Rávena, Ferrara, Boloña…), da Pentápole (bispados de Rímini, Pesaro, Fano, Senigallia e Ancona) e da rexión de Roma, conferindo ao sumo pontífice o dominio temporal dun estado que, con algunhas variacións xeográficas, había de perdurar durante máis de once séculos, ata 1870. Porén, nun intento de extraer maior proveito político, Estevo III exhibiu un apócrifo documento convenientemente falsificado pola propia Curia romana, e supostamente achado tres anos antes, que deu logo en chamarse «Doazón de Constantino». Segundo este simulado protocolo (de cuxa falsidade hoxe non existe ningunha dúbida, pois xa quedou demostrada no século XV), Constantino I o Grande cedería ao papa Silvestre I, para si e os seus sucesores, non xa o palacio de Latrán, o que en efecto fixo, senón a posesión de toda Italia e a dignidade imperial. Pipino non caeu na trampa da ambición papal.

Porén, o perigo longobardo non quedara definitivamente conxurado polas accións militares de Pipino o Breve. O rei Desiderio invadiu os Estados Pontificios e aínda a mesma Roma. Hadrián I, papa naquel tempo (774), invocou de novo neste transo aos francos para que lle dispensasen a súa protección e, como anos atrás fixera o seu pai, acudiu agora Carlomagno en axuda da Santa Sé. O resultado foi a restitución dos bens da Igrexa e a promesa, non cumprida, de anexión doutros territorios. En todo caso, a maior parte da Italia central quedou constituída nun estado independente baixo o goberno dos papas. En agradecemento, o papa coroou a Carlomagno como emperador de Occidente no ano 800.

O período medieval

Desaparecido o Imperio Carolinxio, o autoproclamado rei de Italia, Berengario II, ameazou as posesións eclesiásticas. O papa Xoán XII requiriu o amparo de Odón o Grande, quen dobregou ao atacante e entrou triunfante en Roma. Alí, na Basílica de San Pedro, o papa restableceu a dignidade imperial, coroando a Odón como emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico o 2 de febreiro de 962, mentres que Odón, pola súa banda, ratificou a potestade da Igrexa sobre os Estados Pontificios mediante o «Privilegium Othonis».

A Italia meridional nunca formou parte dos Estados Pontificios, pero si estivo suxeita a vasalaxe destes durante o período de dominación normanda. En 1059, mediante o concordato de Melfi, dimanado do concilio celebrado nesta cidade, o papa Nicolao II outorgaba a Ricardo de Aversa a investidura do principado de Capua, e a Roberto Guiscardo a do ducado de Apulia e de Calabria, así como, para un futuro, do señorío de Sicilia. Como contrapartida á unción papal con que se viron dignificados, comprometíanse estas a prestar vasalaxe ao sumo pontífice en todo momento. Roberto Guiscardo mostrouse imparábel nas súas conquistas e en poucos anos ocupou toda Sicilia e tomando aos musulmás Palermo e Mesina, e aos bizantinos directamente Bari e Brindisi, e baixo a súa soberanía teórica Amalfi e Salerno. Cando en 1080 Gregorio VII precisou o auxilio militar do normando outorgoulle o seu apostólico beneplácito ás conquistas a cambio dunha formal declaración de vasalaxe para a Santa Sé sobre todos os territorios gañados.

Ao final do pontificado de Inocencio II, sobre 1143, coincidindo co movemento reivindicativo municipal que se estendía por todas as cidades de Italia, o Senado romano fíxose con boa parte do poder civil dos papas. O sucesor de Inocencio, Lucio II intentou restablecer polas armas a orde anterior e atacou o Capitolio á fronte dun exército, pero o Senado lle causou unha severa derrota. Arnaldo de Brescia púxose á fronte da revolución popular e senatorial romana. Baixo o seu liderado pediuse que o papa depuxese todo poder temporal, e que el mesmo e o resto do clero entregasen as súas posesións territoriais. Roma apartouse da obediencia civil ao papa e declarouse nova república. Frederico Barbarroxa devolveu ao papa Hadrián IV o goberno dos Estados Pontificios cando, desexando ser coroado emperador en Roma de mans do pontífice, entrou en 1155 na cidade cun potente exército e apresou e executou a Arnaldo de Brescia. Non obstante, foi o propio Frederico quen, en beneficio dunha política expansionista que aspiraba ao control de toda Italia, puxo anos despois aos papas en grave risco de perder as súas posesións.

Inocencio III deu un impulso decisivo á consolidación e engrandecemento dos Estados Pontificios. Someteu definitivamente ao estamento municipal romano e privou de poderes ao senado da urbe. Recuperou o pleno dominio daqueles territorios pertencentes ao patrimonio de San Pedro que o emperador entregara a mandatarios xermánicos, expulsando aos usurpadores da Romaña, do marquesado de Ancona, do ducado de Spoleto e das cidades de Asís e de Sora. Pola forza das armas precedida da excomuñón eclesiástica incautouse dos territorios en litixio que constituíran as posesións da condesa Matilde de Toscana e que, presumibelmente, foran legados como herdanza á Santa Sé, pero que permanecían en posesión de vasalos do emperador. Desta forma obtivo o recoñecemento por parte das cidades de Toscana da súa soberanía, e con iso o norte de Italia sacudía o dominio xermánico e caía baixo a órbita da autoridade pontificia. Ademais, como consecuencia da cruzada levada a termo contra os albixenses no Mediodía francés, lograra de Raimundo VI de Tolosa a cesión de sete castelos na rexión da Provenza, patrimonio que se incorporou ao da Igrexa e que logo, en 1274, sería trocado mediante acordo entre Gregorio X e o rei Filipe III o Atrevido polo condado de Venasque, rexión que comprende as terras que se estenden entre o Ródano, o Durance e o Monte Ventoux.

Os Estados Pontificios volveron a pasar por un difícil transo durante o imperio de Frederico II (1215-1251). Dono do reino das Dúas Sicilias e incorporadas ao imperio Lombardía e Toscana trala derrota da liga lombarda en 1239, Frederico propúxose anexionar igualmente o patrimonio de San Pedro para acaparar o dominio de toda Italia. Marchou sobre Roma, de onde se viu obrigado a fuxir o papa Gregorio IX, paseouse desafiante e sen oposición por toda Italia, nomeou gobernador do territorio peninsular ao seu fillo Enzio e el mesmo se erixiu en señor dos Estados Pontificios. O ano 1253, dous despois da morte do emperador, o papa Inocencio IV puido regresar a Roma desde o seu exilio francés e retomar o goberno da cidade e do resto dos dominios eclesiásticos.