Alberto Cova, nado en Inverigo (Como) o 1 de decembro de 1958 é un atleta italiano retirado, especialista en probas de fondo (5.000 e 10.000). Logrou a medalla de ouro na proba de 10.000 m nos Xogos Olímpicos dos Ánxeles.
Alberto comezou a correr na súa cidade natal (Inverigo). O seu físico miúdo fíxolle decantarse polas probas de fondo (5.000 e 10.000 metros) e polo cross. A súa forma de correr caracterizouse polo seu tremendo sprint final.
Campionato de Europa Atenas 1982
No verán de 1982 celebrábase en Atenas o Campionato de Europa de Atletismo ao aire libre no que Cova se inscribiu nas probas de 5.000 e 10.000 m.
A carreira dos 10.000 m transcorreu cun ritmo lento (14´04"55 os primeiros 5.000 m) polo que á altura do 7º quilómetro un grupo de 12 corredores permanecía compacto na cabeza, nese momento o portugués Carlos Lopes avivou o ritmo quedando o grupo reducido a tan só catro corredores: Lopes, Martti Vainio, Werner Schildhauer e Cova. Na derradeira volta o portugués desfóndase pasando o finés Vainio a marcalo ritmo pero seguido de preto polo alemán oriental e por Cova. Así entran os tres na recta final onde Cova impón o seu explosivo final para lograr a medalla de ouro cun tempo de 27’41”03, Schildhauer e Vainio completarían o podio.
Na proba dos 5.000 m Cova é descualificado tras ter algúns empuxóns na carreira con outros rivais.
Campionato do Mundo Helsinqui 1983
O estadio olímpico de Helsinqui foi o escenario da Iª edición do Campionato do Mundo de Atletismo.
A final dos 10.000 m transcorreu a un ritmo aínda máis lento que no Campionato de Europa (14’07”11 os primeiros 5.000 m). Ao toque da campá un grupo de cinco corredores encabeza a carreira: son os compoñentes do podio de Atenas, mais o tanzano Shahanga e outro alemán oriental Kunze. Nun primeiro instante Schildhauer intenta marchar do grupo logrando unha distancia de 30 m, pero na entrada na recta final atópanse todos reagrupados. Alberto volve amosar o seu tremendo sprint e logra in-extremis a medalla de ouro (28’01”04). Schildhauer (28’01”18) volve adxudicarse a prata secundado polo seu compatriota Kunze (28’01”26). Cabe destacar que esta foi unha das finais máis apertadas da historia dos 10.000 m con tan só 22 centésimas separando aos tres primeiros.
Xogos Olímpicos dos Ánxeles 1984 Un mes antes da celebración dos Xogos Olímpicos o portugués Fernando Mamede lograra reducir o mítico récord de Henry Rono en case 9 segundos (27’13”81), polo que en ausencia dos rivais alemáns orientais (a causa do Boicot), Mamede e Cova eran os principais favoritos para o ouro. A metade de carreira Mamede totalmente desfondado abandona a proba, quedando a carreira nun enfrontamento entre Vainio e Cova. Cova vencerá con suficiencia sendo Vainio segundo, posteriormente o finés foi descualificado por dar positivo no control antidopaxe posterior. Por iso o podio final foi: Cova 27’47”54 – Mc Leod 28’06”22 – Musyoki 28’06”46
Palmarés
Campión de Italia: 5.000 m (1980,1981,1983 e 1985), 10.000 m (1981 e 1982), 3.000 m en pista cuberta (1981,1982 e 1984), Cross (1982,1983,1984,1985 e 1986). Campión de Europa: 10.000 m (1982) Campión do Mundo: 10.000 m (1983) Campión Olímpico: 10.000 m (1984) Subcampión de Europa: 10.000 m (1986) Subcampión de Europa Indoor: 3.000 m (1982)
Marcas persoais
5.000m: 13:10.06 Oslo 27-7-85 10.000m: 27:37.59 Lausana 30-6-83
Categoría:Atletas olímpicos de Italia Categoría:Fondistas Categoría:Medallistas olímpicos de ouro por Italia Categoría:Medallistas olímpicos en atletismo Categoría:Medallistas nos Xogos Olímpicos de 1984 Categoría:Nados en 1958 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1984 Categoría:Atletas nos Xogos Olímpicos de 1988 Categoría:Nados na provincia de Como