San Cristovo do Real é unha parroquia do concello de Samos, na comarca de Sarria, na provincia de Lugo. Sitúase no val alto do río Sarria, denominado tamén río Oribio neste tramo, nas proximidades da Serra do Oribio e do límite municipal con Triacastela.
A parroquia está formada por sete entidades de poboación: Abradelo, O Covallo, Lusío, Nande, Reigosa, San Cristovo do Real e San Paio. Segundo o Instituto Galego de Estatística (IGE), en 2013 tiña 86 habitantes, dos cales 52 eran homes e 34 mulleres. Esta cifra supuña unha diminución respecto de 1999, cando contaba con 127 habitantes.
Xeografía e medio natural A parroquia esténdese polo val do río Sarria ou Oribio, que atravesa o lugar de San Cristovo do Real acompañado por formacións de ribeira. Nas súas marxes consérvanse amieiros, freixos, salgueiros, prados húmidos e outras formacións vexetais propias dos cursos de montaña.
Cara ao leste elévase a Serra do Oribio, macizo compartido polos concellos de Samos e Triacastela e integrado na contorna da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. A proximidade da serra e o encaixamento do río configuran unha paisaxe de fortes desniveis, ladeiras arboradas, pasteiros e pequenos núcleos rurais.
Historia Un documento do Tombo de Samos datado no ano 973 recolle a doazón ao mosteiro dunha propiedade situada na ribeira do Sarria baixo a autoridade dunha igrexa dedicada a san Cristovo. A súa identificación coa actual parroquia de San Cristovo do Real non é completamente segura, aínda que foi considerada probable pola súa situación xeográfica.
A primeira referencia documental considerada plenamente fiable corresponde a unha relación das cantidades pagadas polo denominado «Voto de Santiago», redactada probablemente durante a prelatura do abade Fromarico, entre 1074 e 1091. Nela aparece unha igrexa de Sancti Christofori seguida das de Santiago de Renche e San Martiño do Real, seguindo a orde xeográfica das freguesías situadas ao longo do río Sarria.
No ano 1175, o papa Alexandre III confirmou mediante unha bula os dereitos do Mosteiro de San Xulián de Samos sobre diversas igrexas. Entre as freguesías situadas in rivo de Sarria figuraban consecutivamente San Cristovo, Santiago de Renche e San Martiño, identificadas coas actuais parroquias de San Cristovo do Real, Renche e San Martiño do Real. A igrexa volve aparecer na documentación dun preito resolto en 1195 entre o mosteiro de Samos e a diocese de Lugo polo dominio das igrexas da zona.
Segundo unha interpretación toponímica, o elemento «Real» podería proceder dunha antiga forma relacionada con río ou ribeira, e non necesariamente do adxectivo derivado de rei. Esta hipótese concordaría coas denominacións medievais das igrexas situadas na ribeira do Sarria.
A documentación de 1195 menciona tamén unha igrexa denominada San Paio de Nande. O historiador James D'Emilio sinala que San Paio de Nande e San Cristovo do Real estiveron vinculados a dúas congregacións eclesiásticas territorialmente superpostas, relacionadas respectivamente con Samos e Lóuzara. Na actualidade, San Paio e Nande figuran como entidades de poboación diferenciadas dentro da mesma parroquia.
O Arquivo do Reino de Galicia conserva, ademais, un proceso xudicial de 1614 entre o mosteiro de Samos e Pedro Vázquez de Villameje relativo á reivindicación do lugar de Coballo. O título do expediente sitúa este lugar «en el lugar de Nande en San Cristóbal de Real», testemuñando a estreita vinculación histórica entre o actual O Covallo e Nande.
Padrón de 1716 e nomes das casas A parroquia aparece documentada no padrón xeral da xurisdición de Samos de 1716, dentro do denominado partido do Real. A transcrición conservada emprega a forma «freguesia de San Cristobo do Real» e recolle habitantes dos lugares de Nande, Lusío, San Cristovo, Reigosa e Abradelo, utilizando grafías históricas e non normalizadas.
No «Lugar de Nande» aparecen catorce entradas veciñais: Domingo Lopez, Antonio anes, Domingo rroboredo, Agustin perez, Victoria mourela —viúva de Antonio de Reboredo—, Ines Lopez —viúva de Juan Maurelo—, Antonio de Leira —que exerceu como empadroador—, Juan paez, Pedro de Leira, Pablo de Sanpayo, Eufrasio zereijo, Andres mourelo, Juan desanpayo e Juan defrejulje.
No lugar denominado na transcrición «San Xptoval (Cristóbal)» figuran Antonio montero, Luis de Gaymonde, Cathalina Lulla —viúva de Antonio delrrio—, Juan docampo, Joseph de Leira, Pedro de Grandal, Maria Gamiz —viúva de Juan de Lurre—, Pedro Camino, Andres Garandal, Maria —viúva de Juan Nuñez—, Diego rrosende e Gregorio Casarello.
No «Lugar de Reygosa» aparecen Diego daza e Joseph dasbeigas. No «Lugar de Abredelo» figuran Bartholome maurela, Pedro rramilo e Pedro ponvo.
A transcrición inclúe tamén un apartado dedicado ao «Lugar de Lusio», no que aparecen, entre outros, Santiago Pumarega, Antonio perez, Thomas Lurle e don Pedro Andres de Valcarze vazquez y quiroga.
Algúns destes nomes presentan similitudes cos nomes tradicionais de casas que se conservan na parroquia. Segundo a tradición oral local, no lugar de San Cristovo do Real a actual Casa de Grandal podería relacionarse coas formas históricas Grandal ou Garandal; a Casa de Campo, con docampo; a Casa de Lulle, coas formas Lulla, Lurle ou Lurre; e a Casa de Camiño, con Camino.
En Reigosa, a tradición local relaciona a Casa de Arza coa forma daza e a Casa das Veigas con dasbeigas. En Abradelo, a Casa de Mourelo podería gardar relación coa forma maurela, mentres que a Casa de Ramilo presenta unha correspondencia directa coa grafía histórica rramilo.
En Nande, as denominacións Casa de Anias e Casa de Leira foron relacionadas respectivamente con Antonio Anes e cos veciños Antonio de Leira e Pedro de Leira recollidos no padrón. A presenza baixo o encabezamento de Nande de Pablo de Sanpayo e Juan desanpayo resulta tamén coherente coa antiga denominación San Paio de Nande e coa posterior diferenciación do actual lugar de San Paio.
Estas semellanzas onomásticas non demostran por si mesmas unha continuidade familiar, patrimonial ou construtiva entre os veciños documentados en 1716 e as casas actuais. Constitúen correspondencias propostas a partir da tradición oral e da proximidade fonética entre as formas históricas e as denominacións conservadas.
Camiño de Santiago San Cristovo do Real forma parte da variante do Camiño Francés que comunica Triacastela con Sarria pasando polo mosteiro de Samos. O itinerario oficial percorre o val do río e chega á parroquia despois dun tramo duns 4,4 quilómetros desde Triacastela. Á entrada do lugar, a ruta abandona temporalmente a estrada e descende cara á parte baixa da aldea, xunto ao río.
O núcleo tradicional de San Cristovo do Real está recoñecido polo portal oficial do Camiño de Santiago como un «conxunto singular» situado no trazado do Camiño Francés.
Na delimitación oficial do Camiño Francés figuran como elementos patrimoniais da parroquia a igrexa e a casa reitoral de San Cristovo do Real, a Casa Forte e a capela de Lusío, o muíño situado no lugar de San Cristovo e o xacemento arqueolóxico dos Castros ou Castro de Nande.
Patrimonio
Igrexa de San Cristovo do Real A igrexa parroquial de San Cristovo do Real é unha construción de amplas dimensións formada por tres naves cubertas baixo un mesmo tellado. No seu interior destaca un retablo barroco do século XVII, estruturado nun só corpo.
O templo, a casa reitoral e as construcións tradicionais próximas forman parte do conxunto histórico e etnográfico situado xunto ao Camiño de Santiago. A integración das vivendas, camiños, muros, cubertas de lousa e espazos agrarios contribuíu ao recoñecemento de San Cristovo do Real como conxunto singular do Camiño Francés.
Casa Forte de Lusío A Casa Forte de Lusío, situada no lugar de Lusío, foi fundada segundo a tradición documental en 1551 por Lope Vázquez de Vilamexe. É unha edificación palaciana de dúas plantas, cunha torre de pedra e unha cornixa moldurada ao longo da fachada. A configuración arquitectónica conservada foi descrita pola Xunta de Galicia como un exemplo da arquitectura tradicional galega do século XVIII.
A casa conta cun corpo principal e unha torre de planta cadrada. Nas súas proximidades consérvanse restos dunha antiga ferraría vinculada historicamente ao pazo, da que, segundo a tradición local, procederían as reixas da Catedral de Lugo.
No pazo naceu o matemático, político e científico Vicente Vázquez Queipo.
O inmoble foi rehabilitado pola Xunta de Galicia e aberto en 2010 como albergue público de peregrinos.«Casa Forte de Lusío», Eroski Consumer. «A Casa de Lusío, xoia dos albergues», nova publicada en El Progreso. Forma parte da Rede Pública de Albergues do Xacobeo e dispón de arredor de sesenta prazas.
Castro de Nande Nas inmediacións do núcleo de Nande localízase o Castro de Nande, denominado tamén Os Castros. A cartografía patrimonial elaborada pola Xunta de Galicia para a delimitación do Camiño Francés identifica expresamente este enclave como xacemento arqueolóxico.
O Arquivo Dixital de Galicia conserva igualmente unha «Ficha identificadora do xacemento arqueolóxico do Castro de Nande ou dos Castros», que confirma a súa incorporación á documentación arqueolóxica oficial.
O arqueólogo Tomás Rodríguez Fernández incluíu Nande entre os casos nos que unha aldea aberta se desenvolveu nas proximidades dun antigo asentamento fortificado. Segundo esta interpretación, a aldea mantivo unha situación fisiográfica semellante á do castro, aínda que cambiou as súa localización concreta, conservando a relación coas terras de cultivo, os pastos e o monte. Esta proximidade non implica necesariamente unha ocupación humana continua entre a época castrexa e a aldea histórica.
O enclave é coñecido tamén na tradición oral local como Castro de Anias.
Muíños e patrimonio etnográfico Á beira do río consérvase un antigo muíño hidráulico construído con cachotería de xisto. A documentación patrimonial da delimitación do Camiño Francés identifica expresamente un «muíño en San Cristovo do Real», ademais doutros elementos da arquitectura tradicional vinculados ao aproveitamento da auga.
Na parroquia tamén se conservan fontes, lavadoiros, muros de pedra, camiños tradicionais e construcións auxiliares relacionadas coas actividades agrícolas e gandeiras. Estes elementos forman parte da paisaxe cultural do val do Oribio e do ámbito de protección do Camiño de Santiago.
Organización territorial A parroquia está formada por sete entidades de poboación:
Abradelo. O Covallo. Lusío. Nande. Reigosa. San Cristovo do Real. San Paio.
Lugares e parroquias
Lugares de San Cristovo do Real
Parroquias de Samos
Véxase tamén
Outros artigos Nande Castro de Nande Serra do Oribio Río Sarria Camiño Francés Mosteiro de San Xulián de Samos Lugares de Samos
Bibliografía D'Emilio, James: «La formación de la parroquia en la Galicia medieval». Relaciones. Estudios de Historia y Sociedad, volume XVIII, número 72, 1997, pp. 61-85. Rodríguez Fernández, Tomás: «El fin del mundo fortificado y la aparición de las “aldeas abiertas”. La evidencia del Centro-Oriente de Lugo (Samos y Sarria)». Espacio, Tiempo y Forma. Serie I, Prehistoria y Arqueología, número 7, 1994, pp. 153-189. Sánchez Pardo, José Carlos; Fernández Ferreiro, Marcos: «A toponimia e historia do Camiño de Santiago ao seu paso polo concello de Samos (Lugo). A información do Tombo do mosteiro de Samos». Boletín da Real Academia Galega, 2022, pp. 569-585. Salgado, José M.: Oribio: a montaña viva. Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Xunta de Galicia, 2023.
Notas
Categoría:Parroquias de Samos Categoría:Localidades do Camiño Francés Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Cristovo