Este artigo refírese ao grupo empresarial Sargadelos. Para outros significados, vexa Sargadelos

O Grupo Sargadelos é unha sociedade limitada que ten como principal accionista a empresa Cerámicas do Castro S.L. desde 1949. Até 2026, a sociedade Sargadelos, tiña dúas plantas de produción cuns 245 empregados. Unha está situada no Castro de Samoedo, Osedo, no concello de Sada, e outra en Sargadelos, no concello mariñao de Cervo. Nese ano, adquiriu a empresa Burelarte, no concello de Cervo, coas súas factorías, terreos e materiais. miniatura|Traballadora de cerámica en Sargadelos. Elabora a cerámica de Sargadelos, unha famosa cerámica galega elaborada en Sargadelos, tamén no municipio de Cervo. A primeira fábrica foi creada a principios do século XIX por Antonio Raimundo Ibáñez e que tras varias xeracións acabou pechando en 1875.

A partir de mediados do século XX Sargadelos formou parte dun grupo de empresas do sector, o grupo Sargadelos —ao que pertence igualmente a cerámica do Castro-Sada— grazas ao impulso do ceramista Isaac Díaz Pardo, baseada en coloracións en tons azuis. Xunto á súa actividade industrial e comercial, Sargadelos levou adiante un importante labor de difusión e promoción da cultura de Galicia, principalmente, dos talentos máis novos da arte e da literatura.

O museo de Pontevedra conta cunha sala cunha gran colección desta cerámica.

Historia Antonio Raimundo Ibáñez, notable enciclopedista de familia fidalga de escasos recursos, dedicado desde moi novo a negocios de importación e exportación, introduciu innovacións tecnolóxicas para as súas fábricas. Asentado en Ribadeo, iniciou unha industria siderúrxica, e no ano 1806 creou conxuntamente unha manufactura de cerámica que estivo nos seus primeiros tempos dedicada á fabricación de vaixelas. En 1808, tras o éxito da inauguración da fábrica de cerámica, Carlos IV condecorouno coa cruz da Orde de Carlos III, outorgándolle os títulos de marqués de Sargadelos e conde de Orbaiceta.

Como consecuencia da guerra da Independencia e os seus sucesos revolucionarios, Antonio Raimundo Ibáñez foi asasinado o ano 1809, sucedéndolle no cargo da fábrica o seu cuñado Francisco Acevedo, quen contratou para a dirección da mesma ao portugués Antonio Correa de Saa.

A partir desta nova dirección a fábrica produciu un tipo de cerámica decorada con filetes en vermello e azul e escudos en ouro. Correa decidiu en 1829 montar a súa propia fábrica polo que a dirección de Sargadelos recaeu nesa data en Hilario Marcos. As vaixelas dese tempo eran realizadas en branco, sen ser posible a competencia coas pezas inglesas, desexo do seu fundador.

Ao pasar a propiedade da fábrica a José Ibáñez pola morte do seu pai en 1832, formouse unha sociedade co sevillano Antonio de Tapia co fin de emprender de novo «a fabricación de louza fina», contratándose como director a M. Richard, cargo que exerceu ata 1842. Durante este tempo morreu prematuramente Xosé Ibáñez e a súa viúva debeu poñerse á fronte xa que o seu fillo era menor; debido á débil situación económica da empresa tivo que arrendala en 1845.

A fábrica de cerámica pasou por catro etapas, cada unha coas súas características, pechándose definitivamente en 1875. No último terzo do século XX rexurdiu a manufactura de cerámica en Sargadelos, ocupando edificios novos e respectando as ruínas antigas como conxunto Histórico–Artístico, nomeamento que lle foi dado en 1972.

Etapas

Fundación (1806–1809) A Cerámica de Sargadelos xurdiu a comezos do século XIX, da man do ilustrado Antonio Raimundo Ibáñez quen contando coa protección en Madrid de Manuel Godoy, primeiro ministro de Carlos IV, instalou na parroquia de Sargadelos do concello de Cervo (Lugo) unha ferrería e unha fábrica de fundición de ferro coado, dotada dun alto forno de carbón vexetal. Grazas a un contrato do Estado para producir municións e armamento no ano 1794,Nadal (2012), p. 101 tamén pediu licenza para a fabricación de olas e, así, os seus altos fornos produciron moitos dos canos, cadeas, rodas hidráulicas, útiles de cociña e demais ferramentas das empregadas na España do século XVIII, creándose incluso diversos conxuntos escultóricos, fontes públicas e balaustres decorativos.

En 1806, aproveitando a excelente calidade dos caolíns (arxilas brancas moi puras) da zona, instalou unha moderna fábrica de louza fina con estampaxe para vaixelas influída pola louza inglesa, naquel tempo moi valorada, e que acabaría converténdose na fábrica de louza máis importante de España durante o século XIX. O proxecto permitiulle a Raimundo Ibáñez desenvolver o seu gusto refinado polas artes plásticas ao mesmo tempo que aproveitar a oportunidade de mercado que supuxo o cesamento das importacións de louzas "Bristol" inglesas.

En 1806 Antonio Raimundo Ibáñez conseguiu do Goberno un privilexio exclusivo para a explotación das minas de cuarzo descubertas ata a data e para as que estivesen aínda sen descubrir. Deste xeito, tivo asegurada a materia prima para a fábrica de louza, que comezara a súa andaina ese mesmo ano, paralela á xa existente de fundición. O complexo fabril constaba de dous patios, varios fornos, oficinas, máquinas para romper as rocas e un muíño para os vernices.

O primeiro director, Juan Antonio Pérez estivo á fronte da fábrica un ano. Despois, en 1807, substituíulle o portugués José Antonio Correa de Saa, coa experiencia de dirixir a fábrica de Vale da Piedade. Correa de Saa mantívose á fronte ata 1829; neste ano pasou a ser o director Hilario Marco cuxa xestión durou ata 1832, cando foi necesario pechar a empresa.

Ibáñez contou en primeiro lugar coa materia prima necesaria que se atopaba ademais moi próxima: arxilas, caolines, leña, cursos de auga. Tiña ademais moi próximo o porto de San Cibrao para enviar desde alí os produtos a lugares afastados, imitando así a iniciativa inglesa.

A creación da fábrica de cerámica en 1806 supuxo un novo sistema de producir, introducindo o proceso mecánico que viría substituír a peza feita a man, co que se tentaba ademais abaratar os prezos. O director contaba con sona de afrancesado e o 2 de febreiro de 1809, baixo o mando de cregos e fidalgos da zona, os veciños amotináronse contra a industria, destruíndo as instalacións e ocasionando varios mortos.

Primeira etapa (1809–1832) miniatura|Encoro construído para a fábrica de Sargadelos Trala morte de Antonio Raimundo Ibáñez, en 1809, a dirección administrativa pasara ao seu cuñado Francisco Azevedo. Foron anos difíciles e de apuros económicos, cun almacén de pezas sen vender, aínda que houbo un certo movemento grazas aos encargos recibidos desde A Coruña, Ferrol, as Rías Baixas, Biscaia e Castela. Nesta época aínda non se estampaba a coroa real nas marcas, aínda que a fábrica se empeza a chamar Real Fábrica. Crese que o título o autorizou Fernando VII desde o exilio.

A Francisco Azevedo substituíulle en 1832 o fillo do fundador, José Ibáñez, quen se viu na obriga de pechar, dadas as circunstancias. Este, ampliara a fábrica orixinal ata instalar tres fornos de produción, dous pequenos para ensaios e varios talleres con máis de 25 tornos, chegando a producir 20.000 pezas anuais de louza a comezos dos anos trinta do século XIX.

Durante esta primeira época as louzas de Sargadelos caracterizaríanse pola súa cor branca, esmaltada de remate cremoso ou lixeiramente azulado. Desta época destacan as placas, floreiros e xerros, deseñados cun estilo neoclásico,González (2009), p. 108 inspirado na louza inglesa de Bristol así como as primeiras pezas pintadas a man.

As pezas e a súa elaboración O proceso de fabricación foi de louza común, algo máis fina para as vaixelas en branco cunha lixeira tinguidura azulada e un cuarteado característico que é o resultado da diferenza entre o punto de cocción da pasta e o esmalte. Para a forma utilizáronse moldes de xeso. A pintura a man foi substituída igualmente polo moderno sistema de estampaxe, importado de Bristol (Inglaterra). Os obxectos fixéronse en louza fina, un produto intermedio entre a louza e a porcelana, un material duro e lixeiro á vez, de paredes delgadas con cocción entre 1.100 °C e 1.200 °C. Trala cocción a cor resulta branco e é entón cando se lle aplica un verniz de chumbo. Este sistema diferénciase da louza en que no canto de engadir area á pasta engádese sílice, feldespato, caolín e calcio, obtendo resultados diferentes segundo as cantidades engadidas. Sobre esta pasta superponse o estampado cuxa técnica perfeccionaran en 1761 John Sadler e Guy Green, na fábrica de Liverpool.

Unha das pezas máis características foi o floreiro de dedos, sendo tamén moi apreciados os outros floreiros de peces e árbores cuxos exemplares sobreviventes atópanse en coleccións particulares de Galicia e nos museos da Coruña, Lugo e Pontevedra. Tamén se fabricou o vaso de xardín con pedestal inspirado na cerámica da fábrica de Wedgwood así como as xerras de peregrino. Os botes de farmacia estaban decorados con relevos e tiñan un pequeno estreitamento no centro. miniatura|Bancos da Alameda de Santiago (1870) realizados na fábrica siderúrxica de Sargadelos. Tamén corresponde a esta época o relevo que representa a defensa do parque de Monleón en Madrid, que o propio Ibáñez dedicou a Fernando VII e que se conserva no Museo Arqueolóxico Nacional, así como a serie do Apostolado, mais os relevos que representan heroes da Independencia e bustos de homes famosos da Antigüidade que adornan o pazo de Antonio Raimundo Ibáñez.

Segunda etapa (1835–1842) O 19 de maio de 1835 José Ibáñez asociouse con Antonio Tapia constituíndo a empresa Ibáñez y Tapia. Coa dirección do francés M. Richard,Costa Clavell (1976), p. 196 chegado dende Turín, apostaron pola fabricación de louza fina en cor branca pintada a man. Tamén abordaron as primeiras probas de estampación e policromía.

Desta época, sobresaen as lámpadas e candeeiros en forma de castelo, e mais unha vaixela decorada con estampación de tonalidade verde-chumbo onde se representa a unha parella bailando a muiñeira. Tamén se fixeron entón fermosas placas de temas mitolóxicos e relixiosos, e excelentes pezas de toucador.

Terceira etapa (1845–1862) Trala morte de José de Ibáñez, a viúva, no ano 1845, deulle a administración de Sargadelos en arrendamento a Luis de la Riva y Cía., de Santiago de Compostela.

Máis de 1.000 familias chegaron a traballar para a fábrica en 1849, de onde saían 205 carros e 22 buques de cabotaxe con máis de 100 fornadas de louza. Catro fornos distintos, 30 estufas, muíños, nove grandes talleres, oito prensas,... verdadeiramente, foi a época dourada do primeiro Sargadelos. Entón, acadáronse calidades e variedades excepcionais de vaixelas e figuras baixo a dirección do británico Edwin Forester., quen chegou a Sargadelos en 1847. Á súa mestría debíase á introdución da louza alumada chamada chinesa opaca ou semichinesa, diferenciada pola calidade da súa feitura e pola súa decoración con motivos florais, estampados en sepia e castaño e pintados con pincel en verdes, azuis, amarelos e rosas.

Outras novidades técnicas desenvoltas polo ceramista Forester foron as estampacións monocromas (sobresae a cor negra) e a impregnación de cor nos fondos das pezas de vaixela branca, brillante e lixeiramente azulada.

Característicos desta época son candelabros lámpadas e con forma de castelos en branco; tamén os Mambrús'', xerros feitos coa figura dun home sentado semellante ao Toby Jug da cerámica inglesa, e as vaixelas ilustradas con estampación litográfica (quizais, por primeira vez en España) de tipo Góndola: en primeiro plano, xardín, balaustrada, escalinata e xerro decorativo; en segundo, lagoa con barca; e mais arquitecturas fantásticas no fondo. miniatura|Fábrica de Sargadelos (Cervo) Cuarta etapa (1870–1875)