O cabaleiro escuro (en ) é un filme de superheroes de 2008 dirixido, producido e coescrito por Christopher Nolan. Secuela do filme Batman empeza (2005), baséase como aquel en Batman, personaxe de banda deseñada de DC Comics. Está protagonizado por Christian Bale, Michael Caine, Heath Ledger, Gary Oldman, Aaron Eckhart, Maggie Gyllenhaal e Morgan Freeman. O argumento do filme céntrase na loita de Bruce Wayne / Batman (Bale), o tenente James Gordon (Oldman) e o fiscal do distrito Harvey Dent (Eckhart) que forman unha alianza para desmantelar o crime organizado en Gotham City, pero son ameazados pola mente mestra anarquista coñecida como o Joker (Ledger), que quere socavar a influencia de Batman e converter a cidade nun caos.

A inspiración de Nolan para o filme foi a banda deseñada do Joker de 1940, a novela gráfica de 1988 The Killing Joke e a serie de 1996 The Long Halloween, que conta a orixe de Two-Face. O alcume "Cabaleiro escuro" foi usado para describir a Batman en Batman #1 (1940), nunha historia escrita por Bill Finger.Marc Tyler Nobleman (2012). Bill the Boy Wonder:The Secret Co-Creator of Batman. Charlesbridge Publishing, U.S. O cabaleiro escuro foi rodado principalmente en Chicago, así como noutras localizacións dos Estados Unidos, o Reino Unido e Hong Kong. Nolan usou cámaras IMAX 70 mm para rodar algunhas secuencias, incluíndo a primeira aparición do Joker no filme. Warner Bros. creou inicialmente unha campaña de mercadotecnia viral para O cabaleiro escuro, desenvolvendo páxinas web promocionais e tráileres que recollían escenas de Ledger como o Joker. Ledger morreu o 22 de xaneiro de 2008, algúns meses despois de completar a rodaxe e seis meses antes da súa estrea, por mor dunha combinación tóxica de medicamentos de prescrición médica, o cal incrementou a atención dos medios de comunicación e a asistencia nos cinemas.

Unha coprodución entre os Estados Unidos e o Reino Unido, O cabaleiro escuro estreouse o 18 de xullo de 2008 nos Estados Unidos e o 25 de xullo no Reino Unido. A crítica considerouno un dos mellores filmes da década de 2000 e un dos mellores filmes de superheroes de tódolos tempos; o filme recibiu valoración moi positivas, especialmente pola súa acción, banda sonora, guión, interpretacións (en particular a de Ledger), efectos visuais e dirección, estabelecendo numerosos récords durante a súa etapa de proxección. O cabaleiro escuro apareceu nas listas dos dez mellores para 287 críticos especializados, máis que ningún outro filme de 2008, agás WALL-E, e moitos críticos (77) consideraron O cabaleiro escuro como o mellor filme dese ano. Con máis dun billón de dólares de recadación en todo o mundo, converteuse no filme con maior recadación de 2008 e o número 36 de tódolos tempos, non axustado pola inflación (4º no momento da súa estrea); tamén marcou un récord como a estrea doméstica con maior recadación, con 158 millóns de dólares, un récord que mantivo durante tres anos. O filme recibiu oito nomeamentos ós Premios Óscar; gañou os premios de mellor edición de son e Ledger conseguiu postumamente o de mellor actor secundario. O cabaleiro escuro: a lenda renace, o título final da triloxía, foi estreado o 20 de xullo de 2012.

Estreouse en galego na TVG o 22 de marzo de 2012.

Sinopse

Unha banda de criminais rouba un banco da mafia de Gotham City, asasinándose os uns ós outros para repartirse máis cartos entre eles, até que só queda o Joker, que escapa co diñeiro. Batman, o fiscal do distrito Harvey Dent e o tenente Jim Gordon forman unha alianza para limpar Gotham City do crime organizado. Bruce Wayne cre que con Dent como protector de Gotham, el pode deixar de ser Batman e levar unha vida normal con Rachel Dawes, a pesar de que ela está saíndo con Dent.

Os xefes mafiosos Sal Maroni, Gambol, e o Checheno celebran unha videoconferencia co seu contable corrupto, Lau, que tomou os seus fondos para custodialos e fuxiu a Hong Kong. O Joker interrompe a reunión para advertirlles que Batman non está obstaculizado pola lei, e ofrécese para matalo en troques da metade dos seus cartos. Os xefes mafiosos discordan, e Gambol estabelece unha recompensa a quen capture a Joker. O Joker atopa e asasina a Gambol, facéndose dono da súa banda. Finalmente, a mafia decide aceptar a proposta do Joker. Batman atopa a Lau en Hong Kong e lévao de volta a Gotham para que testifique, o cal permite que Dent deteña toda a mafia. O Joker ameaza con matar xente de forma continua até que Batman revele a súa identidade, e comeza co asasinato do comisario de policía Gillian B. Loeb e o xuíz que preside o xuízo da mafia. O Joker tamén tenta asasinar o alcalde Anthony Garcia, mais Gordon sacrifícase a si mesmo para deter o atentado. Dent secuestra un dos homes do Joker e descobre que Rachel é o vindeiro obxectivo.

Bruce decide revelar a súa identidade secreta para previr máis mortes. Porén, antes de que poida facelo, Dent anuncia falsamente que el é Batman. Dent é posto baixo custodia protexida, mais o Joker aparece e ataca o convoi no que ía. Batman vai ó rescate de Dent, e Gordon, que simulara a súa propia morte, detén o Joker, asegurando o seu ascenso a comisario. Rachel e Dent son escoltados por detectives que están a soldo de Maroni; Gordon descobre posteriormente que eles nunca chegaron a casa. Batman interroga o Joker, quen desvela que están atrapados en lugares separados equipados con explosivos e que Batman debe elixir un ó que salvar. Batman bole para salvar a Rachel, mentres que Gordon intenta rescatar a Dent. Batman chega ó edificio, pero decátase de que o Joker o enviou ó enderezo onde estaba Dent. Ámbolos dous edificios estoupan, matando a Rachel e desfigurando a metade da faciana de Dent. O Joker escapa con Lau, quen o leva até os fondos da mafia. O Joker queima os cartos antes de matar a Lau e o Checheno.

Coleman Reese, un contable de Wayne Enterprises, deduce que Bruce é Batman e ameázao con publicar a información. Para evitar que Reese interfira cos seus plans ó desvelar a identidade de Batman, o Joker ameaza con destruír un hospital cada hora até que Reese estea morto. Tódolos hospitais son evacuados e Gordon viaxa para asegurar a vida de Reese. O Joker, disfrazado como enfermeira de hospital, descobre a localización de Dent e entrégalle unha arma, convencéndoo de buscar vinganza pola morte de Rachel. O Joker logo escapa do hospital e marcha cun autobús cheo de reféns. Dent comeza a vingarse, decidindo o destino das persoas que el considera responsables da morte de Rachel ó lanzar ó aire a súa moeda da sorte. Dent eventualmente retén á familia de Gordon, crendo que o amor de Gordon pola súa familia é comparable ó seu amor por Rachel.

Despois de anunciar que Gotham City estará suxeita ó seu goberno ó anoitecer, o Joker manipula dous transbordadores de evacuación con explosivos; un deles transporta cidadáns civís e o outro presos do cárcere. Ós pasaxeiros déuselles un detonador para os explosivos do outro barco, e o Joker anuncia a través dun intercomunicador que fará estoupar os dous barcos se un deles non é destruído antes da medianoite. Batman atopa ó Joker usando un dispositivo sonar co que pode espiar a cidade enteira, coa inestimable axuda de Lucius Fox. Tanto os civís como os presos rexeitan matarse entre eles, e Batman captura o Joker logo dunha breve loita. Antes de que a policía chegue para poñer o Joker baixo custodia, xáctase de que os cidadáns de Gotham perderan a esperanza despois de que a vinganza de Dent se faga pública.

Gordon e Batman chegan ó edificio no que morreu Rachel. Dent ten a familia de Gordon e ameaza con matalos. Dispara a Batman e apunta a matar ó fillo de Gordon, argumentando que a neglixencia de Gordon é responsable da morte de Rachel. Antes de que poida guindar a súa moeda para decidir a sorte do neno, Batman, que levaba posta unha armadura, empurra a Dent fóra do edificio e mátao. Batman persuade a Gordon de que o faga a el responsable das matanzas de Dent para preservar perante a opinión pública a súa imaxe heroica. A policía comeza unha cazaría contra Batman, Gordon destrúe o Bat sinal, Fox contempla como o dispositivo de sonar é autodestruído, e Alfred queima unha carta de Rachel na que dicía que quería casar con Dent. Batman foxe da policía, tomando o lugar de Dent polos crimes de Two-Face.

Personaxes miniatura|250px|Elenco de O cabaleiro escuro durante a estrea en Londres. De esquerda a dereita: o director Christopher Nolan, os produtores Emma Thomas e Charles Roven, e os actores Monique Gabriela Curnen, Michael Caine, Aaron Eckhart, Maggie Gyllenhaal e Christian Bale. Christian Bale como Bruce Wayne / Batman: Voz da dobraxe galega de Óscar Fernández. Un millonario, que despois de ver a morte dos seus pais nun atraco cando tiña 8 anos, viaxa polo mundo durante sete anos antes de regresar a casa e converterse nun vixilante enmascarado como un morcego. Aclamado como o "cabaleiro escuro" de Gotham City, usa o medo para combater os criminais dos baixos fondos durante a noite. Bale declarou que se sentía confiado na súa elección de retomar o papel pola resposta positiva da súa interpretación en Batman empeza. Continuou adestrando no método de loita Keysi e realizou a maioría das súas escenas de acción, pero non gañou tanto músculo coma no filme anterior porque o novo traxe permitíalle moverse con máis axilidade. Bale describiu o dilema de Batman como se "[a súa cruzada fose] algo que ten un final. Pode renunciar e ter unha vida normal? O tipo de intensidade maníaca que alguén ten que soportar para manter a paixón e a ira que sentiu cando era neno, require un esforzo despois dun tempo para seguir facéndoo. Nalgún momento, tes que exorcizar os teus demos". Engadiu, "Agora non só tes un home novo con dor que intenta atopar algún tipo de resposta, tes a alguén que realmente ten poder, que vive con atafego por ese poder, e ten que recoñecer a diferenza entre acadar ese poder e aferrarse a el". Bale creu que a personalidade de Batman fora estabelecida fortemente no primeiro filme, polo que era pouco probable que a personaxe fose eclipsada polos malvados, declarando: "Non teño ningún problema en competir con alguén máis. E iso vai facer un mellor filme".

Michael Caine como Alfred Pennyworth: O confiable mordomo e confidente de Bruce, que lle proporciona útiles consellos e actúa como unha figura paternal, o que supuxo que fose considerado "o batman (ordenanza en inglés) de Batman".

Heath Ledger como o Joker: Voz da dobraxe galega de Antón Ja.