San Salvador de Rabal é unha parroquia do concello ourensán de Celanova na comarca da Terra de Celanova. Segundo o IGE en 2011 tiña 109 habitantes (57 mulleres e 52 homes) distribuídos en 6 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 2000 cando tiña 154 habitantes.

Historia Rabal atópase no vello camiño dunha calzada romana que partía da ponte romana do Freixo cara a Ourense, aínda que se apunta cara a unha orixe altomedieval dos distintos núcleos de poboación por parte de labregos libres. Os documentos medievais din que enriba se atopaba o castro de Pelosino.

Segundo o arquivo de manuscritos de propiedades do mosteiro de Celanova, Rabal era unha vila cando entre os anos 956 a 997 Rosendo de Celanova e os seus monxes foron apoderándose dela mediante a compra de bens inmobles e raíces, onde varios labregos libres xa se organizaran comunitariamente para o uso compartido do terreo e os seus bens (dereitos de paso, aproveitamento da forza hidráulica e da pesca do río Arnoia). Ademais da igrexa (que cambiou a advocación orixinal de San Mamede pola de San Martiño) en Rabal houbo un mosteiro no lugar de Sampaio, cuxos únicos testemuños son un topónimo e unha referencia documental. No ano 959 a abadesa Guntroda dooulle unha viña ao abade Fafilán (o mesmo que fundara un mosteiro no monte Louredo en Toén) e ó mosteiro por el fundado en Rabal, baixo a advocación de San Paio. Descoñécese canto tempo durou este mosteiro, e crese que foi dependente do mosteiro de Celanova e posterior absorción.

Nun documento que recolle a venda que lle fan Exilo e a súa sobriña no ano 964 ao mosteiro de Celanova, estes doan varias terras e un pazo; a intrusión do mosteiro de Celanova non vai traer ningún cambio na organización do territorio ou de melloras (xa feitas pola "república de homes libres", labregos anteriores ó mosteiro que vivían na vila de Rabal) senón que trae consigo unha reorientación do sistema de explotación que, a partir do século X e de que o mosteiro de Celanova se converta nun terratenente, se apoiou no traballo de campesiños que non son donos de terra que traballan, e a introdución no lugar de escravos.

Lugares e parroquias Lugares de Rabal

Parroquias de Celanova

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Celanova

Categoría:Parroquias de Celanova Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Salvador