O nervio trixémino é o quinto dos pares craniais. Trátase ademais do par cranial de maior grosor e número de ramas. Recolle a sensibilidade da faciana e leva información motora ós músculos mastigadores desta rexión anatómica.

Orixe aparente Fórmase por dúas ramas procedentes da cara anterolateral da protuberancia anular. O ramo sensitivo é o de maior calibre e leva por dentro a rama motora, moito máis pequena.

Orixe real Atópase en varios núcleos. Un é motor e tres son sensitivos: Núcleo motor: atópase na profundidade da protuberancia, por riba do núcleo do nervio facial. Núcleos sensitivos: Núcleo mesencefálico: atópase na substancia gris do mesencéfalo. Recolle información propioceptiva. Núcleo sensitivo principal: áchase na substancia gris da ponte de Varolio. Recolle sensibilidade tactil epicrítica. Núcleo espiñal/bulboespiñal: atópase no bulbo e na medula espiñal. Recolle información táctil, térmica e dolorosa.

Traxecto Despois de saír da protuberancia, ascende e penetra no cranio, na porción petrosa do temporal. Neste óso, na cara anterosuperior desa porción, atoparemos o ganglio de Gasser. Neste ganglio atopamos o núcleo das neuronas do V par. Del partirán as ramas do V par cranial.

Ramos do V par 1. Nervio oftálmico: atravesa a fendedura esfenoidal e chega á órbita. Abréviase como V1. 2. Nervio maxilar superior: atravesa o burato redondo maior do esfenoide e vai á poza pterigomaxilar. Dela vai á fendedura esfenomaxilar e logo á órbita. Abréviase como V2. 3. Nervio maxilar inferior: atravesa o burato oval do bordo interno do esfenoide e vai á poza cigomática. Chegará logo á mandíbula.

Véxase tamén

Categoría:Pares craniais