Unha protolingua ou lingua reconstruída é a reconstrución probábel da lingua orixe dun grupo de linguas, sexa unha rama ou unha familia; sobre a base das coincidencias e trazos comúns a dita familia de linguas que non constitúan innovacións ou préstamos.
Dita reconstrución realízase mediante a comparación de linguas ou método comparativo do devandito grupo aplicando os métodos da lingüística histórica. Normalmente o proceso de reconstrución empeza reconstruíndo o nivel fonético-fonolóxico da lingua nai. Isto faise en tres etapas:
Establécense listas de cognados é dicir, palabras con significado idéntico ou moi semellante e que teñen formas fonéticas próximas ou relacionábeis mediante leis fonéticas. Establécense correlacións regulares entre sons en forma de leis fonéticas. Para cada correlación regular conxectúrase o fonema ou fonemas que podían ter sido os orixinais na protolingua e que, por diferentes evolucións regulares, deron lugar a diferentes sons (a regularidade da evolución é o que explicaría a ocorrencia de correlacións regulares e leis fonéticas). Naturalmente, este proceder non pode facer esquecer a existencia de leis fonéticas que relacionan sons ou segmentos moi distintos entre si, como os famosos casos (Meillet) existentes entre o armenio e as restantes linguas indoeuropeas. É máis, este tipo de correspondencias inexplicábeis por mera casualidade son as preferidas polos comparatistas para o seu labor neste apartado, ao igual que en morfoloxía son moi relevantes as irregularidades compartidas.
A reconstrución do nivel morfosintáctico e outros é bastante máis complexo e non é sinxelo sistematizalo nun conxunto de pasos.
É importante entender que habitualmente a reconstrución aplícase a unha lingua que deixou de falarse hai tempo, e xeralmente é descoñecida na súa maioría, é dicir, non existen inscricións ou referencias escritas. Dito proceso de reconstrución pretende conxecturar cal foi o camiño seguido na evolución da lingua, e percorrelo en sentido inverso. Historicamente a primeira protolingua reconstruída foi o protoindoeuropeo ou indoeuropeo, lingua nai que daría lugar ás linguas romances, xermánicas, gregas, eslavas e indoiranias. Isto realizouse a finais do século XIX, e entón o método comparativo adquiriu un carácter plenamente científico (indución + dedución), desde entón fixéronse decenas de reconstrucións doutras protolinguas. Con todo, a reconstrución interna pode e debe ás veces aplicarse ao resultado da comparación (i.e., á protolingua de primeiro grao) ou a diferentes etapas da prehistoria das linguas particulares, non só para descubrir novos procesos ou formas senón para establecer cronoloxías relativas entre estes.
Protolinguas propostas
Lingua protoindoeuropea. Lingua protomunda. Lingua protoxapónica. Lingua protoxermánica. Lingua protoquechua. Lingua protosemítica. Lingua protovasca.
Categoría:Protolinguas