Gustavo Adolfo Munúa Vera, nado en Montevideo o 27 de xaneiro de 1978, é un exfutbolista e actual adestrador de fútbol uruguaio, que xogaba de porteiro. Formouse na canteira do Nacional, do que foi xogador histórico e capitán, así como adestrador en dúas etapas. Xogou ademais 11 anos no fútbol europeo, nas filas do Deportivo da Coruña, Málaga, Levante e Fiorentina.

Foi 21 veces internacional coa selección uruguaia, coa que debutou en 1998, menos dun ano despois de se proclamar subcampión do mundo sub-20 en Malaisia. Foi o porteiro titular da absoluta na Copa América de 2001 e foi un dos integrantes da selección uruguaia no Mundial de 2002, neste caso como suplente.

Traxectoria

Como xogador

Club Nacional (1ª etapa) Nado en Montevideo, criouse no barrio de La Blanqueada e formouse como futbolista na canteira do Nacional, onde ingresou con 8 anos. Pasou polas diferentes categorías inferiores do club, alternando a portería con outras posicións, como o lateral dereito ou o mediocentro. Aos 16 anos foi cedido ao Albion, da terceira categoría do fútbol uruguaio, o que supuxo un punto de inflexión na súa carreira, ao asentarse definitivamente como gardameta.

O 11 de abril de 1997 debutou co primeiro equipo do Nacional, nun partido da Copa Libertadores ante o Millonarios no Campín de Bogotá. O porteiro titular do equipo, Carlos Nicola, cumpría unha sanción por ter sido expulsado no encontro de ida, polo que o técnico Miguel Puppo colocou na portería a Álvaro Escames. Con todo, este foi tamén expulsado no minuto 72, polo que Munúa ingresou ao campo para ocupar o seu lugar, vestindo así a camiseta do primeiro equipo por primeira vez. O brasileiro Márcio Cruz anotoulle o primeiro gol da súa carreira, perdendo o equipo uruguaio por 2-0 aquel partido.

O seu debut na Primeira División do Uruguai produciuse cinco meses despois, nun encontro ante o Liverpool de Montevideo no Estadio Centenario, partido no que volveu ingresar ao terreo de xogo tras unha nova expulsión de Escames. Durante os seguintes anos competiu pola titularidade con Leonardo Romay e conquistou os campionatos de liga de 1998, 2000, 2001 e 2002.

Dende 2001 foi o principal porteiro do equipo e en setembro de 2002 entrou na historia do fútbol uruguaio, ao anotar o primeiro gol de falta directa dun porteiro na Primeira División, colocando o balón xunto ao pau esquerdo da portería do Central Español defendida por Gonzalo Welker. Marcou outros tres goles vestindo a camiseta do Nacional, un deles o gol da vitoria no segundo partido da Copa Libertadores de 2003 ante o Oriente Petrolero de Bolivia. Deste xeito converteuse nun dos únicos 13 porteiros en anotar un gol na historia da Libertadores.

Tamén en 2003 bateu o récord de máis minutos consecutivos sen encaixar un gol na historia do Club Nacional, ao manter a súa portería a cero durante 961 minutos, ata que a súa xeira foi rompida por Pablo Bengoechea, que lle marcou de penalti no Clásico ante Peñarol. Quedou a só 26 minutos do récord absoluto do campionato uruguaio, en mans de Ladislao Mazurkiewicz dende 1968. O 10 de agosto de 2003 despediuse do Nacional, nun partido ante o Plaza Colonia no que marcou un dos catro goles do seu equipo (4-2).

Deportivo da Coruña En agosto de 2003, despois de participar co Nacional nas dúas últimas edicións do Trofeo Teresa Herrera, fichou polo Deportivo da Coruña, co que asinou un contrato por sete tempadas, a primeira delas como cedido. Chegou ao equipo para ocupar a praza de Juanmi, que deixou o equipo por problemas persoais. O porteiro titular do equipo era José Francisco Molina, aínda que Munúa foi o elixido por Javier Irureta para os partidos da Copa do Rei, por diante do veterano Songo'o, que regresou ao Deportivo para unha última campaña antes de retirarse.

Así, o 7 de outubro de 2003 vestiu por primeira vez a camiseta do equipo coruñés nun partido da Copa ante o Compostela no estadio de San Lázaro, no que mantivo a portería a cero, gañando o club coruñés por 0-1. Un mes despois participou nunha das maiores derrotas da historia do Deportivo, o 8-3 contra o Monaco na Liga de Campións, que foi tamén un dos partidos con máis goles da historia da competición. Munúa debutou na máxima competición europea tralo descanso do partido, co marcador xa en 5-2, para substituír a Molina, con problemas estomacais, e encaixou aínda tres goles máis, obra de Plašil, Pršo e Cissé. O 17 de abril de 2004 debutou na Primeira División, nun encontro ante o Valladolid en Riazor, e disputou os cinco últimos partidos de liga, mentres Molina se reservaba para a Liga de Campións, na que o Deportivo chegou ata as semifinais. Completou a súa primeira tempada na Coruña con 10 partidos.

Na tempada 2004/05 unha lesión de Molina deulle a oportunidade de disputar varios partidos de liga e as súas boas actuacións fixeron que seguise na portería trala recuperación do valenciano, xogando finalmente un total de 21 partidos durante a campaña. Con todo, a chegada de Joaquín Caparrós ao banco galego deixou sen ningunha oportunidade nin a Munúa nin a Dani Mallo, sendo Molina o único gardameta utilizado durante a campaña 2005/06.

Posteriormente, entre 2006 e 2008, enfrontouse á dura competencia de Dudu Aouate, que foi o porteiro titular en tódolos partidos da tempada 2006/07 e nas 14 primeiras xornadas da 2007/08, ata que Munúa se fixo coa titularidade. O 11 de xaneiro de 2008 os dous gardametas protagonizaron un lamentable incidente, cando Munúa golpeou ao israelí cun puñazo no ollo ao finalizar un adestramento. A instancia dunha denuncia realizada polo fiscal, un xuíz de Betanzos condenouno a seis meses de cárcere por agresión, conmutables por unha multa de 3.650 euros. Estes feitos supuxeron o afastamento dos dous metas do primeiro equipo por parte do adestrador, Miguel Ángel Lotina. En febreiro, debido á inexperiencia do porteiro do equipo filial Fabri, ambos xogadores foron reintegrados no equipo e o israelí recuperou o posto de titular.

Na tempada 2008/09 xogou só un partido, contra o Real Madrid no Bernabeú, aproveitando unha sanción da Dani Aranzubía, titular indiscutible na portería ese ano. O encontro rematou con vitoria local por 1-0, cun gol de Raúl, no que foi a derradeira vez que Munúa vestiu a camiseta do Deportivo. O seu paso polo club pechouse cun total de 44 partidos (27 en liga, 14 na Copa do Rei e 3 na Liga de Campións).

Málaga Tras non renovarse o seu contrato co Deportivo, en xuño de 2009 firmou por un ano co Málaga. No equipo andaluz, adestrado por Muñiz, fíxose inmediatamente coa titularidade por diante de Arnau e Santamaría, disputando completos todos os partidos de liga. No último encontro da tempada o Málaga enfrontouse ao Real Madrid na Rosaleda, chegando con posibilidades de descenso o equipo branco e azul e con opcións de gañar a liga os madridistas. Duda adiantou aos malaguistas e Van der Vaart empatou o partido, pero Munúa foi o gran protagonista, detendo todos os demais ataques brancos e os disparos de Cristiano Ronaldo, Benzema, Marcelo e Higuaín entre outros, asegurando o punto e certificando a salvación do club.

Levante O 6 de agosto de 2010 confirmouse a súa fichaxe polo Levante para a tempada 2010/11. Comezou a súa primeira campaña en Valencia ocupando a portería nas primeiras xornadas, pero o mal inicio do equipo fixo que perdese o posto tras un mes de competición, en favor de Manolo Reina. Con todo, a partir de xaneiro de 2011 volveu ser o gardameta preferente do adestrador Luis García ata o final da tempada, pechándoa con 20 encontros de liga e 4 de Copa. No verán de 2011 foi renovado para dúas campañas máis e estreou o seu novo contrato encaixando só tres goles nas primeiras nove xornadas da 2011/12, sendo naquel momento o gardameta con mellores números da liga. Foi titular indiscutible por diante do internacional costarriqueño Keylor Navas e as súas boas actuacións contribuíron a que o Levante pechase a tempada coa sexta posición, a mellor da súa historia, clasificándose para competicións europeas por primeira e única vez.

Na tempada 2012/13 volveu ser o porteiro con máis partidos do equipo de Juan Ignacio, sumando 29 máis para un total de 92 encontros en tres anos no Levante. Deixou o club ao remate do seu contrato, no verán de 2013, sendo naquel entón o gardameta con máis partidos en Primeira na historia do Levante (86), sendo superado oito anos despois polo guipuscoano Aitor Fernández.

Fiorentina En xuño de 2003 anunciouse a súa fichaxe pola Fiorentina, da Serie A italiana, coa que asinou un contrato por dous anos. Apenas contou con oportunidades no equipo adestrado por Vincenzo Montella, que preferiu colocar a Neto en case tódolos encontros da liga e da Copa Italia. Munúa disputou só dous partidos da Europa League diante do Pandurii romanés e do Paços de Ferreira portugués. En xaneiro de 2014, só sete meses despois da súa chegada, acordou co club a rescisión do seu contrato e regresou ao seu país despois de 10 anos e medio en Europa.

Club Nacional (2ª etapa) A continuación fíxose oficial a súa fichaxe polo Nacional, volvendo así ao equipo do que é afeccionado dende neno. Reapareceu na portería dos Bolsos o 28 de xaneiro, nun partido da Copa Libertadores diante do Oriente Petrolero. Foi o porteiro titular durante o seguinte ano e medio, desbancando a Jorge Bava, co que xa coincidira na súa primeira etapa no equipo. Proclamouse campión do Torneo Apertura 2014, con 10 puntos de vantaxe sobre o Racing, e capitaneou o equipo nas semifinais polo título absoluto nun Clásico ante Peñarol no Estadio Centenario, no que unha vitoria do Nacional faría innecesaria a final. O partido foi suspendido no minuto 113, cando Nacional gañaba por 3-2, e a AUF declarou vencedor ao conxunto albo, o que supuxo o quinto título da Primeira División para Munúa.

O partido que decidiu o campión uruguaio 2014/15 foi o último da carreira de Munúa, que anunciou a súa retirada uns días despois, con 37 anos de idade, cando o club lle ofreceu o posto de adestrador. Pechou a súa etapa como xogador do Nacional cun total de 195 partidos oficiais e 4 goles, sendo o sexto porteiro con máis encontros oficiais na historia do club.

Selección uruguaia En 1997 foi convocado por Víctor Púa para a disputa da Copa do Mundo sub-20 en Malaisia. Foi o gardameta da selección charrúa en tódolos partidos do campionato, por diante do outro porteiro do equipo, Fabián Carini, incluída a final que o seu equipo perdeu por 1-2 ante a Arxentina de Pékerman no estadio Shah Alam de Selangor.

O 24 de maio de 1998 debutou coa selección uruguaia absoluta, de novo da man de Víctor Púa, nun partido amigable contra a selección chilena no Estadio Nacional de Santiago de Chile. Encaixou o seu primeiro gol internacional de parte de Iván Zamorano, nun partido que acabou en empate 2-2. En 2001 foi convocado para a disputa da Copa América en Colombia e foi titular en tódolos partidos do torneo excepto un, chegando o seu equipo ata as semifinais, onde caeu ante México.

Acudiu tamén ao Mundial de 2002, pero desta vez sendo suplente de Carini, polo que non chegou a debutar no torneo. Recuperou a titularidade da selección nos encontros de clasificación para o Mundial de 2006, pero unhas malas actuacións nalgúns partidos, así como a súa inactividade no Deportivo da Coruña, fixeron que non volvese ser convocado despois de 2004. O seu último partido internacional foi unha derrota por 5-0 fronte a Colombia no Estadio Metropolitano Roberto Meléndez de Barranquilla.

Como adestrador

Club Nacional (1ª etapa)