Petr Kouba, nado en Praga o 28 de xaneiro de 1969, é un exfutbolista checo, que xogaba de porteiro. Destacou no Sparta Praga, co que gañou varios títulos nacionais, antes de pasar sen éxito por outros clubs europeos, conquistando unha liga española co Deportivo da Coruña e unha Bundesliga alemá co Kaiserslautern, aínda que sen apenas protagonismo.

Foi internacional coas seleccións de Checoslovaquia e a República Checa, e disputou con esta última a final da Eurocopa de 1996 ante Alemaña.

Traxectoria

Bohemians Naceu en Praga, sendo fillo de Pavel Kouba, gardameta internacional coa selección checoslovaca e subcampión do mundo en Chile 1962. Formouse como futbolista nas canteiras do Bohemians e do Slavoj Vyšehrad. En 1988 debutou co primeiro equipo do Bohemians na Primeira División de Checoslovaquia, no que militou dous anos, disputando unha edición da Copa Intertoto.

Sparta Praga En 1990 fichou polo Sparta Praga e en 1991 debutou co club na Copa de Europa, realizando destacadas actuacións. Asentouse na titularidade nos seguintes cinco anos e gañou co club dúas ligas checoslovacas e unha Copa de Checoslovaquia. Trala Disolución de Checoslovaquia conquistou dúas ligas checas e unha Copa da República Checa, chegando a ser considerado un dos mellores porteiros do fútbol europeo. Na tempada 1994/95 marcou un gol de penalti nun partido de liga contra o České Budějovice.

Deportivo da Coruña En 1996, mentres Kouba disputaba a Eurocopa en Inglaterra, sendo un dos gardametas máis destacados do torneo, o Deportivo da Coruña pechou a súa fichaxe por uns 250 millóns de pesetas, e o 5 de xullo foi presentado no estadio de Riazor. Na súa primeira tempada na Coruña, o equipo galego estaba a vivir un cambio de ciclo na portería, tralas marchas de Liaño e Elduayen, e contaba con outros tres gardametas (Songo'o, Canales e Nuno). Aínda que Kouba chegou para ser o teórico titular, foi Songo'o o elixido en case tódolos partidos por John Benjamin Toshack e polo seu sucesor no banco, Carlos Alberto Silva, polo que o checo só disputou sete partidos ao longo da tempada, debutando nun partido da Copa do Rei ante o Mallorca no estadio Lluís Sitjar. Disputou o seu primeiro partido na Primeira División o 19 de xaneiro de 1997, na xornada 19, nun empate contra o Real Valladolid (1–1) no Estadio José Zorrilla.

Cesión ao Kaiserslautern A súa falta de minutos e a súa condición de extracomunitario, levaron ao Deportivo a cedelo no verán de 1997 ao Kaiserslautern, da Bundesliga. No club alemán, adestrado por Otto Rehhagel, sufriu unha grave lesión de xeonllo que o afastou dos campos de xogo durante meses. Na recta final do seu proceso de recuperación e tras regresar aos adestramentos, deu positivo nunha proba antidopaxe, polo uso dun medicamento con anabolizantes receitado polo seu médico, e foi suspendido durante un mes pola Federación Alemá de Fútbol. Dese xeito non chegou a debutar co Kaiserslautern, que esa tempada se proclamou campión da Bundesliga, sendo Andreas Reinke o gardameta habitual na portería.

Cesión ao Viktoria Žižkov De volta na Coruña, para a tempada 1998/99 volveuse atopar co problema do exceso de estranxeiros no Deportivo, o que imposibilitou a súa inscrición na liga. O club decidiu entón cedelo de novo e en setembro anunciouse o seu préstamo ata decembro ao Viktoria Žižkov da súa Praga natal. No conxunto checo recuperou a titularidade e disputou 11 partidos na liga checa nos catro meses que permaneceu no club.

Regreso ao Deportivo En xaneiro de 1999, a nacionalización como cidadán español de Gabriel Schürrer, permitiu o regreso ao Deportivo de Kouba, decisión que o club adestrado por Javier Irureta tomou motivado polo baixo nivel mostrado por Jacques Songo'o na primeira metade da tempada. Con todo, trala volta de Kouba, o rendemento de Songo'o aumentou de xeito notable, polo que o checo volveu quedar sen opcións de xogar.

Para a tempada 1999/00 manifestou en varias ocasións o seu desexo de deixar o club, pero entrou nos plans de Irureta, polo que realizou a pretempada co equipo, aínda que rexeitou unha oferta de renovación do seu contrato, ao que lle quedaban dous anos de vixencia. De novo suplente de Songo'o ao longo da tempada, o 28 de novembro de 1999 volveuse colocar baixo a portería do Deportivo despois de 29 meses, aproveitando a sanción do gardameta africano, expulsado na xornada anterior.

Nos seguintes meses xogou tres partidos na Copa do Rei e un na Copa da UEFA, nunha vitoria por 2-1 sobre o Arsenal en Riazor. Volveu xogar en liga na antepenúltima xornada ante o Zaragoza, aproveitando unha nova sanción a Songo'o, expulsado no derbi ante o Celta de Vigo. Viu dende o banco os dous últimos partidos de liga, nos que o Deportivo se proclamou campión por primeira e única vez na súa historia.

Para a tempada 2000/01 recibiu varias ofertas, pero continuou na disciplina do Deportivo, aínda que foi un dos descartes de Irureta e o club non o inscribiu no campionato. A finais do ano 2000, xunto a Naybet e Bassir, interpuxo unha denuncia contra a LFP e a Federación Española, reclamando as mesmas condicións que os xogadores comunitarios, no contexto dos cambios que estaban a acontecer no fútbol español tras unha denuncia semellante por parte do ruso Valerii Karpin, e en xaneiro do 2001 a xustiza deulle a razón. O 31 de xaneiro, ao límite do peche do mercado invernal, foi finalmente inscrito polo Deportivo, pero pechou a tempada sen xogar ningún minuto, sendo Molina o titular habitual. No verán do 2001, ao remate do seu contrato, deixou o club cinco anos despois da súa chegada, e con só 13 encontros disputados.

Jablonec A continuación volveu á República Checa, onde asinou como novo xogador do Jablonec. No conxunto bohemio xogou 19 partidos, rematando a liga na novena posición.

Sparta Praga (2ª etapa) En 2002 regresou á disciplina do Sparta Praga, no que permaneceu durante os seguintes tres anos. Aínda que nesta segunda etapa no club gañou dúas novas ligas e unha Copa da República Checa, as continuas lesións impedíronlle xogar case nada, disputando só tres partidos na tempada 2003/04. En marzo de 2005 anunciou a súa retirada.

Selección nacional Tras xogar coa sub-21, debutou coa selección absoluta de Checoslovaquia o 30 de xaneiro de 1991 contra Australia no estadio Parque Olímpico de Melbourne, ás ordes do seleccionador Milan Máčala. Disputou 14 partidos internacionais antes da disolución de Checoslovaquia e trala formación da selección checa converteuse no porteiro titular desta.

Na Eurocopa de 1996 foi un dos tres gardametas elixidos polo seleccionador Dušan Uhrin para viaxar a Inglaterra, xunto a Pavel Srníček e Ladislav Maier. Foi titular nos tres partidos da primeira fase, ante Alemaña, Italia e Rusia, e defendeu a portería nos cuartos de final contra Portugal. O partido de semifinais fronte a Francia chegou ata a quenda de penaltis e a parada de Kouba ao lanzamento de Reynald Pedros deulle á República Checa un histórico pase á final de Wembley. O conxunto checou acabou caendo na final ante Alemaña, cando Oliver Bierhoff marcou un gol de ouro na prórroga, tras unha desafortunada acción de Kouba, que non foi quen de deter o seu frouxo lanzamento.

Trala Eurocopa apenas volveu xogar coa selección, sendo o seu derradeiro partido un amigable contra Inglaterra en Wembley o 18 de novembro de 1998. Disputou un total de 38 encontros coa selección checa.

Palmarés Sparta Praga Primeira División de Checoslovaquia (2): 1990/91, 1992/93. Liga da República Checa (4): 1993/94, 1994/95, 2002/03, 2004/05. Copa de Checoslovaquia (1): 1991/92. Copa da República Checa (2): 1995/96, 2003/04.

Deportivo da Coruña Primeira División Española (1): 1999/00.

Kaiserslautern Bundesliga (1): 1997/98.

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1969 Categoría:Nados en Praga Categoría:Futbolistas de Checoslovaquia Categoría:Futbolistas da República Checa Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Bohemians 1905 Categoría:Xogadores do AC Sparta Praga Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do FC Kaiserslautern Categoría:Xogadores do FK Viktoria Žižkov Categoría:Xogadores do FK Baumit Jablonec Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Checoslovaquia Categoría:Xogadores da selección de fútbol da República Checa