José Manuel Oliveira Boga, nado o 5 de maio de 1967 en Padrón, é un antigo ciclista profesional galego, activo entre 1988 e 1991. Actualmente desempeña o cargo de seleccionador galego de ciclismo en estrada.

Traxectoria Como ciclista Como afeccionado, comezou a facer ciclismo no club da súa vila natal, o Club Ciclista Padronés e mais no veciño Club Ciclista Rois, de Rois. É nesta época, en 1986, cando obtén a vitoria en seis carreiras dun día, e onde consegue ser líder provisional da Volta a Mallorca, da Vuelta a Castilla-La Mancha, da Vuelta a Segovia, e mais gañar a Semana del pedal, nome co que se coñece a volta ao Principado de Asturias. En 1987 queda de segundo na Volta a Ourense, despois de ser o líder temporal, e nese ano forma parte tamén da selección española de afeccionados que obtén a medalla de bronce na contra o reloxo por equipos nos Xogos do Mediterráneo celebrados en Latakia (Siria).

En 1988 comeza a súa traxectoria como profesional no equipo asturiano do CLAS-Cajastur. En 1989 consegue un segundo posto na sétima tirada da Volta a Cataluña, e en 1991 participa no seu único Tour de Francia, que rematou na posición 148. Tamén participou na Vuelta Ciclista a España, no Giro de Italia e en clásicas da Copa do Mundo. En 1992 ficha polo CHCS-Ciemar, no que sería o seu último ano como profesional.

Como director deportivo Como director deportivo, Oliveira dirixiu o Aluminios Alca de Padrón (1994), o C.C.Coruñés Leyma (1995, 1996, 1997) e posteriormente o Club Ciclista Estradense, xa no século XXI. En 2005 pasa a ser o seleccionador galego de ciclismo en estrada.

Palmarés 1 participación no Tour de Francia.

Vida persoal Rexenta unha tenda de bicicletas en Santiago de Compostela.

Véxase tamén Outros artigos Galegos no Tour de Francia Galegos no Giro de Italia

Ligazóns externas Ficha en sitiodeciclismo.net.

Categoría:Ciclistas de Galicia Categoría:Nados en Padrón Categoría:Nados en 1967 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Directores deportivos de ciclismo de Galicia