Francisco Franco Bahamonde, nado en Ferrol o 4 de decembro de 1892 e finado en Madrid o 20 de novembro de 1975, tamén coñecido como o Caudillo ou o Xeneralísimo, foi un militar e ditador galego, integrante do golpe de Estado de 1936 contra o goberno democrático da Segunda República, que desembocou na guerra civil española. Foi investido como xefe supremo do bando sublevado o 1 de outubro de 1936, exercendo como Xefe do Estado de España desde o remate do conflito en 1939 ata o seu falecemento en 1975, e como xefe de Goberno entre 1938 e 1973.
Foi líder do partido único Falange Española Tradicionalista y de las JONS, no que se apoiou para establecer un réxime de inspiración fascista nos seus comezos, que máis tarde derivaría nunha ditadura, coñecida como franquismo, de tipo ultraconservador, católico e anticomunista. Este cambio debeuse á derrota do fascismo na segunda guerra mundial. Aglutinou en torno ao culto á súa persoa diferentes tendencias do conservadorismo, o nacionalismo e o catolicismo opostas á esquerda política e ao desenvolvemento de formas democráticas de goberno.
Durante o seu mandato á fronte do exército e da xefatura do Estado, especialmente durante a guerra civil e os primeiros anos do réxime, tiveron lugar múltiples violacións dos dereitos humanos, segundo sinalan numerosas investigacións históricas e denuncias de particulares.El Norte de Castilla «Garzón recibe 130.000 nombres de desaparecidos», artigo en El Norte de Castilla, 22 de setembro de 2008. Consultado o 6 de febreiro de 2012. A cifra total de vítimas mortais durante o franquismo varía en torno a varios centenares de miles de persoas, que pereceron na súa maioría en campos de concentración, execucións extraxudiciais ou en prisión.Hugh Thomas (2009): La guerre d'Espagne; Robert Laffont, páx. 209 e 711.Gabriel Jackson (2005): La república española y la guerra civil; RBA, páx. 466.
Traxectoria Primeiros anos miniatura|x250px|Casa de Francisco Franco na rúa María de Ferrol. Naceu como Francisco Paulino Hermenegildo Teódulo Franco y Bahamonde Salgado Pardo na casa familiar da rúa María de Ferrol, entón rúa Frutos. Era fillo do intendente da Armada Nicolás Franco y Salgado Araújo e de Pilar Bahamonde y Pardo de Andrade. El Franco más íntimo y desconocido Era o segundo fillo dos cinco que tivo o matrimonio: Nicolás era o maior, veu a continuación Francisco, Pilar, Ramón (o aviador) e Paz, esta última falecida aos cinco anos de idade.
O seu pai, Nicolás Franco, levaba unha vida moi disipada e o eco das súas andadas chegaban a oídos de Pilar, que se confortaba co rezo e o amor de Deus. Nicolás non tardou en fuxir do fogar matrimonial e en abandonar a familia. Isto sería probablemente unha das razóns polas cales as relacións de Francisco e o seu pai foron sempre moi frías.
Carreira militar Francisco Franco graduouse na academia de infantería de Toledo en 1910, onde obtivo o número 251 entre os 312 cadetes da súa promoción, converténdose en segundo tenente, é dicir, en alférez. Aos poucos días foi destinado para Ferrol no rexemento Zamora número 8. En marzo de 1915 foi ascendido a capitán, cando tiña 22 anos, sendo así o máis novo deste grao no exército español, e é condecorado por dúas veces coa Cruz Vermella do Mérito Militar. Coa idade de 23 anos, por nomeamento do rei Afonso XIII, converteuse no comandante máis novo do exército logo do seu desempeño na guerra do Rif. Tras cinco anos en Marrocos, volve de novo á península, destinado a Oviedo, onde coñece a Carmen Polo y Martínez Valdés, unha rapaciña de familia ben acomodada, coa que vai comprometerse como noivo cando ela só ten quince anos.
España atópase o 13 de agosto de 1917 en estado de guerra debido aos altercados producidos durante a folga xeral convocada polos sindicatos UGT e CNT. En Oviedo o movemento toma unha amplitude tal que os folguistas ameazan con apoderarse da cidade. Franco, á cabeza das súas columnas, recibe a misión de restablecer a orde.12-19 agosto de 1917: Folga xeral nacional organizada pola CNT-UXT na esperanza dun cambio radical de réxime político. Eduardo Dato ten entón o poder. O exército intervén, causando a morte de varias decenas de obreiros; en Asturias a folga prolóngase ata setembro. A represión lévase a cabo baixo o mando do xeneral Burguete, apoiado polo comandante Francisco Franco, coa intervención, por primeira vez, de tropas marroquís mercenarias.
Foi nomeado xeneral de brigada no ano 1926 por méritos de guerra, sendo o máis novo de Europa con esa graduación. En 1933 foi ascendido a xeneral de división. En 1934, durante o período de goberno radical-cedista, como xefe de Estado Maior, dirixiu as operacións para reprimir a insurrección obreira de Asturias.
Todo o que fai a partir do 18 de xullo de 1936 é ilegal, pois é cesado de xeneral polo goberno lexítimo da segunda república española.
Na Lexión española
En 1918 coñeceu na Escola central de infantería ao tenente coronel José Millán-Astray, que viña de Marrocos, onde estaba ao mando das tropas regulares. Franco devecía con volver á cabeza dun corpo militar. Os dous homes, cuxos feitos de armas son famosos nos cuarteis, entendéronse rapidamente. Todo parecía achegalos e cando Millán-Astray fundou a Lexión española baseada na Lexión Estranxeira francesa, Franco aceptou naturalmente formar parte dela como o seu segundo e non dubidou en aprazar a data do seu matrimonio.
É Franco o que ten entre outras cousas a tarefa de resolve-la crise despois do desastre de Annual, onde máis de 15.000 soldados atoparon a morte. Cos xenerais Sanjurjo e Cabanellas, retoman Batel e o Dar Drius, onde recibe a condecoración militar grazas ao seu valor no campo de batalla, a derrota precedente pode borrarse. O 8 de xuño de 1923 é nomeado tenente coronel, sempre o máis novo do Exército español, posto que ten apenas 30 anos, logo o 22 de outubro do mesmo ano, contrae por fin o matrimonio con Carmen Polo, acto que foi apadriñado polo rei Afonso XIII.
En febreiro de 1925, ascendeu a coronel por méritos de guerra, logo de levar a cabo a retirada de Xauen. Tiña só trinta e tres anos e seguía sendo o máis novo dos oficiais do seu grao. Só un ano máis tarde xa era xeneral de brigada pola súa conduta no desembarco de Alhucemas e pola toma da capital de Abd-El-Krim. Aos trinta e catro anos era o xeneral máis novo de Europa e atopábase na cima dos honores militares. O nomeamento supuxo para el o final da campaña de Marrocos e tamén, pouco tempo despois, a fin da guerra de África, xa que o chamaron a Madrid para encargarse de mandar a primeira brigada de infantería da primeira división.
Pouco despois sería designado para dirixir a Escola militar de Zaragoza, que o xeneral Miguel Primo de Rivera acababa de restabelecer. Franco tiña a tarefa de recibir e formar ós futuros oficiais de infantería, cabalería e enxeñaría, cun total de 215 en 1928. Alí foi onde o ministro francés da guerra, André Maginot, o condecora coa Lexión de honor e a do Mérito naval, pronto seguido da súa segunda medalla militar imposta por Afonso XIII.
Durante a Segunda República
Coa chegada da Segunda República española, o novo goberno de Niceto Alcalá Zamora decide suprimir a Academia xeral militar de Zaragoza o 16 de xullo de 1931. Franco, que en catro anos formou a 720 oficiais, volve para Oviedo, logo A Coruña, en espera do novo destino. Dise entón del que «proba unha honradez profesional» respecto a República.
Entre o 12 e o 14 de abril de 1931, Franco seguía de cerca o curso dos acontecementos: habería levar a cabo as ordes superiores se o xeneral Berenguer, Ministro da Guerra, e o xeneral Sanjurjo, o Comandante en Xefe da Garda Civil tomasen parte na represión das manifestacións republicanas. Pero Afonso XIII manifestou que "non desexaba conservar o seu trono á conta dun baño de sangue, e prefire deixar España, aínda que sen abdicar, en lugar de utilizar o exército". Polo tanto, Franco estaba decidido a servir o novo réxime.Vexase: Bartolomé Bennassar, Franco, páx. 65 En canto ao seu irmán Ramón, entusiásmase por esta moi próxima república e non dubida en manifestalo, bombardeando con panfletos, lanzados desde o seu avión, sobre as rúas de Madrid en 1930.
Varias veces Franco é solicitado para formar parte dun pronunciamento, pero el négase. Un putsch estala o 10 de agosto de 1932 (a Sanjurjada). Esta sublevación está dirixida polo xeneral Sanjurjo, o director xeneral de Carabineros, e secundada só pola guarnición de Sevilla, e pronto é condenada ao fracaso. Detido o xeneral cunha quincena de conxurados e aberto un proceso, é condenado á pena de morte, logo indultado e finalmente amnistiado, aínda que xa non reingresou no exército e fixou a súa residencia en 1934 en Monte Estoríl, Portugal.
O 13 de marzo de 1933, Franco é enviado ás Baleares como comandante das forzas das illas, talvez en agradecemento do goberno por non se mesturar no levantamento . É unha promoción. Presentado por Gil Robles, o líder da CEDA, para figurar nas súas listas das eleccións do 19 de novembro e do 3 de decembro , responde pola negativa. Despois da consulta nacional, o xefe de Goberno Manuel Azaña, será substituído por Alejandro Lerroux, por catro meses soamente (19 de decembro - 25 de abril).
A dereita obtén 212 deputados, o centro 162 e a esquerda 97. Desde as Baleares, Franco, que acaban de nomealo xeneral de división en marzo de 1934, segue agora con paixón o xogo político de Madrid . Unha visita rompe a monotonía da súa vida de guarnición, a do Ministro da Guerra Diego Hidalgo, ao que se lle debe unha das primeiras descricións do xeneral Franco, en calquera caso ben axustada á súa personalidade daquela época:
Pero no país, a situación política e social deteriórase aínda máis cada día . Falanxe, creada por José Antonio Primo de Rivera inspirada dos "fascio" italianos, oponse coa dialéctica das pistolas fronte aos anarquistas e socialistas que, por suposto, responden ou atacan cos mesmos medios . Folgas salvaxes paralizan a economía. En Madrid, unha tentativa de golpe falla . En Cataluña, Lluís Companys declara o Estat català. Máis grave aínda: en Asturias, declárase unha verdadeira revolución; os anarquistas, os comunistas, a Alianza dos Traballadores e Campesiños, baixo os auspicios da UXT de González Bueno e o Comité Rexional da CNT de Asturias, onde 30.000 homes que dispoñen de armas e dinamita se opoñen ao Goberno .
O Goberno de Madrid encóntrase agora en presenza do que parecía innegablemente unha revolución. Lerroux e os seus ministros tomaron decisións de graves consecuencias. En primeiro lugar, fixeron vir os xenerais Goded e Francisco Franco e encargáronlles conxuntamente, en calidade de xefes de Estado Maior, dirixir as operacións contra a rebelión. É o xeneral Franco quen dirixe pois a represión desde o Palacio de Buenavista, coa axuda da Lexión e dos "Regulares" marroquís. En suma, unha repetición de 1917. Franco forma sete columnas, baixo os mandos de Yagüe, Solchaga, Sáenz de Buruaga, Aranda e Ayuso e fanse donos da situación con bastante facilidade, aínda que pagando un caro prezo en vidas humanas:
O exército perdeu 22 oficiais, 25 suboficiais e 173 soldados e conta con 743 feridos e 46 desaparecidos. Por parte dos rebeldes: 855 mortos, 1.450 feridos e non 14 000 como o escribiron algúns Video Youtube. O Goberno Lerroux, a quen se lle salvou, concédelle en recompensa a Franco a Gran Cruz do Mérito militar e en febreiro de 1935 foi nomeado comandante en xefe do exército de Marrocos.
A guerra civil