A Costa Brava é o nome asignado á zona costeira de Cataluña que comeza na desembocadura do río Tordera en Blanes e acaba na fronteira con Francia en Portbou. Limita ao norte coa Costa Vermella e ao sur coa Costa do Maresme.

Esta franxa litoral ten unha extensión de 214 km e está comprendida polas comarcas catalás do Alt Empordà, o Baix Empordà e La Selva. Sitúase na provincia de Xirona, pertencente á Comunidade Autónoma de Cataluña.

O termo Costa Brava foi publicado polo xornalista Ferrán Agulló nas páxinas de La Veu de Catalunya o 12 de setembro de 1908. Con esta expresión o xornalista quería describir a paisaxe agreste e escarpado que caracteriza gran parte da zona costeira.

Xa pola década dos 30, os turistas enchían as praias da zona, pero aínda se mesturaban con pescadores e agricultores que cultivaban preto da costa. A partir dos anos 50 e 60 o fenómeno turístico xeneralizouse e houbo un gran desenvolvemento urbanístico dalgunhas localidades destas comarcas.

Ata a chegada da economía do turismo, moitas das localidades da rexión costeira eran pequenos pobos de pescadores de casas encaladas e estreitos rueiros. Os seus habitantes, as súas tradicións e a beleza natural da rexión espertaron o interese de artistas e escritores como Marc Chagall, Picasso, Rusiñol ou Dalí. Actualmente, a zona aínda conserva gran parte desta esencia que a caracterizaba antes do cambio que supuxo a chegada do turismo.

Historia A localización xeográfica do que agora coñecemos como Costa Brava foi, desde hai séculos, unha zona de paso e asentamento para numerosos pobos e culturas, e a porta de entrada na Península desde a Europa mediterránea. A gran cantidade de restos históricos da zona son testemuño deste feito.

Os primeiros vestixios de actividade que nos atopamos pertencen aos poboadores do Paleolítico. Avanzando un pouco na historia, constatamos a presenza de pobos indoeuropeos que deixaron o seu rastro en construcións megalíticas que podemos atopar moi preto de Roses, nas Gavarres e na Serra de Rodes. Estes monumentos teñen unha antigüidade estimada de 5000 anos a. C. e podémolos atopar nas comarcas do Pla de l'Estany, a Cerdanya, La Selva, Baix Empordà e Alt Empordà.

Milenios máis tarde, observamos a presenza de pobos colonizadores como os gregos ou os romanos.

Durante o século III a. C. o territorio ibérico foi un importante escenario das operacións bélicas que mantiveron cartaxineses e romanos, as denominadas guerras púnicas. No momento no que os cartaxineses foron finalmente derrotados, os romanos tomaron o control da zona e progresivamente de toda a Península Ibérica, pero tiveron que loitar constantemente contra a resistencia local. Unha destas tribos autóctonas eran os indixetes, que estaba situados na área litoral que agora ocupa a Costa Brava.

Os conxuntos máis importantes que ilustran este feito e que se poden visitar aínda son os seguintes:

Cidade Ibérica de Ullestret

É un dos asentamentos ibéricos máis grandes de Cataluña. Está situado na localidade de Ullestret, na comarca do Baix Empordà. Data desde o século VI a.C ata principios do s.II a.C. No mesmo poboado tamén se atoparon restos anteriores aos indixetes, a tribo ibérica que se asentou no territorio. No recinto aínda se poden ver restos de vivendas, cisternas, silos para almacenar gran e algúns templos.

Sitio grego e romano de Empúries

Este recinto está situado en Sant Martí d'Empúries, a 2 quilómetros de L'Escala, na comarca do Alt Empordà. Os gregos asentáronse no territorio a principios do século VI antes de Xesús cristo, e despois foron os romanos quen ocuparon a zona no século II a.C.

Na actualidade, pódese realizar unha visita por todos estes restos históricos e ver a distribución das vivendas, que aínda conservan mosaicos, pinturas e ornamentación, a rede de sumidoiros, un forum, un anfiteatro e unha basílica entre outras construcións.

Poboado ibérico de Puig de Castellet

Atópase na poboación de Lloret de Mar, na comarca da Selva. Foi habitado durante o período que vai do ano 250 ao 210 a.C. e serviu de defensa e control sobre unha ampla franxa marítima e do territorio terrestre adxacente. Conta cun recinto amurallado e no seu interior distribúense once ámbitos de planta rectangular. Cada un deles ten unha zona dedicada a vivenda e outra a traballo. Na parte central do poboado configúrase un espazo con ámbitos de uso comunitario.

No ano 218 a.C. os romanos ocuparon o asentamento comercial de Emporion e continuaron a súa expansión militar, fundando prazas fortificadas de grande importancia estratéxica como a situada na confluencia dos ríos Ter, Onyar, Güell e Galligants. Esta cidade que recibiu o nome de Gerunda -a actual Xirona- converteríase nun punto de comunicación de gran relevancia, ao servir de escala entre algunhas das cidades situadas na Vía Augusta, como é o caso de Barcino (Barcelona) e Tarraco (Tarragona). A partir deste momento gran parte da actividade política e económica empeza a bascular cara ao interior a consecuencia da puxanza adquirida por Xirona que reclamará para si o control da zona costeira.

Varios séculos máis tarde logo da conquista da Península Ibérica por parte dos musulmáns, que ostentaron durante algún tempo o control desta zona, atopámonos cunha nova ocupación iniciada polos nobres francos baixo o impulso do Imperio Carolinxio. Esta nova conquista da rexión deu lugar ao que coñecemos como a Marca Hispánica, composta entre outros polos condados de Empúries e Xirona. Posteriormente estes condados cataláns iniciaron a súa progresiva independización do Imperio Carolinxio, finalmente pactada con Francia no ano 1258. Algúns anos antes, a unión dinástica entre o Conde de Barcelona e a filla do Rei de Aragón deu lugar á Coroa catalano-aragonesa que impulsou a expansión militar, comercial e militar destes estados polo Mediterráneo. Á súa vez, a competencia co Imperio Turco polo control do comercio marítimo e as posesións ribeiregas, induciu a que fosen frecuentes os ataques dos piratas berberiscos contra as localidades que bordean a Costa Brava.

Ao longo dos séculos seguintes non se produciron na rexión acontecementos de gran calado debido á estabilización política e militar das coroas hispánicas, coa excepción da invasión napoleónica, que con todo centrou o seu interese na localización estratéxica de Xirona. Desde ese momento a historia transcorreu vendo chegar o fenómeno da industrialización, a revolución de clases, o progresivo fortalecemento da clase media, que conduciu a mediados do século XX á revitalización da Costa Brava a través do turismo.

Espazos naturais Máis do 30% do total da superficie da área das rexións de Xirona está protexida debido ao seu interese natural. Os espazos naturais máis importantes da Costa Brava son:

Parque Natural do Cap de Creus

É un dos espazos naturais máis importantes de Cataluña. Está situado en torno ao accidente xeográfico do Cabo de Creus, o punto máis oriental de toda a Península Ibérica. O seu territorio pertence aos municipios de Cadaqués, El Port de la Selva, La Selva de Mar, Llançà, Vilajuïga, Pau, Palau-saverdera e Roses. O espazo, tanto terrestre como marítimo, do parque abarca 13.886 hectáreas e recibe cada ano uns 435.000 visitantes. Os fortes ventos que percorren a zona, especialmente a tramuntana, e a ondada foron moldeando esta parte do litoral, configurando un perfil moi abrupto. En todo o territorio atopamos unha vexetación escasa pero unha fauna moi rica.

Parque Natural dos Aiguamolls de l'Empordà Trátase dun conxunto de marismas xeradas ao final do curso do río Muga e do Fluvià. Desde 1983 esta considerada Paraxe de Interese Natural. O Parque ten unha extensión de 4.730 hectáreas aproximadamente, das que 825 son reserva natural integral estritamente protexida. O Parque está situado na zona do Alt Empordà e confórmano os municipios de Castelló d'Empúries, Sant Pere Pescador, Palau-saverdera, Peralada, Pau, Pedret i Marzà, L'Escala, Roses e L'Armentera. O seu principal interese recae na riqueza da flora e a fauna ornitolóxica, especialmente migratoria.

Illas Medes

Pequeno arquipélago situado a 900 m de L'Estartit, na praia de Torroella de Montgrí. Son practicamente as únicas illas do litoral de Cataluña e están formadas polas elevacións da serra de Montgrí. Hai un total de sete illotes, con fondos rochosos e covas submarinas que o converten nun espazo perfecto para practicar o submarinismo. A zona esta considerada reserva mariña polo seu rico ecosistema, favorecido pola súa proximidade á desembocadura do río Ter.

Ses Negres

A Reserva Mariña de Ses Negres está situada na comarca do Baix Empordà, en Begur, xusto no centro da Costa Brava. Esténdese ao longo de 1.300 metros de litoral, entre as calas de sa Riera e Aiguafreda. Presenta unha superficie total de 80 Ha, a cal inclúe os cantís que rodean as montañas de Begur.

Xardíns botánicos

Na zona da Costa Brava, existen diversos xardíns botánicos que exhiben tanto a diversidade vexetal local como especies tropicais, non autóctonas da zona. Os xardíns de Cap Roig, Santa Clotilde, Xardín Botánico Marimurtra e Xardín Botánico Pinya de Rosa son os máis importantes da rexión.

Calas e Praias

As praias da Costa Brava caracterízanse pola calidade das súas augas. A moitas destas concedeuse a Bandeira Azul, símbolo inconfundible de auga limpa e libre de contaminación. Outro dos trazos característicos da Costa Brava son as pequenas calas ou praias escondidas, rodeadas de vexetación, debido á erosión do mar sobre os cantís. Algunhas só son accesibles desde o mar e a moitas outras só se pode chegar por camiños costeiros que percorren a costa dalgúns municipios da Costa Brava.

Concellos miniatura|270px|Proximidades de Portbou. 270px|miniatura|Cadaqués 270px|miniatura|Palamós 270px|miniatura|Calonge 270px|miniatura|Praia de Tossa de Mar en inverno 270px|miniatura|Tossa de Mar 270px|miniatura|Lloret de Mar O territorio da Costa Brava está formado por localidades do Alt Empordà, Baix Empordà e parte das localidades máis costeiras da Selva. O litoral da zona costeira está formado polos seguintes concellos, listados de norte a sur:

Portbou É o municipio que se atopa na parte máis setentrional da Costa Brava, está na comarca do Alt Empordà e limita con Francia. É un pequeno pobo que non chega a 1.500 habitantes, de tradición pesqueira e que ofrece numerosas posibilidades de lecer no seu litoral, como o mergullo ou outras actividades acuáticas.

Colera Pequeno municipio que ten aproximadamente 600 habitantes. O seu litoral está formado por seis praias: Cala Rovellada, Praia d'en Goixa, Praia Carbassó, Praia de Garbet, Praia de les Assutzenes e Praia nudista do Borrou.

Llançà Localidade da comarca do Alt Empordà de case 5.000 habitantes. Está rodeada polo Parque Natural de Cabo de Creus e o de l'Albera, tanto por terra como por mar. Ten praias pequenas e tranquilas que se combinan coa presenza de restos históricos megalíticos e prerrománicos.

el Port de la Selva Forma parte da comarca do Alt Empordà e ten pouco máis de 1.000 habitantes. Trátase dun municipio de tradición pesqueira que foi relevada en parte pola chegada do turismo á zona.

Cadaqués Municipio da comarca do Alt Empordà situado ao leste do cabo de Creus. A súa paisaxe cativou a numerosos artistas, entre eles Salvador Dalí. O pintor viviu na vila xunto a Gala e agora pódese visitar a súa residencia, a Casa Museo Salvador Dalí. Aínda que se trata dunha localidade que atrae moitas visitas de turistas, a zona non se masificou e segue mantendo o seu aspecto de pobo de pescadores.

Roses Este pobo do Mediterráneo experimentou un gran crecemento coa chegada do turismo. Actualmente ten uns 18.000 habitantes aproximadamente. A súa oferta convérteo nun destino que se adapta a todo tipo de turistas. Entre o seu patrimonio destaca a Cidadela, unha fortaleza medieval do século XVI, e os restos megalíticos.

Castelló d'Empúries