miniatura|Parte posterior dunha Game Boy. Nótese que, ao contrario das etiquetas pegadas nos modelos sucesores (agás a Micro) a información da consola está gravada no plástico da carcasa. A Game Boy (en xaponés: ゲームボーイ, Gēmu Bōi) é unha consola de videoxogos portátil desenvolvida e manufacturada pola empresa xaponesa Nintendo, que posúe un procesador de 8 bits. Esta consola de cuarta xeración foi lanzada por primeira vez ao mercado no Xapón o 21 de abril de 1989, chegando posteriormente a outros mercados. Esta é a primeira videoconsola portátil dentro da liña que leva ese mesmo nome (Liña Game Boy). Foi creada por Gunpei Yokoi, Satoru Okada e o equipo de desenvolvemento Research and Development 1 da Nintendo.
A Game Boy foi o segundo sistema portátil da Nintendo despois das series da Game & Watch iniciada en 1980 e collía elementos tanto da propia Game & Watch coma da NES. Tamén foi a primeira videoconsola portátil que incluía o xogo do Tetris.
A consola posúe unha pantalla de matriz de puntos cun potenciómetro de contraste, cinco botóns de control do xogo (un D-pad, dous botóns de xogo, e "Start" e "Select"), un único altofalante cun dial de volume axustábel e, ao igual que as súas rivais, utiliza cartuchos como soporte físico para os xogos. A combinación de cores está formada por dous tons de cinsento con acentos de negro, azul e maxenta escuro. As esquinas desta consola rectangular están suavemente arredondadas, agás na esquina inferior dereita, que está curvada.
Malia que durante o período no que foi comercializada foron introducidas no mercado novas videoconsolas portátiles máis avanzadas tecnoloxicamente, a Game Boy continuou a ter un enorme éxito. As vendas combinadas da Game Boy e da súa sucesora, a Game Boy Color, acadaron no mundo a cifra de 118,69 millóns de unidades vendidas.Dedicated Video Game Sales Units. www.nintendo.co.jp. Consultado o 20-02-2026.
A Game Boy é un dos dispositivos máis recoñecíbeis da década de 1990, converténdose nunha icona cultural nos anos posteriores ao seu lanzamento. Durante a súa vida útil lanzáronse dous redeseños; a Game Boy Pocket en 1996 e a Game Boy Light en 1998 (esta última só no Xapón). A produción da Game Boy continuou até 2003,Game Boy Afterlives. www.anthropology-news.org. Consultado o 22 de febreiro de 2026. moitos meses despois do lanzamento da súa segunda sucesora, a Game Boy Advance, en 2001.
Desenvolvemento A Game Boy foi deseñada polo enxeñeiro xefe de Nintendo Gunpei Yokoi, Satoru Okada e o seu equipo Nintendo R&D1; Yokoi ocupouse do deseño industrial da consola namentres que Okada ocupouse da súa enxeñaría. Após a popularidade da Nintendo Entertainment System, Yokoi mantivo unha reunión co entón presidente de Nintendo Hiroshi Yamauchi, dicíndolle que podía facer unha consola portátil con xogos intercambiábeis. O nome en clave interno orixinal da Game Boy é Dot Matrix Game,Los nombres en clave de las consolas. Vandal.elespanol.com. Consultado o 22 de febreiro de 2026. en referencia á súa pantalla de matriz de puntos en contraste coa serie Game & Watch precedente (que Yokoi creara en 1980) que ten LCD segmentadas preimpresas, o que limitaba cada modelo a só xogar un xogo. As iniciais DMG chegaron a figurar no número de modelo do produto final: "DMG-01".
Satoru Okada e Yokoi dirixiron o desenvolvemento da consola, o que provocou desacordos. Yokoi opinaba que a consola podía ser pequena, lixeira, duradeira, ter éxito e contar cunha biblioteca de xogos recoñecíbel. Shigesato Itoi visitou Nintendo e concibiu o nome "Game Boy" para a consola que Yokoi estaba a deseñar. A reacción interna á Game Boy en Nintendo foi inicialmente moi pobre, o que lle valeu o alcume despectivo de "DameGame" por parte dos empregados de Nintendo, no que dame (だめ) significa "sen esperanza" ou "inútil". A Game Boy presentouse como prototipo en 1987 e posteriormente exhibiuse en varias feiras do sector. O dispositivo incorporaba un elemento de deseño clave do seu predecesor, o Game & Watch: o mando de control direccional de 8 direccións, a miúdo denominado "D-pad". O concepto foi desenvolvido por Gunpei Yokoi e o seu equipo de I+D1. Yokoi recoñeceu que os joysticks tradicionais poderían dificultar a portabilidade dos dispositivos portátiles. Como resultado, deseñou o D-pad, un mando plano que non se estendería máis aló da carcasa do dispositivo portátil. Hiroshi Yamauchi estimou que a consola acadaría unhas vendas superiores aos 25 millóns de unidades nos seus tres primeiros anos,Feature: The Making of the Nintendo Game Boy (13 de marzo de 2010). www.nintendolife.com. Consultado o 3 de marzo de 2026. unha afirmación que se considerou atrevida para a época.
A filosofía de Nintendo centrábase na crenza de que o atractivo dunha consola viña determinado principalmente pola calidade dos seus xogos. Con esta idea en mente, Gunpei Yokoi e Satoru Okada desenvolveron Super Mario Land, unha adaptación portátil do xogo Super Mario Bros., coa intención de que fose o título estrela da Game Boy. Porén, Henk Rogers chamou a atención de Nintendo of America sobre o xogo de fabricación soviética Tetris. Malia a sinxeleza dos seus gráficos e da falta dunha marca coñecida, a idoneidade do Tetris para unha plataforma portátil convenceu ao presidente de Nintendo of America, Minoru Arakawa, para portalo e empaquetalo coa Game Boy. Como resultado, o Tetris incluíuse coa Game Boy en todas as rexións agás no Xapón no intre do seu lanzamento, que tivo lugar no Xapón o 21 de abril de 1989, seguido por Norteamérica en xullo dese mesmo ano e Europa en setembro do ano seguinte. Nintendo gastou 10 millóns de dólares na comercialización da Game Boy.
En España comezou a publicitarse dende o seu desembarco en Europa a un prezo de 15 900 pesetas (ostensibelmente importada doutras partes de Europa), aínda que a súa distribución oficial comezaría a manexala a empresa Erbe Software a partir de xaneiro de 1991, estabelecendo un prezo final de 18 900 pesetas. A contraportada das primeiras versións españolas dos videoxogos de lanzamento están datadas con dereitos de distribución de 1991. Tras a instauración de Nintendo España en 1993, as rendas da distribución no país pasaría a tomalas Nintendo sen ningún tipo de intermediación.
Características Os controis principais para xogar na Game Boy están situados na metade baixa da súa parte frontal. Ten catro botóns denominados "A", "B", "Select" e "Start", así como un botón direccional. As funcións de cada un destes botóns varía dun xogo a outro.Ver o manual do propietario. No seu lateral dereito dispón dun control dial para o volume e outro no lateral esquerdo para axustar o contraste da pantalla. Na parte superior disponse o botón de apagado-acendido así como a rañura na que se introducen os cartuchos cos videoxogos.
A Game Boy tamén tiña as seguintes conexións de entrada e saída opcionais. No lateral esquerdo ten unha conexión para conectar as baterías recargábeis ou alimentadores de enerxía que podían substituír as pilas eléctricas para subministrar enerxía ao dispositivo; Nintendo distribuía un pack de baterías recargábeis oficial, se ben funcionaba perfectamente con outros modelos non oficiais. A Game Boy require 6 V DC de polo menos 250 mA. Finalmente, unha conexión para auriculares estéreo de 3.5 mm está situada na parte inferior da videoconsola.Ver o manual do propietario para as diferentes conexións das que dispón a Game Boy.
No lateral dereito ten unha conexión que permite aos usuarios conectar dúas Game Boy a través dun cable, co que dúas persoas poden xogar ao mesmo tempo cun mesmo xogo. Nun principio este porto estaba pensado para ser utilizado en xogos nos que se puidese competir entre dous ou participar dúas persoas no mesmo, mais co tempo se desenvolveu para crear tamén redes sociais de comunicación como nas populares series de videoxogo de Pokémon.Masuyama, Meguro (2002). "Pokémon as Japanese Culture?". in Lucien King. Game On. New York, NY: Universe Publishing. p. 39. ISBN 0-7893-0778-2. "Pokémon allowed more than metaphorical communication; it made use of a system that created actual communication — a network game."
Especificacións técnicas Tamaño 148 mm x 90 mm x 32 mm (Al x An x Pr)Peso 220 g PantallaPantalla reflectora de 2,6 polgadas supertrenzada nemática (STN) de cristal líquido (LCD)Tamaño de pantalla47 mm por 43 mmFotogramas por segundo 59.727500569606 HzEnerxía 6 V, 0,7 W (4 pilas AA)Duración das pilas Aproximadamente 15 horas de xogoCPU Personalizada de 8 bits Sharp LR35902 (baseada en 8080 e Z80 modificadas), a 4,19 MHzMemoria 64 KB espazo de direccións incluíndo: 8 KB de RAM de traballo integrada Ata dezaseis páxinas de 8 KB de RAM de traballo intercambiábel (no cartucho de xogo) para un máximo de 128 KB de RAM externa (que pode ser alimentada por unha pila para gardar partidas). 8 KB de memoria RAM para a pantalla LCD. 32 KB de ROM externa en Game Pak, dos cales 16 KB son intercambiábeis, ROM de arrinque de 256 bytes no chip, cartuchos de 32 KB, 64 KB, 128 KB, 256 KB, 512 KB, 1 MB, 2 MB, 4 MB e 8 MB.Resolución de pantalla 160 (an) × 144 (al) píxeles (aspecto 10:9)Soporte de cor 2 bits (catro tons de "cinsento": verde oliva claro a moi escuro)Son 2 xeradores de ondas de pulsos, 1 PCM de 4 bits (64 mostras de 4 bits reproducidas en 1ᅲ64 bancos ou 2ᅲ32 bancos), 1 xerador de ruído e unha entrada de son dende o cartucho. A unidade só ten un altofalante, porén o porto de auriculares emite son estéreo.Entrada
Acollida da videoconsola
Aínda que era menos avanzada tecnicamente ca as Sega Game Gear, Atari Lynx e outros competidores, sobre todo por non soportar a cor, o prezo máis baixo da Game Boy xunto cunha maior duración das pilas fixérona moito máis exitosa. Nas súas dúas primeiras semanas no Xapón, dende o seu lanzamento o 21 de abril de 1989, vendeuse todo o stock de 300.000 unidades; uns meses despois, o 31 de xullo de 1989, vendéronse 40.000 unidades no seu primeiro día de lanzamento en Norteamérica. Vendéronse máis de 118,69 millóns de unidades de Game Boy e Game Boy Color combinadas en todo o mundo, con 32,47 millóns de unidades no Xapón, 44,06 millóns en América e 42,16 millóns noutras rexións. Para o ano fiscal xaponés de 1997, iñantes do lanzamento da Game Boy Color en outubro de 1998, vendéronse 64,42 millóns de unidades de Game Boy en todo o mundo. Nunha rolda de prensa celebrada o 14 de marzo de 1994 en San Francisco, o vicepresidente de mercadotecnia de Nintendo, Peter Main, respondeu as preguntas sobre cando ía sacar Nintendo unha consola portátil en cor afirmando que as vendas da Game Boy eran boas dabondo como para decidir non desenvolver unha consola portátil sucesora nun futuro próximo.
En 1995, Nintendo anunciou que o 46% dos xogadores de Game Boy eran mulleres, porcentaxe superior á de xogadoras tanto para Nintendo Entertainment System (29%) como para Super Nintendo Entertainment System (14%).
A consola recibiu críticas dispares por parte da crítica. Nunha análise de fin de ano de 1997, un equipo de catro redactores de Electronic Gaming Monthly outorgou á Game Boy puntuacións de 7,5, 7,0, 8,0 e 2,0. Sushi-X (que contribuíu co 2,0) criticou a consola pola súa pantalla en branco e negro e o seu desenfoque de movemento, namentres que os seus tres compañeiros gabaron a longa duración das pilas e a gran biblioteca de xogos, así como o deseño elegante e cómodo para o peto do novo modelo Game Boy Pocket.
Edicións especiais Edición Play It Loud! miniatura|dereita|150px|Un modelo de Game Boy "Play It Loud!" transparente, edición norteamericana.