Tailandia (en tailandés: ประเทศไทย, Prathet Thai) oficialmente Reino de Tailandia (en tailandés: ราชอาณาจักรไทย, Ratcha Anachak Thai; ), antigamente coñecido como Siam (en tailandés: สยาม, Sayam), é un país situado no centro da península Indochina no Sueste asiático. Comparte fronteiras ao norte con Myanmar e Laos, ao leste con Laos e Camboxa, ao sur co Golfo de Tailandia e Malaisia, e ao oeste co Mar de Andaman e o extremo meridional birmano. As súas fronteiras marítimas inclúen Vietnam no Golfo de Tailandia ao sueste, e Indonesia e a India no Mar de Andaman ao suroeste.
O país réxese por unha monarquía constitucional encabezada polo rei Rama X, décimo soberano da Casa de Chakri, quen goberna dende o ano 2016. O rei de Tailandia posúe os cargos de xefe de Estado, xefe das Forzas Armadas, seguidor do budismo e defensor das relixións.
Cunha superficie de aproximadamente 513.120 km², Tailandia é o 51º Estado máis grande do mundo en canto á súa área total e 20º máis poboado con ao redor de 64 millóns de habitantes. A capital e cidade máis grande é Bangkok, centro cultural, político, comercial e industrial do país. Ao redor do 75% da poboación é etnicamente tai, o 14% de orixe chinesa e o 3% malaia;Thailand , CIA World Factbook. o resto pertence a outros grupos minoritarios como por exemplo os mons, os khmer ou as tribos do outeiro. A lingua oficial do país é a tailandesa e a principal relixión o budismo, practicado polo 95% dos seus habitantes. O calendario oficial de Tailandia baséase na versión budista, que está 543 anos por diante do calendario gregoriano.
Tailandia experimentou un rápido crecemento económico entre 1985 e 1996, sendo un país recentemente industrializado e un importante exportador. O turismo tamén contribúe de modo significativo á economía tailandesa. Hai aproximadamente 2,2 millóns de inmigrantes legais e ilegais no país, atraendo tamén certa cantidade de expatriados de países desenvolvidos.
Etimoloxía Até o 23 de xuño de 1939 o nome oficial do país era Siam (en tailandés: สยาม, Sayam; [sàjǎːm]),Thailand (Siam) History , CSMngt-Thai. sendo entón cambiado ao actual nome de Tailandia. Entre 1945 e o 11 de maio de 1949 volveu adoptar o antigo nome Siam. Escrito ás veces tamén Siem, Syâm ou Syâma, a palabra é ás veces sido asociada ao sánscrito Śyâma (श्याम, é dicir "escuro" ou "marrón"), ao igual que os termos Shan e A-hom, mais é bastante probable que esta non sexa a orixe real do termo, senón unha deformación artificial.
A orixe do termo Thai (ไทย) non está clara. Para algúns deriva da palabra Tai (ไท), cuxo significado na lingua tailandesa é "independencia", mais é tamén o nome dun grupo étnico das chairas centrais. Un famoso erudito tailandés argumentou que Tai (ไท) simplemente significa "xente" ou "ser humano", xa que na súa investigación atopou que nalgunhas áreas rurais a palabra "Tai" era utilizada en lugar da palabra tailandesa habitual para xente, "kon" (คน).Phumisak, Jid (1976). Coming Into Existence for the Siamese Words for Thai, Laotian and Khmer and Societal Characteristics for Nation-names)
Os tailandeses utilizan a expresión "terra da xente ceibe" para expresar o seu orgullo polo feito de que Tailandia é o único país do Sueste Asiático que non foi colonizado nunca por unha potencia europea. Mentres que a maioría dos tailandeses refírense formalmente ao seu país como Prathet Thai (ประเทศไทย), a forma máis común é o termo coloquial Mueang Thai (เมืองไทย) ou simplemente Thai (ไทย); a palabra mueang (เมือง) significa nación, pero é comunmente utilizada para referirse a unha cidade ou vila. Ratcha Anachak Thai (ราชอาณาจักรไทย) significa "Reino de Tailandia" ou "Reino dos Tai".
Etimoloxicamente os seus compoñentes son: -Ratcha- (do sánscrito raja, que significa "rei, real, reino"); -ana- (do pāli āṇā, "autoridade, mando, poder", igualmente do sánscrito ājñā, co mesmo significado) -chak (do sánscrito cakra ou cakraṃ co significado de "roda", un símbolo de poder e goberno). O Hinmno nacional Teilandés (เพลงชาติ), composto e escrito por Peter Feit durante os extremadamente patrióticos anos 1930,refírese á nación Tai como: prathet-thai (ประเทศไทย). O primeiro verso do himno é: prathet thai ruam lueat nuea chat chuea thai (ประเทศไทยรวมเลือดเนื้อชาติเชื้อไทย), traducido en 1939 por Luang Saranuprabhandi como: "Tailandia é a unidade do corpo e do sangue Tai".
Historia Historia antiga miniatura|left|Búfalo acuático de barro de Lopburi. Ano 2300 a.C. Antes da migración ao sur do pobo Tai dende Yunnan (actual China) no século X, a península Indochina era o fogar de diferentes comunidades indíxenas animistas xa facía máis 500.000 anos. O descubrimento de fósiles de Homo erectus, como o home Lampang, confirman esta teoría. Estes restos do plistoceno, descubertos por medio de escavacións na provincia de Lampang, foron datados de hai uns 1.000-500.000 anos.
O sitio arqueolóxico máis grande atopado en Tailandia é Ban Chiang. Aínda que a datación dos restos arqueolóxicos deste sitio non é sinxelo, probas de termoluminiscencia dan que sería dun período comprendido entre o 4420 e o 3400 a.C. Outros xacementos neolíticos importantes son o de Wang Bhodi e o da Cova do Espírito. Hai que afirma que a Idade de Bronce, período na civilización en que se desenvolveu o emprego deste metal na metalurxia, resultado da aliaxe de cobre e estaño, apareceu de forma temperá en Tailandia, ao redor do 5000 a.C. No xacemento de Ban Chiang, os artefactos de bronce descubertos datan do 2100 a.C. A primeira tumba atopada data aproximadamente da mesma data. Co desenvolvemento das ferramentas de bronce e o cultivo do arroz húmido, impulsouse á creación de organizacións sociais e políticas.
Ao redor do século I a.C., segundo a epigrafía Funan e rexistros de historiadores chineses, parece ser que certos asentamentos comerciais do sur organizáronse en estados malaios, algúns dos cales se cre que son Langkasuka e Tambralinga. Atopáronse tamén probas de que algúns destes asentamentos comerciais comerciaban cos romanos, como por exemplo a moeda de ouro do emperador Antonino Pío (161 d.C.) atopada no sur de Tailandia.
Posteriormente as civilizacións Malaia, Mon e Khmer floreceron na zona anterior á dominación dos Tai, especialmente o reino de Srivijaya no sur, o reino Dvaravati no central e o imperio Khmer fundado en Angkor. As migracións da China meridional cara ao Sueste Asiático tiveron lugar maioritariamente durante o primeiro milenio, probablemente a través do norte de Laos. Por iso, até o século XIII sábese pouco acerca de Tailandia. Debido a estas migracións, a cultura tailandesa estivo tradicionalmente influída polas culturas da China e da India, aínda que se xeraron diferentes culturas autóctonas.
Idade Media
miniatura|Ruínas de Wat Chaiwatthanaram en Ayutthaya. Durante o século XIII os tai fundaron diversas cidades-estado e principados. O reino budista de Sukhothai é considerado convencionalmente como o primeiro estado Thai na rexión. Fundado en 1238, a súa xerminación coincide no tempo coa etapa final do Imperio khemer, entre os séculos XIII e XV. Un século máis tarde, a mediados do XIV, o reino de Ayutthaya substitúe a Sukhothai como potencia dominante en Siam. Tralo saqueo de Angkor por Ayutthaya en 1431, gran parte da corte khemer é obrigada a exiliarse en Ayutthaya, levando consigo os seus rituais e costumes de inspiración hindú, moitos dos cales son asimilados posteriormente pola cultura Ayutthaya.
As potencias europeas comezan a estabelecer contactos con Tailandia a partir do século XVI. En 1609 os neerlandeses iniciaron relacións co Reino de Ayutthaya, e pouco despois os británicos non tardaron en seguir os seus pasos. O rei Narai (1657-1688) cedeu o poder de tomar as decisións comerciais ao aventureiro grego Constantinos Phaulkon, quen decidiu conceder o mercado das especias aos franceses. Ambas nacións forxaron boas relacións, chegando mesmo a un acordo para que o Reino de Ayutthaya enviase embaixadores a París. Porén, cando as tropas francesas desembarcaron en Bangkok, unha rebelión popular impediu o acordo comercial. Foran os propios neerlandeses os que fomentaran a rebelión, xa que se opuñan ao monopolio das especias por parte dos galos. Pouco tempo despois os franceses tentaron converter ao rei Narai ao cristianismo, mais ao morrer este en 1688, foron expulsados e Phaulkon executado.
Despois de máis de 400 anos de dominio, en 1767 o reino de Ayutthaya caeu ante a invasión do exército birmano. A súa capital foi incendiada e o territorio foi dividido. O xeneral Taksin logrou reunir o reino tailandés dende a súa nova capital, Thonburi, e declarouse rei en 1769. Porén, Taksin supostamente toleou e foi deposto, feito prisioneiro e executado en 1782. O xeneral Chakri sucedeuno en 1782 co nome de Rama I, o primeiro rei da casa Chakri.
O Reino Ratthanakosin miniatura|left|130px|Rama I. Rama I estabelece a capital de Siam en Bangkok, á beira do río Chao Phraya na marxe oposta de Thonburi, e funda o actual Reino Rattanakosin, tradicional cuarto reino histórico de Tailandia. Birmania foi finalmente derrotada en 1790 e obrigada a retirarse de Siam. Unha vez estabelecido o reino, a principal preocupación dos herdeiros de Rama I foi a ameaza do colonialismo europeo despois das vitorias británicas en territorio birmano en 1826. Con todo, pesar da presión europea, Tailandia conseguiu ser o único país do sueste asiático que nunca foi colonizado por unha potencia europea, sendo a explicación principal deste feito que, durante todo o século XIX, Tailandia contou cunha recua de hábiles gobernantes, demostrando unha enorme capacidade para utilizar a rivalidade franco-británica na rexión sen queimarse. Como resultado, o país adquiriu o status de estado tampón entre os países baixo dominio francés (Indochina) e baixo dominio británico (Birmania e a India).
O primeiro recoñecemento dunha potencia occidental na rexión foi o Tratado de Amizade e Comercio co Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda en 1826. En 1833 os Estados Unidos iniciaron contactos diplomáticos con Siam. Porén foi durante reinados posteriores, os de Mongkut (Rama IV, 1851-1868) e o seu fillo Chulalongkorn (Rama V, 1868-1910), cando estabeleceu un verdadeiro achegamento coas potencias occidentais. A pesar da súa independencia, a influencia occidental provocou durante este período que se producisen algúns cambios. O tratado anglo-siamés de 1909 estabeleceu a fronteira moderna entre Siam e a Malaisia británica e unha serie de tratados con Francia fixaron as fronteiras orientais con Laos e Camboxa, territorios anteriormente controlados e reclamados por Siam.
A fin da monarquía absoluta
miniatura|Ananda Mahidol (Rama VIII). En 1932, unha revolución esparexemento de sangue resultou no establecemento dunha monarquía constitucional. O Rei Prajadhipok (Rama VII) aceptou inicialmente o cambio, mais logo abdicou en favor do seu sobriño de dez anos Ananda Mahidol (Rama VIII). Ao abdicar, Prajadhipok dixo que a obrigación dun gobernante era reinar para o ben de toda a xente e non dunha selecta minoría. O 8 de decembro de 1941, poucas horas despois do ataque a Pearl Harbor, o Xapón esixiu o dereito de trasladar tropas a través de Tailandia á fronteira malaia. Os xaponeses desembarcaron en Bangkok e outros lugares ao longo da costa leste, onde se enfrontaron co exército tailandés entre seis e oito horas antes de renderse. Tras varias negociacións, Tailandia concédelle ao Xapón o dereito de libre tránsito polas súas froiteiras, para días despois, o 21 de decembro, asinar unha alianza cun protocolo secreto. Este protocolo estabelecía que Tokyo acordaba axudar a Tailandia a recuperar territorios perdidos ante as potencias coloniais, mentres que pola súa banda Tailandia daría asistencia ao Xapón na súa guerra contra os aliados.