As Ventelas é un lugar da parroquia de Lebozán, pertence ao concello de Beariz, da comarca do Carballiño (provincia de Ourense). No ano 2008 tiña dezasete habitantes (dez homes e sete mulleres).
Xeografía O lugar das Ventelas linda ao norte coa estrada nacional N-541, que é a súa principal vía de comunicación, e a aldea das Antas, que pertence tamén a Beariz. Situada entre a serra do Cando e a serra do Candán, nunha das ladeiras do monte Marcofán, pertence á histórica comarca de Tabeirós - Terra de Montes. O rueiro das Ventelas confórmao unha única rúa.
Probabelmente o seu nome teña que ver co feito de que é unha zona na que ventea moito durante todo o ano.
Patrimonio
Patrimonio material
Monte veciñal en man común, recollido no Catálogo de entidades de economía social da Xunta de Galicia, como comunidade e mancomunidade de montes.
Necrópole da Bola: a necrópole megalítica da Bola está composta por dous túmulos ou mámoas.Mámoas de Galicia (provincia de Ourense) O noso patrimonio., no conxunto tamén hai varios petróglifos. Mámoa da Chancela: túmulo megalítico. Eira das Ventelas: na eira hai varios hórreos pertencentes a distintas familias, construídos na súa maioría en lousa.
Muíño das Ventelas: hai tamén un muíño de herdeiros, restaurado, na estrada cara a Lebozán. Abellariza: Hai unha abellariza sen uso dende principios do 2000. Atópase nunha ladeira da parte mais moderna do lugar.
Cultura popular Hai un refrán que predí o tempo que vai facer ao día seguinte: "Rubio cara ao mar, vellos a solar, rubio cara a Ribeira, vellos na paneira".
No segundo disco do grupo Leilía, I é verdade i é mentira (1998), aparece a peza "Palabra de casamento", recollida nesta aldea. Camiño de Santiago A sexta etapa do Camiño Miñoto Ribeiro, discorre polos montes das Ventelas.
Patrimonio natural
Hai unha gran variedade de fauna nos montes que rodean á aldea, mas no mesmo lugar non é estraño ver ou escoitar diferentes especies de aves, nocturnas ou diúrnas. A avifauna é variada, e habitualmente escóitase o gaio, o corvo, o pico verde, o cuco, o estorniño, a lavandeira branca, a avenoiteira, a avelaiona, os miñatos... Tamén hai mamíferos como corzos, cabalos e vacas bravas, xabarís, raposos ou teixugos. Entre os anfibios e réptiles están as píntegas, a víbora seoane, o lagarto das silvas...
Entre a flora, hai árbores como carballos, acivros, loureiros, bidueiros, castiñeiros. Arbustos coma os toxos. Entre as flores pódese ver xacinto silvestre, tollemerendas...
Galería de imaxes
Lugares e parroquias Lugares de Lebozán
Parroquias de Beariz
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Plan Municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do concello de Beariz 2022. Faixa de protección das Ventelas .
Categoría:Lugares de Beariz