Patrick Wayne Swayze (pronunciado ˈsweɪziː), nado en Houston (Texas) o 18 de agosto de 1952 e finado nos Ánxeles (California) o 14 de setembro de 2009, foi un actor, cantante e bailarín estadounidense. Foi coñecido sobre todo polos seus papeis nos filmes Dirty Dancing e Ghost.

Traxectoria Naceu no seo dunha familia católica de orixe irlandesa no estado de Texas. A súa nai era coreógrafa e o seu pai delineante. Na escola tomou contacto con disciplinas que serían importantes na súa vida, como o ballet clásico, o teatro e a patinaxe sobre xeo. Con vinte anos marchou a Nova York a completar os seus estudos de danza nas escolas de balé Harkness Ballet e Joffrey Ballet.

Cine, teatro e televisión A primeira aparición profesional de Swayze como bailarín foi na compañía Disney on Parade. A finais dos setenta e primeiros oitenta fixo algunhas substitucións en producións teatrais de Broadway e papeis puntuais en series de televisión, ata que en 1983 se dá a coñecer como un dos personaxes principais de The Outsiders, o filme de Francis Ford Coppola. Esa participación dálle para encadear tres series de ficción para televisión: Amencer vermello (1984), Youngblood (1986), e sobre todo North and South (1986), ambientada durante a guerra civil estadounidense.

Aínda que eses traballos lle outorgan unha certa sona, o papel que o levou á fama foi a súa interpretación do profesor de danza Johnny Castle en Dirty Dancing, a comedia musical romántica daquela tempada (1987), e que gañou o Oscar á mellor canción orixinal. Swayze foi nomeado a un globo de ouro pola súa actuación, e o filme foi o primeiro da historia en vender máis dun millón de copias en vídeo. Despois de realizar algúns papeis menores e de aparecer en distintas promocións polo seu atractivo físico, en 1990 interpretou o seu segundo filme importante, a comedia Ghost, con Demi Moore e Whoopi Goldberg. O filme foi nomeado para varios óscares, pero só acadou o de mellor guión e o de mellor actriz secundaria. Ao ano seguinte foi elixido pola revista People como home vivo máis sexi.

Dende o ano 1996 ata o ano 2000 Swayze tivo que deixar de actuar como consecuencia dunha caída de cabalo, que lle rompeu as dúas pernas e lle ocasionou outras feridas e lesións. En 2001 filma Donnie Darko e en 2004 un remake de King Solomon's Mines. Durante todo este tempo non abandonou o teatro nin tampouco as series de televisión, aínda que non tivo moitos papeis principais. A súa última produción foi de feito a serie The Beast, cando xa anunciara publicamente que padecía cancro.

Vida persoal e falecemento Swayze casou o 12 de xuño de 1975 con Lisa Niemi, e permaneceu casado ata a súa morte. Non tiveron fillos. Era afeccionado aos cabalos e sabía pilotar unha avioneta.

En xaneiro de 2008 foille diagnosticado un cancro de páncreas, que fixo público. Durante os dous últimos anos da súa vida mesturou as súas aparicións públicas para recadar diñeiro para a loita contra a enfermidade, con tratamentos médicos de quimioterapia e operacións. Faleceu de cancro no verán de 2009.

Filmografía

Ano Filme ou serie 1979 Skatetown 1983 Uncommon Valor 1983 The Outsiders 1984 Amencer vermello 1984 Grandview 1985 North and South (serie) 1986 Youngblood 1987 Dirty Dancing 1987 Steel Dawn 1988 Tiger Warsaw 1989 Next of Kin 1989 Road House 1990 Ghost 1991 Point Break 1992 City of Joy 1993 Father Hood 1995 Disney's Tall Tale 1995 Three Wishes 1995 To Wong Foo, Thanks for Everything, Julie Newmar 1998 Letters from a Killer 1998 Black Dog 2000 Forever Lulu 2001 Donnie Darko 2001 Green Dragon 2002 Waking Up in Reno 2003 One Last Dance 2003 11:14 2004 Dirty Dancing: Havana Nights 2004 George and the Dragon 2004 King Solomon's Mines (miniserie) 2005 Keeping Mum 2005 Icon 2006 The Fox and the Hound 2 2007 Jump! 2007 Christmas in Wonderland 2008 Powder Blue 2009 The Beast (serie)

Categoría:Actores de Texas Categoría:Actores de cinema dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de televisión dos Estados Unidos de América Categoría:Actores de voz dos Estados Unidos de América Categoría:Bailaríns Categoría:Nados en 1952 Categoría:Finados en 2009 Categoría:Nados en Houston, Texas Categoría:Estadounidenses de ascendencia inglesa Categoría:Finados por cancro de páncreas