O centro do labirinto é un libro de Agustín Fernández Paz publicado en 1997 por Edicións Xerais. En 2009 saíu do prelo a 11ª edición.

Resumo

A acción ten lugar a mediados do século XXI. Sara é a nai de David. Viven en Berlín, onde traballa como asesora do G-12, grupo de persoas que rexe o destino das persoas. O mundo está globalizado logo de entraren en vixencia as "Leis de Unificación" no ano 2020. A lingua común é o euroinglés, e o mundo está dividido en 8 zonas.

Malia que a gran maioría da xente adaptouse a esas normas, nas ZNC (zonas non controladas) persisten grupos de xente vivindo dun modo alleo ás novas tecnoloxías. Pero tamén nesas zonas hai grupos de resistencia, dispostos a retomar a diversidade cultural e a sostibilidade no planeta Terra.

Sara vén co seu fillo a Galiza, de onde son os seus devanceiros. Mentres ela andaba polo Campo Lameiro visitando uns petróglifos, David ten un accidente nunha fraga próxima. É atopado por membros da resistencia da ZNC, que logo de recuperarse do accidente se poñen en contacto con Sara. A intención é facer ver a Sara que a apocalipse mundial é moi real a menos que se poña solución axiña.

Ao mesmo tempo, Sara decátase de que o informe que está a redactar é ben perigoso, pois dous dos colaboradores morren en estrañas circunstancias. Finalmente descobre que foi froito dunha traizón doutros dous colaboradores, debido a presións para que o sistema imperante non mude.

Sara e David aprenden de primeira man que o mundo non é tan bonito nin tan monótono como se vende no 1º mundo, e que aínda están vivas as linguas que se falaban antes e os paraísos naturais e arqueolóxicos conservados ao longo do mundo.

Narración Utilízanse dous narradores: o narrador omnisciente, que alterna o que lle sucede a Sara e o que lle sucede a David, e a narración en primeira persoa de Brenda, unha rapaza da idade de David que vive na ZNC.

Traducións Ao catalán por Pau Joan Hernàndez Fuenmayor co título de El centre del laberint publicado en 1999 pola Editorial Barcanova, Col. Antaviana jove.

Ao portugués por Isabel Ramalhete co título de O centro do labirinto publicado en 2002 por Ed. Âmbar, Col. Escritas do mundo.

Ao castelán por Soledad Carreño Albín co título de El centro del laberinto publicado en 2002 por Editorial Algar, Col. Algar Joven.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha de Ed. Xerais

Categoría:Obras literarias de 1997 Categoría:Novelas en galego Categoría:Obras literarias de Agustín Fernández Paz Categoría:Edicións Xerais de Galicia