Edgar Allan Poe, () nado como Edgar Poe o 19 de xaneiro de 1809 en Boston e finado o 7 de outubro de 1849 en Baltimore, foi un novelista, ensaísta, editor e crítico literario estadounidense, coñecido pola súa poesía e as súas historias curtas, en particular os seus contos de misterio e terror. Está amplamente considerado unha das figuras principais do romanticismo escuro nos Estados Unidos e na literatura estadounidense no seu conxunto, e foi un dos primeiros escritores de historias curtas do seu país. Poe considérase xeralmente o inventor do xénero de ficción de detectives e acredítaselle unha contribución ó xénero emerxente da ciencia ficción. Foi o primeiro escritor estadounidense con certa fama en tentar gañarse a vida só coa escritura, pasando por mor disto diversas dificultades económicas na súa vida e carreira profesional.

Traxectoria Formación e primeira publicación Os seus pais foron David e Elizabeth Arnold Poe, mais o seu pai abandonounos ó pouco de nacer Edgar. A súa nai morreu en Richmond en 1811. Edgar foi acollido entón por Frances Allan e John Allan. Este nunca adoptou legalmente a Poe, mais si lle deu o seu apelido. As tensións desenvolvéronse posteriormente polas disputas entre John Allan e Edgar por mor das débedas deste último, incluíndo as provocadas polas apostas e os custos da súa educación secundaria. Poe asistiu á Universidade de Virxinia durante un semestre, pero deixou os estudos por falta de cartos. Mantivo un litixio con Allan sobre os cartos para a súa educación e finalmente alistouse no exército en 1827 baixo un nome falso. Foi neste tempo cando comezou a súa carreira literaria, se ben de forma humilde, coa colección anónima Tamerlane and Other Poems, acreditada a "un bostoniano". Coa morte de Frances Allan en 1829, Poe e John Allan reconciliáronse de forma temporal. Poe suspendeu as probas para oficial cadete en West Point, declarando o seu firme desexo de ser poeta e escritor, e finalmente puxo fin á súa relación familiar con John Allan.

Revistas e relatos curtos En 1831 volve a Baltimore, á casa da súa tía María Clemn. Ese ano desátase a peste en Baltimore. Esta inspiroulle The King Pest (1834) e A Máscara da Morte Bermella (1842). En 1836 casou coa súa curmá Virginia Eliza Clemm Poe, de trece anos de idade (el tiña vinte e sete), en segredo. En 1837 trasladouse a Nova York e publicou As aventuras de Arthur Gordon Pym. En 1838 trasladouse a Filadelfia, onde traballou coma axudante de edición na revista Burton's Gentleman's. En 1840 a editorial Lea & Blanchard publica 25 relatos en dous volumes: Tales of the Grotesque and Arabesque. Deixa Burton's Gentleman's e comeza a tentar lanzar a súa propia revista crítica independente. Logo do primeiro fracaso nesa tentativa, entra en Grahan's Magazine.

Éxito Foi entre os anos 1842-1847 en Nova York cando acadou o seu maior éxito, en particular logo de que o New York Times publicase o seu máis célebre poema: "O corvo". Chega a facerse co Broadway Journal como editor e propietario. En 1847 morre Virxinia, de tuberculose, e Poe colapsa no alcohol. Nos derradeiros días de lucidez publica Eureka, un poema en prosa sobre a creación e a evolución do Universo.

Obra

Entre as súas obras máis célebres cóntanse: O gato negro, (1843). A caída da casa Usher, (1839). O pozo e o péndulo, (1842): todos eles no xénero do terror. O corvo, en poesía (traducida ao galego no 2007, en Urco, por Tomás González Ahola). As aventuras de Arthur Gordon Pym, (1837), única incursión na narrativa longa. Os casos de Monsieur Dupin, co que inventa o xénero de misterio que despois daría lugar a Sherlock Holmes, de Conan Doyle. Estes casos compóñense de tres relatos: Os crimes da rúa Morgue, (1841); O misterio de Marie Rogêt, (1843), e A carta roubada, (1845).

Notas

Véxase tamén

Bibliografía

O relato fantástico: de Poe a Lovecraft (1995) intro. de G. Navaza, trad. de Ricardo Terco. Ir Indo.

Categoría:Nados en 1809 Categoría:Nados en Boston, Massachusetts Categoría:Finados en 1849 Categoría:Escritores en lingua inglesa Categoría:Escritores dos Estados Unidos de América Categoría:Poetas dos Estados Unidos de América Categoría:Contistas Categoría:Estadounidenses de ascendencia inglesa Categoría:Novelistas dos Estados Unidos de América