O BM Cangas do Morrazo ou Frigoríficos do Morrazo por motivos de patrocinio, é un club de balonmán profesional da localidade pontevedresa de Cangas de Morrazo (Galicia). Fundado en 1961, actualmente xoga na División de Honra A, tamén coñecida como Liga ASOBAL sendo o quinto equipo histórico da categoría, tras unha estadía de 25 tempadas na máxima categoría do balonmán nacional, o último ascenso dos tres ascensos data de 2012, dende a División de Honra B nunha fase de ascenso organizada no seu campo, o pavillón do Gatañal. O BM Cangas está considerado un clásico da Liga ASOBAL. Tralo primeiro ascenso en 1995 estivo ata 2006 ininterrompidamente. O Club Balonmán Cangas chegou disputar dúas veces a segunda competición de clubs a nivel europeo, a Copa EHF.

Os xogadores do equipo visten unha camisola azul escura e branca e pantalón coas mesmas cores como primeiro equipamento, mentres que o segundo é celeste. A súa pista de xogo, despois de trasladarse dende o Polideportivo de Romarigo, é o Pavillón do Gatañal, tamén sede oficial do club, que ten capacidade para 2 500 espectadores. O seu actual presidente é D. Alberto González González, que relevou no cargo ó histórico mandatario D. Manuel Adolfo Camiña Fernández.

O club tamén dispón dun filial no Grupo A da Primeira Nacional, o Balonmán Luceros e dun equipo sénior feminino que loita por ascender a División de Prata Feminina, o Tapería Dos Chata. Ademais disto, a estrutura do Club está conformada por outros 24 equipos de categorías base en masculino e feminino, sendo o club referente do balonmán galego e un dos máis representantes do deporte autonómico.

Historia Inicios, o Luceros O.J.E. Se ben coñécese que anos antes das primeiras mencións ao balonmán en Cangas xa se disputara na vila un partido de balonmán a 11 entre o Traviesas de Vigo (Campión de España) e a Escola Naval Militar de Marín no Campo de Massó, os primeiros datos da práctica do balonmán en Cangas datan de comezos de 1960, cando un grupo de amigos comezaron a xogar tendo que desprazarse a Vigo para disputar os primeiros partidos. O primeiro encontro disputado foi en 1961, cando co nome de Luceros gañaron ó "Alerta" de Vigo por 4-5 no colexio Alba da cidade olívica. Máis tarde, ese mesmo ano, inscribiuse como equipo xuvenil, o que supuxo o comezo oficial do club. O primeiro partido oficial do equipo xuvenil disputouse en Vigo, no que os cangueses conseguiron derrotar ao Ponce de León (2-1) no Salón Baile “As Cabanas”. E ese mesmo ano, durante o verán, disputouse o primeiro torneo na Avenida Méndez Núñez de Cangas grazas á doazón de dúas porterías por parte de Luís Hernández.

O primeiro equipo sénior inscribiuse en 1968 na liga de Terceira Provincial. Baixo a denominación de Luceros O.J.E. o equipo pasou a xogar de xeito definitivo nun campo improvisado na Avenida Vicenti, que era cortada ao tráfico e pintada coas liñas do campo, e levando as porterías ás costas para a disputa dos partidos, menores que os árbitros e xogadores empregaban os negocios e distintas dependencias a modo de vestiarios.

Dous feitos importantes salientaron durante o ano 1969. Nesta data o equipo sénior masculino acadou o ascenso a Segunda Provincial. Tamén destacou a creación do primeiro equipo feminino da entidade, que comezou a competir dende entón baixo o nome de Luceros O.J.E., e que disputou o seu primeiro partido ese mesmo ano na Avenida Vicenti durante as Festas do Cristo.

A andaina dos cangueses na segunda categoría provincial durou pouco, xa que na tempada 1970-71 o equipo conseguiu o ascenso a Primeira Provincial logo de derrotar ao equipo do Pino na Avenida de Vicenti. Non foi ata 1972 cando se inaugurou a "Pista do Aterrado", fronte ó mercado do mesmo nome, no centro da vila, logo de acondicionar a fronte marítima. A pista foi inaugurada cun partido fronte ao Galicia Social Cortemans.

Integración no Alondras CF e debut en categoría nacional En 1974, e co equipo aínda competindo en Primeira Provincial, os equipos masculino e feminino do Luceros pasaron a formar parte da estrutura do Alondras Club de Fútbol, disputando aínda os seus partidos no "Aterrado" ata que en xullo de 1977 se inaugurou cun partido fronte ao Teucro de Pontevedra, o primeiro pavillón acondicionado axeitadamente para a práctica do balonmán, o Polideportivo de Romarigo, no que comezou a xogar ese mesmo ano logo de 16 anos xogando ao aire libre.

Na segunda tempada do equipo no novo pavillón proclamouse campión da Primeira Provincial, disputando xunto co SAR de Redondela a fase de ascenso a Primeira Nacional con equipos de fóra de Galicia, finalizando na segunda posición ás portas do ascenso á categoría nacional. Tan só dous anos despois, na tempada 1980-81, o equipo capitaneado por Juan Abalo repetiu o campionato provincial e disputou unha vez máis a liga de ascenso, que tivo lugar en Cangas entre o 30 de abril e o 3 de mato de 1981. Os cangueses proclamáronse campións da fase de ascenso logo de derrotar na final ao Corrales de Buelna cántabro, e conseguiron ascender á Segunda División Nacional.

Logo de dous anos en Segunda Nacional, na tempada 1982-83 o Alondras alzouse co campionato que dá dereito a disputar a fase de ascenso a Primeira División Nacional. Na fase, celebrada en Santander, o equipo finalizou na cuarta posición, vendo frustrado o intento de ascender de categoría. A seguinte foi a última tempada en que o equipo competiu baixo a denominación de Alondras CF.

O Club Balonmán Cangas Logo de 10 anos de vinculación, en 1984 o equipo de balonmán separouse do Alondras CF, nacendo nese momento o Club Balonmán Cangas presidido por Pepe Iglesias. A separación motivou que durante dos seguintes dous anos o novo club pasara a xogar os seus partidos como local no Pavillón do Colexio Castrillón de Coiro, ata que o Pavillón de Romarigo pasou a ser de titularidade municipal en 1986.

O equipo feminino, que daquela competía na División Nacional, experimentou o mesmo proceso que o masculino. O ano seguinte da separación renunciou á categoría nacional e pasou a competir na tempada 1985-86 en categoría provincial, rematando esa tempada como campioas de liga e copa, e gañando todos os torneos disputados esa tempada.

Na tempada 1988-89, logo de varios anos de adaptación á Segunda Nacional, o daquela CB Cangas Aralva proclamouse campión do grupo galego da categoría cunha soa derrota ao longo de toda a tempada. O campionato outorgoulle o dereito a disputar a fase de sector que posibilitaba o ascenso á División Nacional B que se disputou en Cangas do 1 ao 4 de xuño de 1989. Esta fase de ascenso converteuse en histórica para o club, xa que conseguiu o ascenso tras vencer a Avilesina e Cultural Frea de Valladolid e malia caer no último partido fronte o Cuatro Caños de Torrelavega.

Na tempada do seu debut en Primeira Nacional B, o Cangas conseguiu a permanencia logo de proclamarse campión do seu grupo na primeira fase da competición e finalizar na cuarta posición a segunda. Na seguinte tempada, a 1990-91, Modesto Augusto toma o mando do banco. Logo de ter realizado unha boa tempada, na que o equipo finalizou na segunda posición por detrás do BM Lalín, o Cangas conseguiu un novo ascenso, desta volta á Primeira División A. Foi precisamente na tempada 1990-91 cando chegou un novo xogador estranxeiro á disciplina canguesa, Rasic. Ademais o club asinou un acordo de patrocinio coa empresa Frigoríficos del Morrazo, que se converteu no patrocinador do equipo de xeito ininterrompido ata a tempada 2019-20, converténdose a empresa nun emblema do balonmán a nivel nacional.

A tempada 1991-92 pasou a coñecerse como a "tempada dos paraugas". Esta tempada, na que o equipo sénior conseguiu finalizar na sétima posición en Primeira Nacional e o equipo xuvenil o terceiro posto no Campionato de Galicia, estivo marcada polas protestas da afección canguesa polas condicións da pista de xogo, feito que motivou mesmo a suspensión dun partido fronte o Pilotes Posada de Vigo tras disputar tan só oito minutos de partido nunha pista que foi descrita pola prensa como unha "pista de patinaxe". A pesar destas dificultades, o equipo finalizou a tempada seguinte na terceira posición da Primeira Nacional, raiando o ascenso, e recibiu da Federación Galega de Balonmán o Premio ao Mellor Club Galego en 1993, galardón que recolleu Evaristo Gallego.

A tempada 1993-94 comezou coa inauguración do Pavillón Municipal do Gatañal o 18 de setembro, pavillón onde xoga dende ese ano os seus partidos como local. Esa tempada finaliza a liga na segunda posición por detrás do Ademar León, o que lle permitiu disputar a fase de ascenso á máxima categoría do balonmán español, a Liga ASOBAL, que se disputou en dous grupos, un en Pamplona e o outro en Granada. O Cangas quedou encadrado no grupo de Pamplona, mais o equipo non puido conseguir o ascenso logo de perder fronte a Ademar León e Toledo no Pavillón Anaitasuna da capital navarra, ao que se achegaron máis de 200 persoas para animar ao equipo cangués.

Primeira etapa na Liga ASOBAL miniatura|Suso Soliño en 2013. O histórico xogador cangués debutou co equipo en 1994 e mantívose en activo ata a tempada 2019-20. Na tempada 1994-95, o equipo reforzouse coas fichaxes de Oleg Prekrostov (porteiro), Zico Petricevic, Rafa Dasilva, Abel González (que se convertería no máximo goleador da tempada) e Adolfo Martínez. Logo de finalizar a liga regular na terceira posición por detrás de Barakaldo e San Antonio cun rexistro de 22 vitorias, 1 empate e 7 derrotas, o equipo consegue clasificarse de novo para unha fase de ascenso á Liga ASOBAL, que debía disputar a dobre partido fronte a Ademar León. No primeiro partido, disputado en terras galegas, os do Morrazo impuxéronse por 26-22 aos leoneses, e no partido de volta aproveitaron a renda de catro goles, caendo por 20-17 en León nun pavillón no que se congregaron máis de 2 000 persoas que se desprazaron en 18 autobuses e coches particulares dende Galicia. Deste xeito o Balonmán Cangas acadaba por primeira vez o ascenso á Liga ASOBAL. Ao seu regreso en Cangas, o equipo foi recibido por máis de 6 000 persoas que se congregaron baixo a choiva para ver o saúdo do equipo dende o balcón da casa do concello. Dende ese ano o equipo permaneceu 11 tempadas na máxima categoría,

Para afrontar a súa primeira tempada na máxima categoría do balonmán español o Cangas fichou o ruso Igor Kustov, o alxeriano Salin Nedjel, a José Carlos Camacho, Fran González e Marcos Fernández. Ao concluír a liga o equipo do Morrazo finalizou na 13ª posición da táboa cun rexistro de 9 vitorias, 5 empates e 16 derrotas para un total de 23 puntos, véndose obrigado a xogar un play-off fronte o BM Ciudad Real, e logo a permanencia fronte o Ivesur Málaga.

A segunda tempada do equipo na Liga ASOBAL estivo marcada pola mudanza na presidencia do club, no que Tito Gallego asumiu a presidencia logo da etapa de Nené Refojos. Do mesmo xeito, durante a tempada o banco cangués tamén cambiou de mans logo do cesamento de Modesto Augusto, que foi substituído por Antonio Plaza. A pesar dos cambios no club, o equipo conseguiu mellorar a súa clasificación respecto do ano do seu debut, ascendendo ata a 10ª posición da táboa cun rexistro moi similar ao do ano anterior 9 vitorias, 6 empates e 15 derrotas para un total de 24 puntos, superando na clasificación a todo un histórico como o Club Balonmano Granollers.