Os Sipúnculos (Sipuncula ou pequeno tubo) son un grupo de animais mariños que presentan simetría bilateral, son protóstomos, celomados non segmentados e sedentarios. Posúen unha forma alongada na que se diferencian dúas partes: a trompa e o tronco.
Adoitan vivir enterrados na area ou na lama, ou ben ocupan calquera espazo no que colla o seu corpo como unha fendedura dunha rocha, un tubo ou unha cuncha doutro animal.
Estes animais, aínda que non son moi abundantes, están moi estendidos: dende mares cálidos a polares, dende zonas superficiais a abisais, e actualmente coñécense unhas 320 especies . O seu tamaño oscila entre os 2 mm e os 50 cm. Características As principais características deste Filo son as seguintes: Son animais protóstomos, celomados, pero sen segmentación e con simetría bilateral. O corpo presenta dúas partes: a trompa ou introverto, na que está a boca e o tronco que e máis longo e groso e no que están a maioría dos órganos internos. Dous nefridios de tipo mixonefridio, con nefrostoma e nefridióporo. Son animais amoniotélicos xa que expulsan a maior parte dos residuos en forma de amoníaco. Posúen un sistema nervioso semellante ao dos anélidos, cun cerebro dorsal e un anel nervioso periesofaxico, e un cordón nervioso ventral. Os órganos dos sentidos son múltiples e variados: teñen células neurosensoriais nos tentáculos, un órgano nucal quimiorreceptor, zonas ciliadas e ocelos tubulares. Os sexos están separados (macho, femia), e as gónadas son simples e proveñen do peritoneo os gametos son expulsados polos nefridios. A fecundación é externa. A segmentación é espiral formándose unha larva trocófora e o celoma é esquizocélico.
Notas
Bibliografía Meglitsch, P.A Zoología de invertebrados, 2ª edición. Ed.Pirámide, Madrid 1986 pp 471–475 ISBN 84-368-0316-7
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas Introdución aos sipuncúlidos, pola UCMP Sipuncula en "Tree of Life web project"
Categoría:Sipúnculos