Fernando I, nado en Sigmaringen (Prusia) o 24 de agosto de 1865 e finado en Sinaia (Romanía) o 20 de xullo de 1927), foi rei de Romanía entre 1914 e 1927.

Traxectoria Nado en Sigmaringen, no suroeste da actual Alemaña, o príncipe romano-católico Fernando de Hohenzollern-Sigmaringen era o fillo segundoxénito do príncipe alemán Leopoldo de Hohenzollern-Sigmaringen e da princesa Antonia de Portugal (1845-1913), filla da raíña María II e o seu consorte Fernando de Saxonia-Coburgo-Koháry, con devanceiros oriúndos do nordés do Reino de Hungría (na actual Eslovaquia).

Debido a que o seu pai e irmán máis vello renunciaron aos seus respectivos dereitos ao trono romanés, o mozo Fernando converteuse en herdeiro ao trono do seu tío Carlos I de Romanía, en novembro de 1888 posto que este non tiña descendencia. O goberno romanés non lle pediu a conversión ao cristianismo ortodoxo, relixión maioritaria en Romanía, pero esixiuse que os seus futuros fillos fosen educados na fe ortodoxa, a que entón era a relixión oficial daquel país.

O curmán da nai de Fernando, Fernando I de Bulgaria, tamén da rama Saxonia-Coburgo-Koháry, ocupara o trono búlgaro dende 1889 e no futuro converteríase no principal opoñente do reino de Romanía. O emperador Francisco Xosé I, monarca do Imperio Austrohúngaro, e, por tanto, señor de Transilvania, provincia con maioría de poboación romanesa, era o curmán da avoa de Fernando.

En 1893 Fernando casou coa princesa María de Edimburgo (1875-1938), filla do príncipe Alfredo, duque de Edimburgo e da gran duquesa María Alexandrovna de Rusia. A princesa María era a neta paterna da raíña Vitoria I do Reino Unido e o príncipe Alberte de Saxonia-Coburgo, e por vía materna do tsar Alexandre II de Rusia e a súa dona, a princesa María de Hesse. O emperador da Rusia veciña, o tsar Nicolao II era pois o seu curmán carnal.

A parella tivo seis fillos en total, aínda que se comentou que a raíña cometeu adulterio con Barbu Ştirbey, neto dun antigo príncipe de Valaquia, falecido en 1869. O rei Fernando, non querendo dar pé a un escándalo, sempre aceptou aos dous fillos coma de seu. Foron os seus fillos:

Carlos II, rei de Romanía (1893 - 1953), con sucesión. Princesa Isabel (1894 - 1956), casada en 1921 con Xurxo II de Grecia; acabaron divorciándose. Sen descendencia. Princesa María (1900 - 1961), casada en 1922 con Alexandre I de Iugoslavia. Con sucesión. Príncipe Nicolás (1903 - 1979). Casado, sen fillos. Litigou para portar o título de duque de San Ricardo, sen éxito. Princesa Ileana (1909 - 1991), foi Arquiduquesa de Austria por matrimonio. Con ampla sucesión. Príncipe Mircea (1913 -1916), falecido sen sucesión.

Rei de Romanía Fernando sucedeu ao seu tío Carol I como rei de Romanía o 10 de outubro de 1914, meses despois do estoupido da primeira guerra mundial, aínda que Romanía non participou inicialmente na contenda. Fernando reinaría até a súa morte no 20 de xullo de 1927.

Primeira guerra mundial miniatura|esquerda|Cartel británico representando ao káiser Guillerme e a Fernando, o derradeiro como defensor da liberdade e xustiza

Aínda que era membro da familia imperial Hohenzollern, dinastía reinante en Alemaña, Fernando decidiu a entrada de Romanía na Primeira guerra mundial de parte da Tripla Entente, en contra das Potencias Centrais, o 27 de agosto de 1916.Netea, Vasile: "The Year 1918 in Romania", East European Quaterly, 3:1 (1969) A 3 de agosto de 1914 Romanía rexeitara a petición de Alemaña e Austria-Hungría de entrar na guerra polo tratado que lles unía. Pouco despois (18 de setembro de 1914), asinaba un tratado secreto con Rusia no que se lle recoñecía o dereito a anexionarse Transilvania a cambio de manterse neutral. O rei gañou deste xeito o alcume "o Leal", xa que respectou o xuramento que presentou fronte ao Parlamento de Romanía en 1914 :

«Reinarei como bo romanés.»

Tamén como consecuencia desta "traizón" ás súas raíces alemás, o káiser Guillerme II decidiu borrar o seu nome do rexistro da Casa de Hohenzollern, e ordenou a súa excomuñón polo Papa Bieito XV.Evenimentul Zilei, Ziua Monarhiei in Republica România ("O Día da Monarquía na República de Romanía) , 10 de maio de 2006

miniatura|dereita|Fernando condecorando a soldados romaneses. Malia as dificultades que supuxo a entrada na guerra, con Dobruia e Valaquia ocupadas polas Potencias Centrais, Romanía seguiu loitando e en 1917 parou o avance alemán en Moldova. Cando os bolxeviques asinaron a paz en 1918, Romanía viuse rodeada polos inimigos e forzada a asinar o Tratado de Bucarest en 1918 (7 de maio de 1918). Con todo, Fernando negouse a asinar o tratado. Cando o avance aliado na fronte de Tesalónica obrigou a Bulgaria a abandonar a guerra, Fernando ordenou a remobilización do exército romanés e Romanía continuou a guerra de parte da Tripla Entente.

O resultado da participación na guerra para Romanía foi a unión votada en Besarabia, Bucovina e Transilvania co Reino de Romanía, en 1918. Fernando chegou a ser o rei dun estado romanés crecido despois de 1918-1920, coa vitoria do Tripla Entente fronte ás Potencias Centrais, cunha guerra entre Romanía e a República Soviética Húngara, que non quería aceptar a nova situación en Europa, e coa guerra civil de Rusia. Fernando foi coroado rei de Romanía con gran pompa o 15 de outubro de 1922, na cidade histórica Alba Iulia, en Transilvania.

Reinado trala guerra A política interna durante o seu reinado estivo dominada polo Partido Nacional Liberal, liderado polos irmáns Ion e Vintilă Brătianu. A unión con Transilvania supuxo un beneficio electoral para a oposición, cuxos principais representantes uníronse entre xaneiro de 1925 e outubro de 1926 para formar o Partido Nacional dos Campesiños.

Fernando faleceu en 1927, e foi sucedido no trono polo seu neto Miguel I, baixo unha rexencia. A rexencia estaba formada por tres membros, dos cales un era o segundo fillo de Fernando, o príncipe Nicolás.

Notas

Categoría:Reis de Romanía Categoría:Casa de Hohenzollern Categoría:Nados en 1865 Categoría:Finados en 1927