Diego Seoane Pérez, nado en Ourense o 26 de abril de 1988, é un exfutbolista galego. Xogaba de lateral dereito, aínda que se podía desenvolver perfectamente pola esquerda. Na actualidade traballa como adestrador asistente do Lugo.
Traxectoria
Deportivo da Coruña (2005-2015) Chegou ao Deportivo da Coruña en 2005, procedente do Pabellón Ourense Club de Fútbol. Xogou cedido durante a tempada 2007–08 no Ciudad de Santiago de Terceira División e ao ano seguinte volveu á Coruña, onde foi un fixo na aliñación do Fabril.
Desde principios de 2010 contou con algunha convocatoria co primeiro equipo, debutando o 27 de xaneiro nun partido de Copa do Rei fronte ao Sevilla no Sánchez Pizjuán, onde foi titular. Debutou en Primeira División da man de Lotina o 20 de marzo nun partido entre o Deportivo e o Real Valladolid en Riazor (0–2). En xuño de 2010 renovou o seu contrato por tres anos máis. Na tempada 2010/11 alternou partidos do Fabril con partidos do primeiro equipo, xogando con este último 15 encontros, e viviu o descenso dos dous equipos nas súas respectivas categorías.
Na tempada 2011/12 subiu ao primeiro equipo de xeito oficial, pero contou con poucos minutos no ano do ascenso a Primeira. Na campaña seguinte foi apartado do primeiro equipo durante a primeira metade da campaña, pola súa negativa a renovar o contrato. Finalmente, o 28 de xaneiro de 2013 renovou por 3 campañas máis e marchou cedido ao Córdoba CF, en Segunda División, até o final da tempada.
Na 2013/14 xogou 26 partidos co Deportivo, de novo en Segunda e con Fernando Vázquez no banco, logrando o ascenso e marcando o seu primeiro e único gol co equipo branquiazul, no partido de Copa fronte ao Córdoba, o seu equipo a tempada anterior. Na seguinte tempada non contou con ningunha oportunidade co técnico Víctor Fernández, polo que en xaneiro marchou cedido ao CD Lugo. Disputou só nove partidos co equipo lugués, debido a unha lesión que o mantivo afastado dos terreos de xogo durante máis de dous meses. Ao remate da tempada rescindiuse o seu contrato co Deportivo, despois de case unha década no club.
Ponferradina (2015-2016) Poucos días despois fichou pola SD Ponferradina, en Segunda, club que acabou perdendo a categoría ao remate da campaña.
Dacia Chișinău (2017) Estivo sen equipo na primeira metade da tempada 2016/17 ata que en febreiro de 2017 marchou a Moldova para fichar polo FC Dacia Chișinău, co que se proclamou subcampión da liga moldova en maio, permanecendo no club unha tempada máis.
Racing de Ferrol (2020-2021) En xaneiro de 2018 volveu a Galicia para fichar polo Racing Club de Ferrol, que loitaba por conseguir a permanencia en Segunda B, asinando polo que quedaba de tempada e dúas máis. O equipo acabou por descender a Terceira, volvendo ascender ao ano seguinte, sendo Seoane un dos piares do equipo ao disputar case todos os minutos da tempada. Comezou a 2019/20 cunha lesión, e tras recuperarse foi titular en todos os partidos ata que a competición foi suspendida por mor da pandemia de COVID-19.
Pontevedra (2021-2023) En xullo de 2021 fichou polo Pontevedra, da Segunda División RFEF. Na súa primeira tempada disputou 27 encontros co equipo pontevedrés, marcando dous tantos nunha goleada por 1-5 sobre o Arenteiro, e logrou o ascenso á Primeira Federación tras rematar campión. Xa na categoría de bronce, xogou 25 encontros, 21 deles como titular, pero non puido evitar o descenso do equipo. Ao remate do seu contrato puxo fin á súa carreira como futbolista.
Trala retirada En 2023, xusto trala súa retirada como futbolista, ingresou de novo no Lugo, como segundo adestrador no cadete B, pasando na seguinte campaña a ser o adestrador principal do cadete A. En xaneiro de 2025 pasou ao Polvorín, como segundo adestrador. Na tempada 2025/26 incorporouse ao primeiro equipo do Lugo, como adestrador asistente.
Palmarés Deportivo Segunda División (1): 2011/12.
Pontevedra Segunda División RFEF (1): 2021/22.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en canaldeportivo.com Datos do xogador en Soccerway Datos do xogador en bdfutbol.com .
Categoría:Nados en 1988 Categoría:Nados en Ourense Categoría:Futbolistas de Ourense Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores da SD Ciudad de Santiago Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Córdoba CF Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores da SD Ponferradina Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Pontevedra CF