A trilladeira nival (Chionomys nivalis) é unha especie de roedor da familia Cricetidae. Tradicionalmente incluíase no xénero Microtus, mais estudos recentes, xenéticos e morfolóxicos avalan a súa inclusión no xénero Chionomys.

Descrición

É un dos arvicolinos de maior tamaño, de 92 a 140 mm e de 35 a 70 gr de peso. O seu pelame ten unha tonalidade, bastante uniforme, de cor agrisada con tons pardos, rexión ventral de cor branca e os pés e a cola son monocolor, xeralmente esbrancuxados.

Distribución

Habita as zonas montañosas dende o suroeste europeo até o sueste asiático. En Europa atópase nos grandes macizos montañosos, Alpes, Montes Tatra, Cárpatos, Balcáns e Cáucaso. Na Península Ibérica ocupa as principais zonas montañosas, aínda que a súa presenza non está confirmada en Portugal. En España ocupa a meirande parte dos Pireneos, chegando polo leste até Xirona, no norte peninsular aparece nas montañas galegas de Lugo e a serra dos Ancares, Picos de Europa, case toda a Cornixa Cantábrica e o País Vasco. Cara ao sur está presente na serra Cebollera e na serra de la Demanda (A Rioxa, Soria), nas serras de Gredos e Guadarrama, (Comunidade de Madrid e Guadalaxara) e en Sierra Nevada.

Hábitat

Especie moi adaptada á vida en zonas con acumulacións rochosas estables e zonas de alta montaña (1.000-4.700 m de altitude). É moi rara en altitudes menores. É máis común onde as moreas de pedras e rochas son máis frecuentes, sendo máis escaso nas matogueiras e zonas boscosas.

Son basicamente herbívoros e oportunistas, debido ás restricións tróficas das zonas onde habitan e complementan a súa dieta con insectos, pequenos invertebrados e crías doutros micromamíferos. Almacenan alimentos para o inverno.

A idade reprodutora, en relación con outros roedores, é relativamente tardía, teñen menores camadas e unha elevada taxa de supervivencia xuvenil.

Ameazas

A principal ameaza derívase do escaso número de colonias, do seu pequeno tamaño e da escasa ou nula conectividade entre colonias.

Notas Chionomys nivalis, en Wilson, D. E. & Reeder, D. M. (editors). 2005. Mammal Species of the World. A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed). Consultado o 9 de outubro de 2018. Chionomys nivalis no Atlas da biodiversidade do Ministerio de Medio Ambiente (MMA). Consultado o 9 de outubro de 2018. Status de conservación: Amori, G., Hutterer, R., Krystufek, B., Yigit, N., Mitsani, G. & Muñoz, L. J. P. 2008. Chionomys nivalis. En: IUCN 2009. IUCN Red List of Threatened Species. Versión 2009.1. IUCN Rede List (NT). Consultado o 14 de febreiro de 2010.

Ligazóns externas

Categoría:Roedores Categoría:Mamíferos de Galicia Categoría:Mamíferos de Europa Categoría:Animais descritos en 1842