miniatura|250px|dereita|Albatros planeando sobre o océano. miniatura|250px|Algunhas aves mariñas descansando nun acantilado das illas Lofoten, cerca dunha colonia de cría. As aves mariñas son un tipo de aves adaptadas para a vida en hábitats mariños. Aínda que son moi distintas entre si en canto ó seu estilo de vida, comportamento e fisioloxía, presentan casos de evolución converxente, dado que desenvolveron adaptacións similares ante problemas idénticos, relacionadas co ambiente e os nichos de alimentación. As primeiras aves mariñas evolucionaron no período Cretáceo, aínda que as familias modernas xurdiron no Paleóxeno.
En xeral, as aves mariñas viven moito tempo, reprodúcense máis tarde e nas súas poboacións hai menos individuos xuvenís, ós que os adultos dedican moito tempo. Numerosas especies aniñan en colonias, que poden variar de tamaño entre unha ducia de aves e millóns. Outras son coñecidas por realizar longas migracións anuais, que as levan a cruzar o Ecuador ou en moitos casos rodear a Terra. Poden alimentarse na superficie do océano ou nas súas profundidades, e incluso entre si. Algunhas son peláxicas ou costeiras, mentres que outras pasan parte do ano afastadas completamente do mar.
A morfoloxía das aves mariñas depende de moitos factores. Por exemplo, a simetría do corpo das aves determínase polo tipo e as funcións do seu voo, que se agrupan nas categorías de caza, desprazamento a lugares de aniñamento ou reprodución e migración. Unha ave mariña ten, de media, unha masa corporal de arredor de 700 g, unha envergadura de 1,09 m e unha área total de ás de 0,103 m2. Non obstante, estas variables dependen do mecanismo de voo e da etioloxía da especie.
As aves mariñas posúen unha longa historia de convivencia cos humanos: proporcionaron comida para os cazadores, orientaron ós mariñeiros cara ós bancos de pesca e guiáronos ata as costas. Debido a que varias especies están ameazadas polas actividades humanas, os movementos a favor da conservación ambiental as teñen en conta.
Clasificación
Non existe unha definición única que determine que grupos, familias e especies son aves mariñas e a maioría son, dalgunha maneira, arbitrarias. A denominación «ave mariña» non ten ningún valor taxonómico; é só unha agrupación en certa maneira artificial que non é usada polos científicos na clasificación. Pódese considerar que se trata dun sistema de clasificación taxonómica popular posto que engloba diversos grupos taxonómicos pero exclúe algunhas especies. Nas palabras de dúas científicas especialistas, E. A. Schreiber e J. Burger: «A única característica común de todas as aves mariñas é que se alimentan na auga do mar, pero, así como sucede coa maioría das afirmacións en Bioloxía, algunhas non o fan».
De forma convencional, clasifícanse como aves mariñas todos os esfenisciformes e procelariformes, xunto con todos os pelecaniformes, excepto os Anhingidae, algúns caradriformes —os estercoráridos, láridos, estérnidos, álcidos e rincópidos—. Acostúmase a incluír tamén ós falaropos, dado que aínda que sexan aves limícolas, dúas das súas tres especies son oceánicas durante nove meses ó ano, nos que cruzan o ecuador e se alimentan en mar aberto. Os gaviformes e podicipediformes, que aniñan nos lagos pero pasan o inverno no mar, categorízanse como aves acuáticas. A pesar de que existen algúns merxinos dentro da familia Anatidae que son verdadeiramente mariños en inverno, están excluídos deste grupo por convención. Moitas aves limícolas e ardeidas poden ser consideradas mariñas, dado que habitan na costa, pero non se clasifican desta maneira.
Evolución e rexistro fósil
miniatura|Hesperornis, unha ave mariña do Cretáceo.
As aves mariñas, debido a que pasan a súa vida en medios sedimentarios, é dicir, ambientes nos que existe unha sedimentación case permanente, están ben representadas no rexistro fósil. Sábese que xurdiron no período Cretáceo. Por exemplo, deste período datan os Hesperornithiformes, un grupo de aves non voadoras parecidas ós mergullóns, que podían mergullarse de forma similar a estes e ás mobellas —utilizando as súas patas para desprazarse debaixo da auga—, aínda que esta familia posuía un pico con dentes afiados.
A pesar de que Hesperornis non parece que deixara descendentes, as primeiras aves mariñas modernas tamén xurdiron no Cretáceo, cunha especie denominada Tytthostonyx glauconiticus, aparentemente relacionada cos procelariformes ou cos pelecaniformes. No Paleóxeno, os océanos estaban dominados polos primeiros proceláridos, pingüíns xigantes e dúas familias extintas, Pelagornithidae e Plotopteridae, un grupo de aves de gran tamaño e similares ós pingüíns. Os xéneros modernos comezaron a súa grande expansión no Mioceno, aínda que Puffinus, que inclúe ás actuais pardela furabuchos e pardela curricacho, data do Oligoceno. A maior diversidade de aves mariñas parece que se deu no Mioceno tardío e no Plioceno. Ó final deste último, a cadea trófica oceánica trastornouse debido á extinción dunha considerable cantidade de especies; a expansión do número de mamíferos no mar impediu que as aves mariñas recuperasen a súa antiga diversidade.
Características
Adaptacións para a vida marítima
miniatura|esquerda|Os corvos mariños, como por exemplo Phalacrocorax auritus, presentan unha capa de plumas única que deixa pasar menos aire, pero que de todas formas absorbe auga. Isto permítelles termorregularse e combater a flotabilidade natural. As aves mariñas posúen numerosas adaptacións para vivir e alimentarse no mar. A morfoloxía das súas ás débese ó nicho no que evolucionaron, de forma tal que, ó miralas, un científico pode coñecer datos sobre o seu comportamento e alimentación. Ás longas e unha carga alar baixa son típicas das especies peláxicas, mentres que as mergulladoras presentan ás máis curtas. Especies como o albatros viaxeiro, que procura o seu alimento na superficie do océano, teñen unha capacidade reducida de voo propulsado e dependen dun tipo de planeo chamado «dinámico» —no que o vento desviado polas ondas fai que a ave se eleve— así como do planeo de ascenso ou descenso. Algúns petreis, álcidos e pingüíns presentan ás apropiadas para moverse debaixo da auga e nalgúns casos, como o destes últimos, non están preparadas para o voo. Estas aves poden mergullarse ata 250 m e son capaces de almacenar osíxeno, sexa en sacos de aire ou a través da mioglobina que posúen os seus músculos. Os pingüíns teñen un maior volume sanguíneo, o que lles permite almacenar máis osíxeno. Á hora de mergullarse, tamén poden diminuír a súa frecuencia cardíaca e levar sangue só ós órganos vitais. Case todas as aves mariñas teñen patas palmadas, o cal lles permite moverse facilmente na superficie e, no caso dalgunhas especies, mergullarse. Os procelariformes posúen un sentido do olfacto infrecuentemente forte para unha ave, que utilizan para atopar o seu alimento en grandes superficies do océano, e posiblemente, para localizar as súas colonias.
Ás glándulas supra-orbitais axudan a que as aves mariñas poidan osmorregularse e eliminar o sal que inxiren ó beber e ó alimentarse, particularmente de crustáceos. As excrecións desas glándulas —que se localizan na cabeza— emerxen da cavidade nasal e son case puramente cloruro de sodio, aínda que tamén presentan pequenas cantidades de potasio e bicarbonato, xunto cunha mínima porción de urea. Están baixo control do nervio parasimpático e poden ser detidas con anestesia e drogas tales como os inhibidores do dióxido de carbono. Son unha adaptación fundamental debido a que os riles destas aves non poderían eliminar concentracións tan elevadas desta substancia; se ben todas as aves presentan unha glándula nasal, esta non está tan desenvolvida como a dos corvos mariños ou a dos pingüíns. De feito, as aves mariñas teñen glándulas supra-orbitais de dez a cen veces máis grande que as das terrestres, dado que isto depende da cantidade de sal á que están expostas. A regulación hiposmótica, é dicir, o mecanismo de conservación dos organismos que viven en condicións de extrema salinidade, dáse tamén a través da «redución de fluxos disparativos», como a urina, que se reduce para evitar que se perda a auga.
Excepto os corvos mariños e algúns estérnidos, e de forma similar á maioría das aves, tódalas aves mariñas posúen unha plumaxe resistente á auga. Porén, en comparación coas especies de terra, posúen máis plumas para protexer o seu corpo. Esta plumaxe densa fai que a ave non se molle; o frío é evitado cunha capa espesa de penuxe. Os corvos mariños presentan unha capa de plumas única que deixa pasar menos aire e que, como consecuencia, fai que absorban auga. Isto permítelles nadar sen loitar contra a flotabilidade que causa reter aire entre as plumas, pero tamén reteñen a cantidade suficiente deste como para evitar que perdan demasiada calor en contacto coa auga.
A plumaxe da maioría das aves mariñas, restrinxido a variacións de negro, branco ou gris, é menos alegre que a das de terra. Certas especies locen plumas vistosas, como as tropicais ou certos pingüíns, pero o maior colorido concéntrase nos picos e patas. A plumaxe das aves mariñas serve para camuflarse de modo defensivo —a cor do pato-petrel antártico, que é a mesma que a dos acoirazados da Armada dos Estados Unidos, reduce a súa visibilidade no mar— e agresivo —a parte branca inferior que posúen moitas especies as axuda a esconderse da súas presas debaixo—. O feito de que as puntas das ás sexan normalmente negras pola melanina axuda a impedir a deterioración e a fricción nas plumas.
Dieta e alimentación
As aves mariñas evolucionaron para obter o seu alimento dos mares e océanos; de feito, a súa fisioloxía e comportamento están adaptados a súa dieta. Estas condicións de vida fixeron que especies de distintas familias e incluso de ordes diferentes desenvolvesen estratexias similares ante os mesmos problemas, o que constitúe un grande exemplo de evolución converxente, como a que existe entre os pingüíns e os álcidos. Obsérvanse catro estratexias básicas de alimentación no mar: alimentarse da superficie, perseguir a comida mergullándose, realizar unha caída en picado e depredar vertebrados de maior tamaño. Dentro destas categorías hai numerosas variacións.
Alimentación en superficie
miniatura|Un espécime de paíño de Wilson «camiñando» sobre a superficie da auga.
Moitas aves mariñas aliméntanse na superficie do océano, dado que as correntes adoitan concentrar comida como kril, peixes forraxeiros, luras e outras presas que teñen ó seu alcance con só afundir a cabeza. Este método pode ser dividido en dous: a alimentación en superficie durante o voo —o que fan por exemplo os petreis, as fragatas e os hidrobátidos— e a alimentación durante a natación —como os fulmares, as gaivotas, varias pardelas e os petreis—. Na primeira categoría encóntranse algunhas das aves mariñas máis acrobáticas. Algunhas toman bocados dende a auga, como fan as fragatas e algúns estérnidos, e outras «camiñan» correndo e dando voltas na superficie da auga, como algúns hidrobátidos. Moitas delas nin sequera aterran na auga, e algunhas, como as fragatas, teñen dificultades para remontar o voo se o fan. Outra familia que non aterra para alimentarse é Rynchopidae, que ten un método único para cazar: voa cerca da superficie coa mandíbula na auga, que se cerra automaticamente cando o seu peteiro toca algo. O peteiro reflicte o seu tipo de vida infrecuente; o maxilar inferior é máis longo que o superior.