O Canadiens de Montréal (en francés) ou Montreal Canadiens (en inglés) é un equipo profesional canadense de hóckey sobre xeo da cidade de Montreal (Quebec) que compite na National Hockey League (NHL), estando encadrado na Atlantic Division da Conferencia Leste. O nome oficial do club é le Club de hockey Canadien. Entre os alcumes do equipo en francés están Les Canadiens (ou Le Canadien), Le Bleu-Blanc-Rouge, La Sainte-Flanelle, Le Tricolore, Les Glorieux (ou Nos Glorieux), Les Habitants, Le CH e Le Grand Club. O principal alcume do equipo en inglés é Habs, unha abreviatura de "Les Habitants".

Fundados en 1909, os Canadiens son o equipo máis antigo de toda a competición e o equipo profesional de hóckey sobre xeo que leva funcionando dende hai máis tempo, e o único equipo da NHL que xa existía antes da fundación da liga. Entre 1909 e 1917 competiu na NHA, e a partir de 1917 comezou a súa andaina na LNH. Son unha das franquías deportivas profesionais norteamericanas máis antigas, sendo a súa historia anterior á de calquera outra franquía canadense con excepción das do fútbol canadense, así como á de calquera franquía estadounidense agás as do béisbol e os Arizona Cardinals da National Football League (NFL). A franquía é un dos equipos denominados "Original Six", o nome que reciben os equipos que competiron na NHL dende 1942 ata a expansión de 1967.

Con 24 títulos é o equipo máis laureado da NHL, moi lonxe dos Toronto Maple Leafs que son o segundo equipo con máis títulos, cun total de 13. O campionato conseguido na tempada 1992-93 foi a última vez que un equipo canadense gañou a Stanley Cup.

Historia

Fundación e primeiros anos alt=A group photograph of ten hockey players wearing horizontally striped jerseys with a maple leaf logo surrounding the letters "CAC", along with their coach|right|miniatura|280x280px|Os Montreal Canadiens posan para unha foto de equipo, 1912–13. En novembro de 1909, o industrial Ambrose O'Brien, de Renfrew, Ontario, estaba en Montreal para adquirir subministracións para un contrato ferroviario. petición do equipo de hóckey Renfrew Creamery Kings, O'Brien asistiu ás reunións da Eastern Canada Hockey Association (ECHA), que tiveron lugar no Hotel Windsor, para representar a Renfrew na súa solicitude para unirse á liga. Na reunión, os donos dos equipos da ECHA rexeitaron a solicitude de Renfrew. No vestíbulo do hotel, O'Brien coñeceu a Jimmy Gardner, director dos Montreal Wanderers, con quen falou de formar unha liga nova que incluiría o Renfrew, os Wanderers, e dous equipos que O'Brien posuía nas cidades mineiras de Ontario de Cobalt e Haileybury. Gardner suxeriu que O'Brien crease un equipo de xogadores francófonos radicado en Montreal, que rivalizase co equipo anglófono dos Wanderers. Como resultado, o 2 de decembro de 1909 fundouse a National Hockey Association (NHA), e Les Canadiens foron creados dous días máis tarde, inicialmente financiados por O'Brien co intento de transferir a propiedade a deportistas francófonos de Montreal canto antes.

Os Canadiens xogaron o seu primeiro partido o 5 de xaneiro de 1910, adestrados por Jack Laviolette. Ante un pavillón cheo con 3.000 espectadores, derrotaron a Cobalt por 7 goles a 6 na prórroga. A vitoria foi borrada dos libros de historia pouco despois, cando a CHA colapsou despois de tan só dúas semanas de competición, e a NHA escolleu reiniciar a tempada despois de absorber os Ottawa Senators e os Montreal Shamrocks da CHA. O primeiro partido dos Canadiens da nova tempada foi disputado o 19 de xaneiro, cunha derrota por 9–4 fronte aos Renfrew Creamery Kings. Os Canadiens gañaron tan só dous dos seus 12 partidos da tempada, e acabaron na última posición da liga de oito equipos.

George Kennedy, dono do Club Athlétique Canadien (CAC), reclamou os dereitos do nome do equipo aos "Canadiens" a tempada seguinte, mais resolveu a disputa comprando o equipo a O'Brien por 7.500 dólares.

Os Canadiens chegaron aos play-offs por primeira vez na tempada 1913–14, cando empataron cos Toronto Blueshirts na cabeza da liga con 26 puntos. Os dous equipos xogaron unha serie de dous partidos para alzarse co campionato, que se decidiu polos goles totais. Georges Vézina conseguiu un shutout fronte aos Blueshirts 2–0 no primeiro partido, mais os Canadiens foron derrotados por 6–0 no segundo e perderon a serie. Dous anos despois, na tempada 1915-16, os Canadiens gañaron o seu primeiro título da NHA, a O'Brien Cup, cun rexistro de 16 vitorias, 7 derrotas e un empate, tres vitorias máis que os segundos clasificados, os Senators. O título conseguido polos Canadiens outorgoulles a súa primeira presenza nas finais da Stanley Cup, onde se enfrontaron aos Portland Rosebuds da Pacific Coast Hockey Association (PCHA). No partido decisivo, disputado en Montreal, Goldie Prodgers marcou o gol gañador cando só faltaban catro minutos para acabar o partido, dando aos Canadiens a súa primeira Stanley Cup.

Creación da NHL A NHA viu o seu final no inverno de 1917 logo de varias longas disputas entre o dono dos Blueshirts Eddie Livingstone e os outros catro equipos da liga sobre quen posuía os dereitos de varios xogadores. Con todo, Canadiens, Wanderers, Senators e Quebec Bulldogs crearon unha nova liga o 26 de novembro, a National Hockey League (NHL), non convidando a unirse a Livingstone. Con todo, os catro equipos comprenderon que sería impensable non ter un equipo de Toronto na súa liga. Tamén necesitaron un cuarto equipo para equilibrar a táboa logo das dificultades económicas que forzaron a desaparición dos Bulldogs (como se viu despois, non tomarían o xeo ata 1919). Con isto en mente, concederon unha franquía "temporal" á Toronto Arena Company, a cal finalmente evolucionou cara aos rivais dos Canadiens, os Toronto Maple Leafs.

miniatura|esquerda|Georges Vezina xogou 16 tempadas nos Montreal Canadiens entre 1910 e 1925. O Vezina Trophy foi nomeado no seu honor. Joe Malone anotou cinco goles para os Canadiens no seu debut na NHL o 19 de decembro de 1917, unha vitoria sobre os Senators. A liga estivo a piques de rematar para o equipo o 2 de xaneiro de 1918, logo de que un incendio destruíra o Montreal Arena, a casa tanto dos Wanderers como dos Canadiens. Os Canadiens trasladáronse ao Jubilee Arena, un pavillón con capacidade para 3.000 espectadores, mais os Wanderers cesaron as súas operacións, reducindo a NHL a tres equipos. Xogando un renovado calendario de tempada, Montreal gañou a primeira metade do título, mais perdeu o título de liga na segunda metade fronte a Toronto por 10-7 nunha serie a dobre partido decidida polos goles totais.

Os Canadiens gañaron o título da NHL fronte aos Senators na tempada 1918-19, e viaxaron ao oeste para enfrontárense aos campións da PCHA, os Seattle Metropolitans, para conquistar a súa primeira Stanley Cup. As series son máis recordadas pola súa cancelación debido á epidemia de gripe española. Varios xogadores de ambos os dous equipos enfermaron, levando ás autoridades sanitarias de Seattle a cancelar o sexto e decisivo partido. Ante a imposibilidade de Kennedy para atopar xogadores, anunciou que perdera o partido, porén os Metropolitans rexeitaron o título.

Na tempada 1923–24 o equipo finalizou segundo na liga regular tras Ottawa, mais derrotou os Senators nos play-offs para gañar o campionato de liga e chegar á final da Stanley Cup fronte aos Calgary Tigers da Western Canada Hockey League (WCHL). Os Canadiens gañaron a serie ao mellor de tres encontros en dous xogos, conseguindo a súa segunda Stanley Cup. Howie Morenz era a estrela ofensiva da serie, anotando un hat trick no primeiro partido e un gol no segundo.

Para a tempada1924–25, os Canadiens celebraron o seu status de campión mundial cun deseño especial para o seu xersei. O equipo pasou o seu logo CH ás súas mangas e xogou cun gran globo do mundo no frontal dos seus xerseis. Montreal finalizou na terceira posición da clasificación da liga e derrotou Toronto nas semifinais. Os principais xogadores dos Hamilton Tigers rexeitaron participar nunha serie dos play-offs se non se lles pagaban 200$ adicionais a cada un. Ao non ceder nas súas exixencias, o presidente da NHL Frank Calder suspendeu ao equipo enteiro, e declarou campión de liga aos Canadiens. Así, os Habs viaxaron á costa do Pacífico para xogar contra os Victoria Cougars da WCHL nas finais da Stanley Cup de 1925. Os Cougars gañaron as series ao mellor de cinco encontros por 3 a 1; esta foi a última vez que un equipo que non fora da NHL gañou a Stanley Cup.

En 1931 os Canadiens convertéronse no primeiro equipo na historia da Stanley Cup en repetir campionato tras derrotar os Chicago Black Hawks en cinco partidos, revalidando o título conseguido na tempada anterior fronte aos Boston Bruins.

Gran Depresión e segunda guerra mundial miniatura|270px|Os Canadiens en 1942. A asistencia estaba en declive en toda a liga cando tivo lugar a Gran Depresión. Os Habs rexistraron un balance perdedor na tempada 1932–33, o que reduciu a asistencia. A situación económica obrigou o equipo a vender a Morenz aos Black Hawks en 1934 para tentar recortar custos, nunha decisión moi impopular.

Con perdas de 60 000$ nas dúas tempadas anteriores, os Canadiens foron postos temporalmente á venda en 1935. Dandurand e Cattarinich entraron en negociacións para vender o club e trasladalo a Cleveland (Ohio, Estados Unidos), mais un sindicato local de homes de negocios de Montreal liderado por Maurice Forget e Ernest Savard evitou a transferencia. Porén os Canadiens finalizaron co peor rexistro da liga na 1935–36, o que levou os propietarios a pedir a Cecil Hart que adestrase o equipo, quen aceptou coa condición de que recuperasen a Morenz, que finalmente regresaría logo dun traspaso cos New York Rangers. Mais o seu retorno duraría menos dun ano a causa dunha lesión.

Os Canadiens continuaron a rematar preto das últimas posicións da clasificación da liga durante varias tempadas. A menor puntuación chegou na tempada 1939–40 cando, cun cadro envellecido, os Canadiens só gañaron 10 partidos, o que reduciu a asistencia de público, facendo que Savard e os seus socios considerasen a suspensión de operacións polo menos durante a segunda guerra mundial. En lugar diso venderon a franquía ao propietario do equipo, a Canadian Arena Company.

Neste punto, o alivio chegou dun inesperado propietario dos Maple Leafs. A Depresión forzara xa a tres equipos a pechar ou suspender operacións para non regresar. Ademais, os New York Americans foran tutelados pola liga desde 1936, e considerábase que era cuestión de tempo que desaparecesen. Smythe non quixo ver desaparecer os Canadiens, e suxeriu que Arena Company contratase o ex-adestrador dos Maple Leafs, Dick Irvin. Arena Company aceptou de bo grado a suxestión de Smythe, e volveuse a Irvin para liderar a revitalización do equipo.

En 1943, o esforzo da guerra tivo un efecto devastador en moitos cadros de xogadores. Mais en contraste co resto dos equipos, os Canadiens tan só perderon a un xogador chave, Ken Reardon. O novo fenómeno Maurice Richard tentou alistarse, mais foi rexeitado debido á súa historia médica. Liderados pola "Punch Line" de Richard, Toe Blake e Elmer Lach, os Habs gañaron a súa quinta Stanley Cup en 1944, perdendo tan só cinco partidos na liga regular. Na tempada 1944–45, o equipo gañou 38 partidos e perdeu só oito.

Era do Original Six esquerda|miniatura|Maurice "Rocket" Richard foi a estrela dos Canadiens desde 1942 ata 1960 e o protagonista dos disturbios que tiveron lugar en Montreal en 1955. Antes da expansión da NHL de 1967, a liga foi reducida a seis franquías, que serían coñecidas despois de 1967 polo nome de "Original Six". Frank J. Selke substituíu a Tommy Gorman como director xeral dos Canadiens en 1946, e mantívose no posto ata 1964.