Daniel Cancela Rodríguez, coñecido como Dani Cancela, nado na Coruña o 23 de setembro de 1981, é un exfutbolista galego, nacionalizado hongkonés, que xogaba de defensa. Comezou a súa carreira no Fabril, pasando logo polo Fuenlabrada e o Lugo, antes de marchar en 2010 a Hong Kong, onde militou durante 12 anos nas filas do Kitchee SC. Gañou 25 títulos co club, do que foi capitán e do que é o xogador estranxeiro con máis partidos disputados na súa historia.

Trala súa naturalización como cidadán do país, foi 15 veces internacional coa selección de Hong Kong.

Traxectoria

Clubs Formouse na canteira do Deportivo da Coruña. Na tempada 2000/01 xogou cedido no Malpica e durante os seguintes cinco anos xogou co Fabril en Terceira División. Logo xogou dúas tempadas no CF Fuenlabrada e outras dúas no CD Lugo, en ambos os casos na Segunda División B.

En xullo de 2010 tras unha proba frustrada co BK Häcken da Allsvenskan (primeira división sueca), puxo rumbo cara a Hong Kong para fichar polo Kitchee SC, da Primeira División de Hong Kong, onde coincidiu co tamén galego "Chino" Losada. Con este club gañou numerosos títulos durante a seguinte década, entre eles oito ligas, e xogou habitualmente a Liga de Campións da AFC e a Copa da AFC. En 2014 acadou as semifinais da Copa da AFC, onde foron eliminados polo Erbil do Kurdistán iraquí.

Debutou na Liga de Campións o 6 de marzo de 2018, nun partido contra o Kashiwa Reysol no Xapón, que rematou con vitoria pola mínima para o equipo nipón. Con todo, unha semana despois, contra o mesmo equipo, Cancela e o Kitchee lograron a primeira vitoria dun equipo de Hong Kong na historia da Liga de Campións (1-0). En 2022, no día no que o Kitchee disputaba por primeira vez os oitavos de final da Liga de Campións, Cancela converteuse no primeiro xogador estranxeiro na historia do club en acadar os 250 partidos. Pouco despois colgou as botas, despois de 12 anos como xogador do club e con 25 títulos no seu palmarés.

Internacional En outubro de 2017 recibiu a nacionalidade hongkonesa e ese mesmo mes debutou con 36 anos como internacional coa selección de fútbol de Hong Kong, nun partido amigábel contra a selección de Laos, gañando 4-0. Disputou un total de 15 partidos como internacional ata 2019.

Palmarés Kitchee Premier League de Hong Kong (5): 2014/15, 2016/17, 2017/18, 2019/20, 2020/21. Primeira División de Hong Kong (3): 2010/11, 2011/12, 2013/14. Hong Kong Senior Shield (2): 2016/17, 2018/19. Copa FA de Hong Kong (6): 2011/12, 2012/13, 2014/15, 2016/17, 2017/18, 2018/19. Sapling Cup (2): 2017/18, 2019/20. Copa da Liga de Hong Kong (3): 2011/12, 2014/15, 2015/16. Hong Kong Community Cup (2): 2017, 2018.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com

Categoría:Nados en 1981 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores da SCD Malpica Categoría:Xogadores do CF Fuenlabrada Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Kitchee SC Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Hong Kong