Ruben Rivera Corral, nado na Coruña o 3 de maio de 1985, é un exfutbolista galego que xogaba de dianteiro. Aínda que chegou a debutar na Primeira División co Deportivo da Coruña, desenvolveu a maior parte da súa carreira en clubs galegos da Segunda B e da Terceira, disputando máis de 700 partidos totais nos que marcou case 250 goles. Vestiu a camiseta de máis dunha ducia de equipos, conseguindo altas cifras anotadoras no Laracha, no Fabril, no Montañeros, no Boiro e no Bergantiños. Xogou tamén na máxima categoría do fútbol austríaco, nas filas do Wolfsberger e do Admira.

Traxectoria

Comezos Coruñés de Catro Camiños, formouse na canteira do Montañeros e do Deportivo da Coruña, e rematada a súa etapa como xuvenil fichou polo Laracha, da Terceira División. Ás ordes de José Luis Vara, o Laracha acabou un posto por debaixo da zona de ascenso e Rubén Rivera foi o segundo máximo goleador do Grupo I, con 19 goles, superado só polos 22 de Jonathan Carril.

Fabril O seu gran rendemento no club da Laracha chamou a atención do Celta de Vigo, que lle realizou unha oferta ao xogador para que militase co seu filial na Segunda B. Con todo, este rexeitou o ofrecemento céltico e asinou co Fabril, da Terceira División, regresando así á disciplina deportivista. Menos dun mes despois da súa chegada disputou co primeiro equipo do Deportivo a 60ª edición do Trofeo Teresa Herrera, enfrontándose en Riazor ao Peñarol uruguaio, encontro no que substituíu na segunda parte a Diego Tristán.

Na súa primeira tempada no filial coruñés marcou 16 tantos, sendo o máximo goleador do equipo. Con Tito Ramallo como técnico e con xogadores como Ian Mackay, Álex Bergantiños, Dani Cancela, Carlos Pita ou Iago Iglesias, o Fabril proclamouse campión do seu grupo, con sete puntos máis que o segundo clasificado, o Lugo, pero non conseguiu o ascenso.

O Fabril repetiu título na tempada seguinte, con 12 goles de Rubén Rivera, e finalmente conseguiu o ascenso na promoción, con outros dous goles do dianteiro coruñés nas semifinais ante o Anguiano. Esa mesma tempada debutou co primeiro equipo do Deportivo en partido oficial, no encontro de ida dos cuartos de final da Copa do Rei ante o Valladolid en Riazor. O adestrador Joaquín Caparrós deulle entrada no descanso, como substituto de Riki, e o coruñés anotou o segundo dos catro goles do seu equipo (4-1). Uns días despois debutou na Primeira División, xogando como titular na xornada 23 ante o Levante, partido no que formou dupla atacante xunto a Arizmendi.

Na tempada 2007/08 xogou 32 partidos co Fabril na categoría de bronce, disputando a promoción de ascenso á Segunda División, aínda que a súa cifra anotadora reduciuse a só dous goles, ante Celta B e Ourense. Disputou un total de 104 partidos nos seus tres anos no filial do Dépor, nos que marcou 32 goles.

Montañeros No verán de 2008 volveu ao Montañeros, de Terceira, onde recuperou as súas estatísticas goleadoras. Contribuíu con 19 goles ao ascenso do equipo adestrado por José Ramón e foi o terceiro máximo anotador do seu grupo, só por detrás de Hugo Soto e Felipe. Xogou durante os seguintes tres anos en Segunda B, e na tempada 2011/12 foi o máximo goleador do Grupo I, empatado a 19 dianas con Joselu, aínda que non puido evitar o descenso do club e a consecuente desaparición do equipo sénior.

Wolfsberger A continuación puxo rumbo a Austria, onde fichou polo Wolfsberger, da Bundesliga. Debutou co seu novo club na primeira rolda da Copa de Austria, marcando dous tantos na goleada por 1-8 do seu equipo sobre o Ostbahn XI. Once días despois xogou o seu primeiro partido na máxima categoría da liga austríaca, ante o Austria de Viena.

Marcou un triplete na segunda rolda da Copa, fronte ao Grazer AK (0-6) e conseguiu o seu primeiro gol en liga nunha derrota por 2-5 contra o SV Ried. Pechou a súa única tempada no club de Carintia, cun total de 34 partidos e 9 goles.

Admira Na tempada 2012/13 xogou noutro equipo austríaco, o Admira Wacker Mödling, da mesma categoría, ao que chegou nun intercambio por Dani Segovia. Apenas tivo protagonismo no conxunto da Baixa Austria, co que disputou só 9 encontros, case todos saíndo dende o banco dos suplentes. Nas primeiras xornadas tivo como adestrador ao histórico exfutbolista Toni Polster, ata que foi destituído polos malos resultados. En febreiro de 2014 Rubén Rivera deixou Austria, saíndo cedido ao Leganés, da Segunda División B.

Cesión ao Leganés No equipo madrileño tivo como adestrador a Asier Garitano, e contribuíu con sete partidos ao ascenso do club á Segunda División.

Avilés No verán de 2014 asinou como novo xogador do Avilés, tamén de Segunda B. Xogou só media tempada no conxunto avilesino, disputando un total de 15 partidos, cun gol anotado. No mercado invernal deixou Asturias e regresou a Galicia, fichando polo Coruxo.

Coruxo Debutou no club vigués marcando dous goles ante o Sporting de Gijón B, rompendo así o período de seca goleadora do equipo, que levaba 695 minutos sen conseguir anotar. Marcou tres goles máis co equipo verde, para un total de 5 en 18 partidos.

Boiro En 2015 asinou como novo xogador do Boiro, da Terceira División. Na súa primeira campaña marcou 22 goles, sendo unha peza clave para que o equipo de José Luis Lemos se proclamase campión e ascendese a Segunda B. Foi ademais o segundo máximo goleador do seu grupo, só por detrás do tamén exdeportivista Changui (24). Continuou como titular indiscutible durante a campaña 2016/17, na que marcou 11 goles, e foi unha peza clave para que o equipo do Barbanza acadase a permanencia, ao marcar cinco goles nas últimas catro xornadas, nas que o Boiro conseguiu saír da zona de descenso. Con todo, o club boirense acabou por ser descendido administrativamente por culpa das débedas.

Bergantiños En xuño de 2017 fichou polo Bergantiños, de Terceira. Na súa primeira campaña no club de Carballo compartiu ataque con Rodri Alonso, Iago Blanco e Nacho Fernández e con 44 partidos disputados, foi o segundo xogador con máis minutos do equipo, só por detrás de Baleato. Marcou 19 goles na liga, colocándose de novo entre os tres máximos goleadores do grupo (por detrás só de Javi Pazos e Primo), e anotou outro gol na promoción de ascenso, na que o seu equipo caeu ante o Atlético Cirbonero.

Na seguinte campaña disputou 9 partidos menos na liga regular por mor dunha lesión de xeonllo, pero acadou a mesma cifra de goles, clasificándose de novo para a promoción de ascenso, ao rematar o Bergantiños segundo por detrás do Racing de Ferrol. A lesión impediulle disputar a primeira eliminatoria ante o Covadonga, pero reapareceu para xogar na segunda, na que o club carballés perdeu contra o Villarrubia. Na súa terceira e última tempada en Carballo marcou 5 goles nun total de 28 partidos e foi titular no histórico partido da Copa do Rei que o seu equipo xogou contra o Sevilla en Riazor.

Montañeros En agosto de 2020 regresou de novo ao Montañeros, da Preferente Galicia. Con todo, non chegou a xogar debido á pandemia de COVID-19 que atrasou durante meses o inicio da competición, e en novembro foi cedido ao Silva, de Terceira.

Cesión ao Silva Disputou 12 partidos oficiais co club de San Cristovo das Viñas, adestrado por Bardanca, marcando dous tantos, ante Arzúa e As Pontes. Ademais, en decembro participou na 75ª edición do Trofeo Teresa Herrera, como membro dun combinado coruñés que se enfrontou ao Deportivo da Coruña. Foi a súa segunda participación no histórico torneo herculino, 15 anos despois de disputalo nas filas do Deportivo.

Regreso ao Montañeros Co inicio da competición en Preferente, regresou da súa cesión e púxose ás ordes de Dani Rodríguez, ata que o adestrador deixou o equipo por mor do cancro que pouco despois lle quitou a vida. O Montañeros clasificouse na segunda posición e disputou sen éxito a fase de ascenso, xa con Posi como adestrador, resultado similar ao que obtivo na campaña seguinte.

Na tempada 2022/23 Rivera marcou 20 goles en 35 partidos, pero o Montañeros só conseguiu ser 12º.

As Pontes Para a tempada 2023/24 fichou polo CD As Pontes, tamén da Preferente Norte. Disputou 30 partidos co club da comarca de Eume, anotando tres goles, pero non puido evitar o descenso do equipo á Primeira Galicia.

Paiosaco No verán de 2024 pasou a militar no Paiosaco, 14º e derradeiro club da súa carreira deportiva. Disputou 26 partidos co club larachés, marcando dous goles, e ao remate da tempada puxo fin á súa carreira deportiva, despois de máis de 700 partidos e case 250 goles.

Estatísticas

ClubTempadaCategoríaLigaCopa nacionalOutrosInclúe partidos de promoción de ascenso a Segunda e a Segunda B, Copa Federación e Copa Deputación da Coruña.TotalPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesPartidosGolesLaracha2004/05Terceira División3619 - - - -3619Fabril2005/06Terceira División3516 - -2037162006/07Terceira División3112 - -4235142007/08Segunda División B312 - -10322Total club9730007210432Deportivo da Coruña2006/07Primeira División1021 - -31Montañeros2008/09Terceira División3619-- - -36192009/10Segunda División B3711-- - -37112010/11Segunda División B349 - - 2 03692011/12Segunda División B3619-- - - 3619Total club1435800 2 014558Wolfsberger2012/13Bundesliga de Austia30346 - -3492013/14Bundesliga de Austia0010 - -10Total club3035600359Admira2013/14Bundesliga de Austia8010 - -90Leganés2013/14Segunda División B7000 0 070Avilés2014/15Segunda División B13120 - -151Coruxo2014/15Segunda División B18500 - -185Boiro2015/16Terceira División3822 - - 4 142232016/17Segunda División B341010 4 13911Total club763210828534Bergantiños2017/18Terceira División3819 - -6544242018/19Terceira División3119 - -3034192019/20Terceira División2751040325Total club96431013511048Silva2020/21Terceira División122 - - - -122Montañeros2020/21Preferente Galicia133 - - - -1332021/22Preferente Galicia3211 - - - -32112022/23Preferente Galicia3218 - -323520Total club773200328034As Pontes2023/24Preferente Galicia303 - - - -303Paiosaco2024/25Preferente Galicia262 - -10252Total carreira 666 230 12734 11 710248

Palmarés Fabril Terceira División (2): 2005/06, 2006/07.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en LaPreferente.com .

Categoría:Nados en 1985 Categoría:Nados na Coruña Categoría:Futbolistas da Coruña Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Montañeros CF Categoría:Xogadores do Wolfsberger AC Categoría:Xogadores do CD Leganés Categoría:Xogadores do Real Avilés CF Categoría:Xogadores do Coruxo FC Categoría:Xogadores do CD Boiro Categoría:Xogadores do Bergantiños FC Categoría:Xogadores do Silva SD Categoría:Xogadores do CD As Pontes Categoría:Xogadores da UD Paiosaco