Johannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart máis coñecido co nome de Wolfgang Amadeus Mozart (), nado en Salzburgo o 27 de xaneiro de 1756 e finado en Viena o 5 de decembro de 1791, é considerado un dos máis grandes compositores de música clásica europea.

A obra mozartiana abarca todos os xéneros musicais da súa época e alcanza máis de seiscentas creacións, na súa maioría recoñecidas como obras mestras da música sinfónica, concertante, de cámara, para piano, operística e coral, logrando unha popularidade e difusión universal.

Na súa nenez máis temperá en Salzburgo, Mozart mostrou unha capacidade prodixiosa no dominio de instrumentos de teclado e do violín. Con só cinco anos xa compuña obras musicais e as súas interpretacións eran do aprecio da aristocracia e realeza europea. Aos dezasete anos foi contratado como músico na corte de Salzburgo, pero a súa inquietude levouno a viaxar á busca dunha mellor posición, sempre compoñendo de forma prolífica. Durante a súa visita a Viena en 1781, tras ser despedido do seu posto na corte, decidiu instalarse nesta cidade onde alcanzou a fama que mantivo o resto da súa vida, a pesar de pasar por situacións financeiras difíciles. Nos seus anos finais, compuxo moitas das súas sinfonías, concertos e óperas máis coñecidas, así como o seu Réquiem. As circunstancias da súa temperá morte foron obxecto de numerosas especulacións e elevada á categoría de mito.

En palabras de críticos de música como Nicholas Till, Mozart sempre aprendía vorazmente doutros músicos e desenvolveu un esplendor e unha madureza de estilo que abarcou desde a luz e a elegancia, á escuridade e a paixón -todo ben fundado por unha visión da humanidade «redimida pola arte, perdoada e reconciliada coa natureza e o absoluto»-.Till, p. 320 A súa influencia en toda a música occidental posterior é profunda; Ludwig van Beethoven escribiu as súas primeiras composicións á sombra de Mozart, de quen Joseph Haydn escribiu que «a posteridade non verá tal talento outra vez en cen anos».Robbins Landon, p. 171

Traxectoria Familia e infancia

miniatura|esquerda|170px|Casa natal de Mozart, na rúa Getreidegasse núm. 9, Salzburgo. Wolfgang Amadeus Mozart naceu o 27 de xaneiro de 1756 en Salzburgo, na actual Austria, que nesa época era un arcebispado independente do Sacro Imperio Romano Xermánico. Foi o último fillo de Leopold Mozart (1719-1787), músico ao servizo do príncipe arcebispo de Salzburgo. Leopold era o segundo mestre de capela na corte do arcebispo de Salzburgo e un compositor con pouca relevancia, aínda que foi un experimentado profesor. A súa nai chamábase Anna Maria, nada Pertl (1720-1778). Debido á alta mortalidade infantil na Europa da época, dos sete fillos que tivo o matrimonio só sobreviviron Maria Anna (1751-1829), alcumada cariñosamente Nannerl, e Wolfgang Amadeus. Foi bautizado na catedral de San Ruperto o día despois do seu nacemento, figurando no rexistro bautismal cos nomes latinizados de Joannes Chrysostomus Wolfgangus Theophilus Mozart; ao longo da súa vida asinaría con diversas variacións sobre o seu nome orixinal, sendo unha das máis recorrentes «Wolfgang Amadè Mozart».Deutsch, p. 9

A casa natal de Mozart atópase na rúa Getreidegasse núm. 9 da cidade de Salzburgo. Trátase dunha casa que actualmente conta cunha gran cantidade de obxectos da época e instrumentos que pertenceron a Mozart durante a súa nenez. É un dos lugares máis visitados de Salzburgo e unha especie de santuario para músicos e afeccionados á música de todo o mundo.

O seu pai Leopold era violinista, compositor, e daba clases de música. En 1743 Leopold fora nomeado cuarto violinista do conde Leopold Anton von Firmian, o Príncipe-Arcebispo de Salzburgo. Catro anos despois casou con Anna Maria en Salzburgo. Leopold converteuse en Kapellmeister adxunto da orquestra en 1763. Durante o ano do nacemento de Wolfgang publicou un tratado con éxito, para a interpretación do violín, titulado Versuch einer gründlichen Violinschule (en galego: Tratado completo sobre a técnica do violín). Despois do nacemento de Wolfgang abandonou todo, salvo as tarefas propias do seu cargo, para se dedicar de xeito exclusivo á formación do seu fillo e da súa irmá Nannerl, que tamén cedo manifestou extraordinarios dotes musicais. Parece correcto que boa parte do profesionalismo que Wolfgang veu a exhibir na súa madureza se debeu á rigorosa disciplina imposta polo seu pai. Aos catro anos recibe leccións de música do seu pai. En 1759 Leopold compilara un volume de composicións elementais para a aprendizaxe da súa filla, coñecido como Nannerl Notenbuch, que tamén serviu como manual didáctico para o seu irmán. Neste volume Leopold anotou as primeiras composicións de Mozart, datadas de 1761, o Andante para teclado en dó maior, Köchel Verzeichnis (KV 1a), e o Allegro para teclado en dó maior (KV 1b), mais é imposible determinar ata que punto son obras integras de Mozart ou se contan con achegas paternas. Tamén existe debate sobre se Wolfgang tiña catro ou cinco anos cando compuxo estas primeiras obras, K. 1–5, aínda que hai poucas dúbidas respecto a que compuxo as súas tres primeiras pezas con poucas semanas de diferenza entre elas: K. 1a, 1b, e 1c.

Nannerl e Wolfgang Amadeus mostraron desde moi pequenos facultades para a música. Nannerl comezou a recibir clases de teclado co seu pai cando tiña sete anos e o seu irmán, catro anos e medio máis novo que ela, mirábaa evidentemente fascinado. Anos logo da morte do seu irmán ela rememorou:

miniatura|Retrato de Wolfgang Amadeus Mozart pintado por encargo de Leopold Mozart en 1763. O autor é descoñecido, aínda que posiblemente fose Pietro Antonio Lorenzoni.

Definitivamente W. A. Mozart foi un neno prodixio por excelencia, como compositor e como intérprete. O seu proxenitor era un home intelixente, orgulloso e relixioso. Cría que os dons musicais do seu fillo eran un milagre divino que el, como pai, tiña a obriga de cultivar.Sadie, p. 33 Cando o neno ía cumprir 6 anos, Leopold decidiu exhibir os dotes musicais dos seus fillos diante as principais cortes de Europa. Segundo os primeiros biógrafos de Wolfgang, o seu pai «quixo compartir co mundo o milagroso talento do seu fillo...». Leopold creu que proclamar este milagre ao mundo era un deber para co seu país, o seu príncipe e o seu Deus, polo que tiña que mostralo á alta sociedade europea, xa que doutro xeito el sería a criatura máis ingrata.Sadie, pp. 34-36

O biógrafo Maynard Solomon afirma que, mentres Leopold era un profesor fiel aos seus fillos, existen probas de que Wolfgang traballaba duramente para avanzar máis aló do que lle ensinaban.Solomon, pp. 39–40 A súa primeira composición impresa e os seus esforzos precoces co violín foron por iniciativa propia e Leopold viuse fortemente sorprendido. Pai e fillo tiñan unha relación moi estreita e estes logros de nenez fixeron chorar de alegría a Leopold máis dunha vez.

Finalmente, Leopold deixou de compoñer cando o excepcional talento musical do seu fillo se volveu evidente.Solomon, p. 33 El era o único profesor de Wolfgang nos seus primeiros anos e ensinoulle música, así como o resto de disciplinas académicas.

Anos de viaxes

miniatura|esquerda|A familia Mozart durante a súa viaxe: Leopold, interpretando o violín; Wolfgang Amadeus, ao clavicémbalo e Nannerl, cantando. Acuarela de Louis Carrogis Carmontelle arredor de 1763.Solomon, p. 44 O seu pai exhibiuno polas principais cortes europeas, e nestas viaxes coñecerá a Haydn e os músicos de Mannheim. Durante os anos en que Mozart se estaba formando, a súa familia realizou varias viaxes por Europa, nas cales foron mostrados el e súa irmá Nannerl como nenos prodixio. O 12 de xaneiro de 1762 a familia enteira partiu para Múnic, comezando cunha exhibición na corte do príncipe elector de Baviera Maximiliano III e máis tarde no mesmo ano na corte imperial de Xosé II de Habsburgo en Viena e Praga. A permanencia na cidade de Viena, un dos principais centros da música nesa época, culminou en dous recitais diante a familia imperial no palacio de Schönbrunn. O pequeno Wolfgang causaba sensación en cada concerto, aínda que o diñeiro gañado nesta viaxe non foi tanto como os eloxios recibidos. Podería dicirse que esta foi unha viaxe de proba para Leopold. O 5 de xaneiro de 1763 a familia Mozart retornou para Salzburgo; a viaxe durara pouco menos dun ano.

O 9 de xuño de 1763 iniciaron unha longa xira de concertos que durou tres anos e medio, na que a familia se desprazou ata as cortes de Múnic, Mannheim, París, Londres, A Haia, outra vez para París e volveron para a casa pasando por Zürich, Donaueschingen e Múnic, conseguindo grandes éxitos. Durante esta viaxe Mozart coñeceu un gran número de músicos e as obras doutros compositores, en particular a Johann Christian Bach, a quen Mozart visitou en Londres en 1764 e 1765. Bach foi unha influencia importante para o mozo compositor. A familia regresou para Viena no final de 1767 e permaneceu na cidade ata decembro do ano seguinte. En Viena foron chamados ao palacio pola nai do emperador, María Tareixa, quen quedou encantada co neno Wolfgang Amadeus ata o punto de que ata o sentou no seu colo e bicouno.

En Versalles os Mozart tocaron diante o monarca Lois XV. A anécdota conta que nesa ocasión a amante do rei, a altiva Madame de Pompadour, non permitiu que o neno Wolfgang a abrazase por temor a que se lle estragase o traxe.Blom, p. 19 En Londres causaron a admiración do rei Xurxo III e durante esta viaxe o mozo músico compuxo a súa Primeira Sinfonía (en mi bemol maior, KV 16).Sadie, pp. 58–59 Nos Países Baixos asombrou tocando o órgano e compuxo o seu primeiro oratorio (Die Schuldigkeit des ersten Gebotes, KV 35) aos 9 anos.Blom, p. 30

A miúdo estas viaxes eran duras debido ás primitivas condicións das viaxes naquel tempo,Halliwell, pp. 51, 53 a necesidade de esperar pacientemente as invitacións e o pago das actuacións por parte da nobrezaHalliwell, pp. 47-48 e as longas enfermidades, algunhas case mortais, padecidas lonxe do seu fogar: en primeiro lugar enfermou Leopold, no verán de 1764 durante a súa estadía en Londres,Halliwell, pp. 82-83 e logo enfermaron ambos os nenos na Haia durante o outono de 1765.Halliwell, pp. 99-102

A familia regresou a Salzburgo o 30 de novembro de 1766 e neste tempo Mozart escribiu diversas novas pezas, incluíndo un grupo de importantes serenatas orquestrais, varias pezas sacras menores e diversas danzas, e foi indicado Konzertmeister honorario da corte o 27 de outubro, logo dun ano na cidade Leopold e Wolfgang viaxaron a Italia, deixando na casa á nai de Wolfgang e á súa irmá. Estas viaxes duraron de decembro de 1769 a marzo de 1771 e, do mesmo xeito que as primeiras viaxes que realizaron, tiñan como obxectivo mostrar as capacidades do mozo como intérprete e como compositor que maduraba axiña. Mozart coñeceu en Boloña a Josef Mysliveček que era membro da Academia Filharmónica, e a Giovanni Battista Martini, importante teórico da música naquel tempo e por quen Mozart sempre gardou un grande afecto, así mesmo foi aceptado como membro da Academia Filharmónica de Boloña, considerada o centro de erudición musical da época.Sadie, pp. 210–11Gutman, pp. 282-84 O ingreso de Mozart na Academia o 9 de outubro de 1770 foi extraordinario, xa que aínda lle faltaba moito para os vinte anos, idade mínima esixida polo regulamento.

En 1769 entrou ao servizo do arcebispo de Salzburgo, pero a personalidade de Mozart non estaba feita para servir a unha persoa en concreto. O seu espírito liberal chocou cunha sociedade que se resistía a abandonar o Antigo Réxime. miniatura|Wolfgang tocando o clavicordio e Thomas Linley (da mesma idade) o violín, durante a súa estadía en Florencia en 1770.